DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade organizada en colaboración co Cineclube Pontevedra

‘Falamos’ busca crear espazos de socialización en galego arredor do cinema

Coa proxección de tres filmes e o posterior faladoiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/05/2021

Incentivar o uso do galego entre a comunidade universitaria é o obxectivo central do programa Falamos, impulsado polo Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, e no que se insiren actividades como a proxección de tres filmes, complementada cun faladoiro, que neste mes de maio se desenvolve en colaboración co Cineclube Pontevedra. Aberta ao público xeral e con inscrición previa, esta actividade arranca o xoves 13 coa proxección de Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío; continúa o mércores 19 con As nosas derrotas, de Jean-Gabriel Périot; e complétase o 26 de maio con Vikingland, de Xurxo Chirro.

Segundo informa o Concello, as sesións programadas polo Cineclube serán de balde e precisan inscrición previa por cuestións de aforo e protocolos covid-19. Esta pode realizarse a través do correo electrónico falamos@pontevedra.gal e, no caso de non obter resposta 24 horas antes, tamén se habilita o teléfono 646908177. As tres proxeccións terán lugar no Teatro Principal e teñen como obxectivo promover, arredor do cinema, un espazo de socialización en lingua galega, propósito central deste programa coordinado pola Concellería de Normalización Lingüística e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.