DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas

Filoloxíe e Tradución honra a Fernández del Riego no pradairo da súa memoria

A ofrenda floral renova cada 17 de maio o compromiso do centro coa lingua e a cultura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 18/05/2026

Como cada ano, con motivo do Día das Letras Galegas, o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero; o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Xosé Henrique Costas, e o secretario da facultade, Miguel Cuevas, honraron a figura de Francisco Fernández del Riego no pradairo que a Universidade de Vigo dedicou á súa memoria.

Plantado en marzo do 2013 nos xardíns do daquela Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, CACTI, hoxe edificio Filomena Dato, ao pouco tempo de falecer Francisco Fernández del Riego situouse esta placa identificativa coa que a institución académica viguesa recoñecía e mantiña para sempre viva no campus a memoria de quen foi 1º Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo.

Dende aquela, cada 17 de maio realízase unha ofrenda floral, cólganse do pradairo as becas das últimas promocións dos graos da facultade e recítanse textos en galego, como mostra do compromiso do centro coa lingua e a cultura galegas. “Unha celebración da palabra, da memoria e do orgullo de ser e de falar en galego”, tal e como resaltaron no acto os impulsores da homenaxe.

Acto das Letras Galegas 2026 mañá martes na EE Minas e Enerxía

A Universidade de Vigo celebrará mañá martes, ás 12.00 horas, o acto institucional do Día das Letras Galegas 2026 na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, centro no que recaeu este ano o distintivo de galeguización Gal Ego, unha iniciativa coa que a institución académica viguesa pretende incentivar o emprego da lingua galega nas facultades e nas escolas en todas as súas actividades.

O acto, concibido en homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, a quen se dedica esta data en 2026, combinará música, literatura e diferentes recoñecementos institucionais arredor da cultura e da lingua galega, entre eles a entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución 2026, así como tamén a presentación do Glosario de ciencia e tecnoloxía dos materiais.