DUVI

Diario da Universidade de Vigo

fft

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Visitas
  • Académica
D. Besadío DUVI 15/09/2022

Ledicia Costas e Manuel Bragado, dous dos baluartes máis recoñecidos das letras galegas, visitaron este xoves a Facultade de Filoloxía e Tradución para participar nunha conversa na que se reivindicou o papel de Vigo como “cidade de novela”. Foi un acto pensando e organizado para darlle a benvida ao curso 2022/2023 e, sobre todo, para agradecerlle ao alumnado de novo ingreso ter elixido esta facultade e, esta cidade, como lugar no que levar a cabo os seus estudos universitarios, uns estudos nos que “as letras”, no senso máis amplo da palabra, serán as grandes protagonistas.

O acto arrancou coa presentación do decano, o catedrático José Montero, e tras el, contouse coa participación doutras autoridades que tamén quixeron sumarse a esta actividade de benvida. Fíxoo o alcalde da cidade, Abel Caballero; o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, e tamén o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. Todos presumiron de vivir nunha auténtica cidade de novela, “capital do sector editorial galego” e berce de escritores tan relevantes como a propia Ledicia Costas, Manuel Bragado, Domingo Villar, Pedro Feijoo ou Manuel Esteban, que fixeron de Vigo un lugar literario, recoñecido dentro e fóra da fronteira galega.

Do Vigo criminal ao Vigo histórico, pasando polo Vigo obreiro

“Unha das fortalezas que caracterizan esta  facultade é o seu pulo na investigación, na docencia e nas diversas linguas e literaturas que aquí temos como materia”, explicoulles o decano ás persoas asistentes, ao tempo que fixo fincapé na dobre vertente, “docente e creadora”, que se dá neste centro, destacando nesta liña o feito de poder contar entre o profesorado con nomes de escritores tan prestixiosos como Anxo Angueira, Manuel Forcadela, Rexina Vega ou Gonzalo Navaza, e con investigadores e investigadoras tan prestixiosas como a profesora Helena Cortés, Premio Nacional de Tradución.

A docente do Departamento de Tradución e Lingüística Iolanda Galanes exerceu de mestra de cerimonias. Ela foi a encargada de moderar a conversa entre Costas e Bragado, pero o seu papel foi moito máis aló diso. Arrancou a súa presentación cunha intervención na que foi debullando, un a un, os múltiples percorridos literarios que poden realizarse na cidade de Vigo, entre eles: o Vigo criminal, “que tivo no profesor Manuel Forcadela a un dos precursores, pero ao que tamén podemos sumar nomes como María Xosé Porteiro”; o Vigo histórico, “aquel de Xavier Quiroga, da época da Segunda Guerra Mundial, e con Fran P. Lorenzo, que nos contou como se xestaron os grandes edificios desta cidade”, o Vigo obreiro de Darío Xohán Cabana ou de Francisco Castro, ou o Vigo querido de Agustín Fernández Paz, “que, mesmo non sendo de aquí, morou nesta cidade e causou pegada nel”, e o Vigo lugar de editores como  Manuel Bragado, Fran Alonso ou Francisco Castro, “que tamén son escritores”. Son só algúns dos percorridos que Galanes puxo sobre a mesa, non os únicos, falou tamén, “como non podía ser doutro xeito”, do roteiro sobre Domingo Villar, de murais con escritoras como protagonistas, ou dos trobadores que cantaron ás ondas do mar de Vigo.

Mirada da escritor/a

Que é Vigo para ti? ou Cales son os vosos lugares favoritos? Son algunhas das preguntas as que Costas e Bragado foron respondendo no fío da súa conversa. “Vigo para min é a cidade amada e dígoo porque creo que cada cidade é un estado de ánimo e só desde ese estado emocional é posible comprender o tema do que hoxe estamos a falar”, salientou Bragado, quen defendeu tamén que esta é unha cidade portuaria onde todo chega e todo marcha desde o mar. No caso de Costas, que aproveitou este acto para erixirse como “filla adoptiva desta facultade”, definiu Vigo como unha matrioska, formada por moitos lugares que foron concellos independentes, cada un cos seus encantos, desde o casco vello e os seus edificios máis emblemáticos, ata o Vigo máis rural.