DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrouse a cuarta edición desta iniciativa

A Feira de Emprego Xurídico pon en contacto a alumnado de Dereito con entidades do sector

Participaron consultoras, despachos de avogacía, administracións e outros organismos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 16/11/2021

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da cuarta edición da Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal, chamada Orienta Iuris. Nela, alumnado de grao e mestrado do centro puido coñecer de primeira man os perfís profesionais demandados e os programas de incorporación que teñen consultoras, despachos de avogacía, administracións e outros organismos. O obxectivo último da iniciativa foi fomentar a empregabilidade do alumnado de Dereito e a realización de prácticas cun coñecemento máis axustado aos seus intereses.  

O comité organizador de Orienta Iuris, que se celebra cada dous anos, estivo encabezado por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, e polas vicedecanas do centro Susana Álvarez e Lourdes Borrajo. Segundo explica Marta Fernández, a iniciativa empezou no ano 2016 “coa idea de proporcionar ao noso alumnado orientación profesional e facilitar a súa empregabilidade, ofrecéndolle información sobre as saídas profesionais que ten o dereito”. Con este obxectivo, apunta, optouse por un formato de feira na que o alumnado tivese contacto directo con futuros empregadores e puidese coñecer de primeira man os programas que teñen para incorporar persoal e para a súa promoción interna. Ademais, engade a decana, a a feira tamén xurdiu coa pretensión de que o alumando coñeza as competencias e habilidades que lles require o mercado laboral aos titulados e tituladas do eido xurídico, lembrando como “ademais de formación xurídica sólida, pídeselle cada vez máis outro tipo de habilidades, como idiomas, novas tecnoloxías, etc”.

Boa resposta de participación

Orienta Iuris está considerada como “a primeira feira de emprego especializada no ámbito xurídico en Galicia e Norte de Portugal”, pioneira na súa área xeográfica e unha iniciativa destinada a orientar a alumnado e egresadas e egresados de titulacións xurídicas e a axudarlles a definir o seu propio futuro profesional. Na edición deste ano asistiron estudantes dos catro cursos do grao en Dereito do campus de Ourense, do Programa Conxunto ADE-Dereito e do Mestrado Universitario en Avogacía, destacando desde a organización da feira a boa acollida que tivo entre o alumnado a iniciativa. Aínda que especialmente pensada para estes estudantes, a feira tamén estivo aberta a egresadas e egresados do centro organizador e a alumnado e tituladas e titulados do eido xurídico de universidades galegas e do Norte de Portugal.

As e os asistentes puideron percorrer ao longo da mañá os diferentes postos instalados na entrada do edificio Xurídico-Empresarial e conversar cas e cos representantes das entidades presentes, coñecer as oportunidades laborais que ofrecen e realizar as consultas precisas. Contaron con presencia na feira despachos como Arias Avogados, Garrigues, Rúa Abogados, Uria Menéndez e Baltar Abogados; consultoras como EY, Deloitte e Nortempo e entidades como a Axencia Europea de Control de Pesca, a Axencia Tributaria, o Instituto Nacional da Seguridade Social, a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, a Subdelegación de Goberno, o Polígono de San Cibrao, a fiscalía, ICA Ourense, IC Procuradores Ourense e AJA Jóvenes Abogados Ourense. Tamén contou cun espazo en Orienta Iuris a propia Área de Emprego da Universidade de Vigo. Algúns destes postos estiveron atendidos, como en edicións anteriores, por antigos alumnos e alumnas da Facultade de Dereito que forman actualmente parte do cadro de persoal de despachos ou administracións e que puideron achegar ás persoas interesadas a súa experiencia en primeira persoa sobre os procesos de selección que tiveron que superar.