DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Únense á celebración do 8M con concursos, relatorios e vídeos

Filoloxía e Tradución e Enxeñaría de Minas reivindican as mulleres das letras e da tecnoloxía

Catro vídeos poñen en valor a Louise Glück, Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e María Moliner

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
DUVI 08/03/2021

Aínda que o acto institucional de celebración do Día Internacional da Muller na Universidade de Vigo será mañá martes, neste 8M foron varios os centros do campus de Vigo que se sumaron ás celebracións. Entre eles, a Facultade de Filoloxía e Tradución, que lanzou unha serie de vídeos sobre mulleres senlleiras do eido das letras, e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, que ademais dun relatorio sobre o papel das mulleres neste campo profesional, tamén fixo entrega dos premios do concurso Mulle_Rme.

Mulleres de letras que fixeron historia 

“Fálase con certa frecuencia de mulleres de ciencia que fixeron grandes descubrimentos, como Marie Curie o Rosalinde Franklin, pero non é habitual oír falar de mulleres de letras que fan tales cousas”, reflexiona a vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade da Facultade de Filoloxía e Tradución, Inmaculada Anaya, e unha das impulsoras de Mulleres de letras que fixeron historia, unha iniciativa coa que o centro celebra o 8M, ao tempo que dá a coñecer os seus recursos. A través de catro vídeos, dedicados a Louise Glück, Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e María Moliner, e un concurso nas redes, no que calquera persoa poderá elixir, de entre unha trintena de mulleres dos ámbitos da filosofía, historia ou literatura de todas as épocas e nacionalidades, aquela que considere máis relevante, a FFT procura unha celebración do Día internacional da muller especial, ao tempo que reivindica “a necesidade de que estes estudos sigan a ser un pilar fundamental na Universidade e da sociedade, en xeral”, explica Anaya.

En dous minutos e medio, a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa Rosalía Rodríguez fala da poetisa e premio Nobel de Literatura 2020 Louise Glück; mentres a profesora titular de Literatura española Montserrat Ribao fai o propio sobre Emilia Pardo Bazán; Ana Luna, docente de Tradución aborda a faceta como tradutora de Xela Arias e a propia Inmaculada Anaya reflexiona sobre a lexicógrafa María Moliner. “Non é doado resumir en tan pouco tempo a biografía destas catro mulleres”, explica a vicedecana, que agarda que as docentes fosen quen de achegar ao público “unha visión xeral de cada unha delas que pretende destacar a súa esencialidade e a súa presencia total neste ano 2021”, no que se cumpre o centenario da morte de Pardo Bazán, no que Xela Arias protagoniza o Día das Letras Galegas e no que Glück é a última gañadora do Nobel de Literatura. Ademais neste 2021 cómprense 40 anos do cabodano de María Moliner, “que para min representa o talento, o rigor, a capacidade do esforzo, a honestidade e coraxe. Todo isto queda reflectido na súa obra Diccionario de uso del español, elaborado sen medios informáticos, sen un equipo de redacción… Admiro o valor desta muller que, en solitario, levou a cabo, unha obra prodixiosa”, recoñece Inmaculada Anaya.

Estas catro mulleres que protagonizan os vídeos tamén aparecen nunha relación de 32 escritoras, filósofas, académicas e historiadoras de diferentes épocas e nacionalidades ás que calquera persoa pode votar nunha iniciativa que desde este luns e ata o vindeiro venres estará aberta á participación nas redes da FFT. “Por un lado, parecíanos que debíamos abrir a homenaxe a máis mulleres de letras que fixeron historia e, tamén, dar a oportunidade á comunidade universitaria de que se pronunciase sobre as súa favoritas”, explica a vicedecana, que sinala que entre as persoas que voten farase un sorteo con algúns regalos do centro como mochilas, máscaras, libros, etc. Simone de Beauvior, Olympe de Gouges, Virginia Woolf, Chimamanda Ngozi, Clara Campoamor, Carmen Conde, Toni Morrison, Safo de Lesbos ou Murasaki Shikibu, escritora xaponesa do século X-XI, son algunhas das mulleres que forman parte da relación de Mulleres que fixeron historia, entre as que as persoas que participe na votación poderán elixir.

As mulleres da minaría e a enerxía reivindícanse

 

Un ano máis, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía tamén se uniu á celebración desta data e fíxoo cunha cita dobre pero en modalidade virtual por mor das restricións derivadas da pandemia. A xornada abriuna Luz Cerezo Álvarez, enxeñeira de Minas e presidenta de  WIM Spain (Women in Mining and Industry) que, nun relatorio titulado Minería con M de Muller, repasou a historia da muller na minería e analizou a situación actual do sector. Repasando os seus inicios no sector, 12 anos atrás, valoraba positivamente ter contado con xefes que eran “defensores da mulleres no traballo” e crearon equipos técnicos cun 80% de mulleres. “Pero na obra a realidade non era a mesma e traballando con máis de 200 homes, a moitos non lles gustaba a miña presenza e o feito de que unha moza con pouco máis de 20 anos lles dixese o que tiñan que facer”, explica. De feito, relataba como chegaron a poñerlle probas para tratar de ridiculizala e “demostrar que sabían máis ca min” pero iso non lle supuxo un impedimento e como “apaixonada” das obras subterráneas, continuou traballando no sector “con paso firme e decidido”. Sobre a súa experiencia, recalca que cando lle preguntan se algunha vez se sentiu discriminada por ser muller “sempre digo que me sinto moi respectada no meu traballo, pero tamén é certo que a mulleres temos que esforzarnos moito máis para chegar ao mesmo sitio e iso é o que temos que intentar cambiar”. 

Luz Cerezo tamén fixo unha análise da presenza feminina no sector mineiro lembrando que hai tan só 25 anos que se permitiu o acceso da muller á minaría subterránea, en 1996. Transcorrido este tempo, as mulleres seguen a ser unha minoría no sector, menos do 8% e “só un 2,44% en postos de produción pura e dura”. Recoñece que se avanzou moito “pero dun xeito moi lento, tanto que se estima que tardaríamos un século en conseguir a paridade a este ritmo”, un ritmo que animan a acelerar dende WIN Spain. 
Tras o relatorio tivo lugar a entrega de premios do III concurso fotográfico Mulle_Rme 2021, ao que se presentaron 30 imaxes. O primeiro premio foi para Christian Peña, pola imaxe Miner@, tomada nunha planta de enerxía solar térmica. A moza que a protagoniza explicaba que a foto “representa o que sempre quixen ser, enxeñeira de enerxías renovables” e o que, de feito, é: “a primeira muller do meu equipo”. A moza aproveitou a entrega de galardóns para animar ás nenas “a ser o que elas queiran” e agradeceu iniciativas coma esta da UVigo “que visibilizan ás mulleres e loitan pola igualdade”.

O segundo premio foi para a imaxe Perforista dentro de mina, de Pedro José Martín. Mara, a profesional que protagoniza a imaxe, foi a encargada de dar as grazas polo premio e reivindicar o traballo das mulleres en sectores masculinizados.

O mércores, unha cita na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Na mesma liña, pero xa o mércores, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Fundación Mentor organizan, dentro do ciclo Coloquios en tempos de pandemia, o relatorio titulado Experiencias en primera persona, impartido pola conselleira delegada de T-Solar Marta Martínez Queimadelos. O coloquio comeza ás 12.30 h e pode seguirse a través de UVigo TV.