DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun relatorio de Méndez Ferrín arrancaron hoxe os actos de homenaxe ao escritor mindoniense

A FFT celebra a descomunal dimensión literaria de Cunqueiro no 40 aniversario do seu cabodano 

Ata o xoves continuarán as charlas e ata o día 15 o prazo para concursar en Concita Cunqueiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Lingua Galega
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/03/2021

“Falar de Cunqueiro é falar do caudal principal da literatura galega do século XX”, asegurou Xosé Luis Méndez Ferrín ao inicio do seu relatorio Cunqueiro na literatura galega, co que este mediodía arrancaron os actos organizados pola Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo para conmemorar o 40 cabodano do autor mindoniense. Méndez Ferrín debullou na súa charla as diferentes facianas do escritor, sobre que o que asegurou que “Cunqueiro é moitos cunqueiros”, parafraseando a Borges cando afirmou “Yo que tantos hombres he sido”. O relatorio de Méndez Ferrín antecedeu á proxección dun documental sobre a obra do autor lucense, dirixido polo docente e investigador da UVigo Manuel Forcadela, no que contou coa colaboración do seu alumnado. Pola contra, hoxe non foi posible por mor da covid, a estrea en Europa da musicación dos poemas Anda a noivar e Tiña soño de cristais, poemas 7 e 13 de Cantiga nova que se chama riveira, a cargo do coro Gli Appassionati. 

A docente e escritora Rexina Vega foi a encargada de conducir a inauguración este martes do ciclo de charlas que sobre Cunqueiro se desenvolverán ata o vindeiro xoves, e que, xunto á presentación do libro Escolma de poesía anosada de A.C co adaxo do se cuadraxésimo cabodano, editado polo catedrático Xosé Henrique Costas, e do concurso Concita Cunqueiro, completan os actos programados pola FFT para homenaxear a Álvaro Cunqueiro. Nas súa intervención, a “cunqueiriana” Vega, como ela mesma se definiu, gabou a “descomunal dimensión literaria do escritor” e lembrou o traballo desenvolvido durante anos polos estudosos do escritor “que ten todo o futuro por vir”. Na inauguración dos actos, o director da editorial Galaxia, Francisco Castro, destacou que “non se pode entender a vida e a obra de Cunqueiro sen a editorial Galaxia” e lamentou que se estea deixando de atender a obra dun escritor que precisa dunha lectura ben demorada.

Pola súa banda, o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e o decano da FFT agradeceron o traballo desenvolvido polas persoas que organizaron os actos, que Alexandre Rodríguez Guerra agarda que “sirvan para homenaxear a un soñador único e irrepetible”. O reitor da Universidade de Vigo foi o encargado de pechar a inauguración amosando o seu convencemento en que “as humanidades teñen que xogar un papel fundamental e que o pensamento crítico baséase nas humanidades”. Reigosa rematou a súa intervención parafraseando a Cunqueiro para desexar “1000 primaveras máis para Galicia, para o galego e para as filoloxías galega e española na UVigo”.

Moitos cunqueiros en Cunqueiro 

Na súa charla ofrecida este mediodía titulada Cunqueiro na literatura galega, Xosé Luis Méndez Ferrín abordou a poliédrica personalidade do que Ferrín considera “o caudal principal da literatura galega no século XX” e dun autor que ten “a contradición política incrustada no corazón literario”.

Para Ferrín, este “Cunqueiro que é moitos cunqueiros” é fundamentalmente un poeta, algo que está nas súas orixes e permaneceu durante toda a súa vida. Pero tamén é o Mondoñedo un autor teatral, que aínda que non tivo moita produción “foi como unha bomba con Merlín e familia, cando a literatura galega necesitaba unha obra así”, dixo Ferrín. Sobre a súa faceta como xornalista, o autor de Con pólvora e magnolias, lembrou que Cunqueiro “viviu, comeu e disfrutou da vida pola súa produción como xornalista”, ademais de destacar a súa capacidade para situar na punta da súa pluma as necesidades colectivas e da historia. Ferrín mesmo designou a Cunqueiro como “o inventor do viño albariño cos seus artigos en Faro de Vigo, posto que antes estes viños non eran potables”, dixo.

Sobre o Cunqueiro narrador, Ferrín lembrouno como tardío, o que determinou que na década de 1950 do século pasado convivisen en Galicia diferentes propostas narrativas de varias xeracións, que abranguían desde o propio Cunqueiro a Ferrín, pasando por Blanco Amor e Anxel Fole. En relación coa súa faceta como poeta, o poñente destacou a súa evolución, “aparecendo co vangardismo e transformándose ata converterse en poesía próxima ao existencialismo”. Ferrín fixo ademais expresa referencia ao que definiu como “unha bomba trampa para a posteridade”, en relación coa obra Escolma de poesía anosada de A.C co adaxo do se cuadraxésimo cabodano, editado polo catedrático Xosé Henrique Costas, que inclúe traducións de poetas “que posiblemente sexan heterónimos seus que nunca existiron. Como bonecos de guiñol a través dos que fala, pero que ten voz melancólica e triste”, sinalou Méndez Ferrín. 

Dous días máis de charlas e o concurso Concita Cunqueiro

As charlas, que se poden seguir en directo a través de UVigoTV, continuarán mañá mércores e pasado xoves coa intervención de poñentes como Iago Castro, Antón Palacio, Paloma García e Marta Mariño, Miguel Somovilla, César Morán, Armando Requeixo, Xina Vega e Xosé María Álvarez Cáccamo. 

As actividades programadas na FFT co gallo do 40 cabodano de Cunqueiro complétanse co concurso Concita Cunqueiro, destinado a persoas de entre 15 e 30 anos, que deberán presentar, ata o 15 de marzo, unha cita de calquera obra poética, narrativa, teatral ou xornalística da obra de Álvaro Cunqueiro, cunha extensión máxima de tres liñas en prosa e sete versos en poesía, premiándose as tres mellores con galardóns de 300, 200 e 100 euros.