DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escritora ofreceu unha conferencia virtual ao alumnado de Educación

Fina Casalderrey abre o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil cun “decálogo de sedución lectora”

Nela falou da importancia dos libros para remover conciencias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 07/10/2020

Este mércores arrancou de xeito virtual na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense a sexta edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, que nesta ocasión leva por título Sen tabús: ler para pensar. A escritora Fina Casalderrey foi a encargada de abrir a programación cunha conferencia na que abordou “a importancia da lectura para remover conciencias” e na que propuxo un “decálogo de sedución lectora” froito da súa dilatada traxectoria literaria e docente.

Este ciclo, que consta de cinco conferencias a desenvolverse entre o 7 de outubro e o 4 de novembro, está coordinado pola profesora da UVigo Isabel Mociño e conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. Ademais de Fina Casalderrey está previsto que na actividade participen as e os escritores An Alfaya, Xavier Estévez, María Canosa e o ilustrador Marcos Viso. A elección de Fina Casalderrey para abrir este ciclo, apuntou Isabel Mociño, debeuse a que “é unha das autoras máis consolidadas da literatura infantil galega e unha autora que sempre abordou con moitísima naturalidade temáticas tan duras como a morte de seres queridos". Membro da Real Academia Galega, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, a escritora conta cunha dilatada traxectoria docente e literaria.

Máis novos pero non menos intelixentes

Para a súa participación neste ciclo, a escritora escolleu o título Fórmula máxica para derrubar valos, destacando antes da súa intervención ante o alumnado de Educación presente como “falar para futuras mestras e futuros mestres provoca en min emocións engadidas, nostalxias dos meus tempos máis fecundos e gratificantes”. Para a súa conferencia, Fina Casalderrey apuntou como partiu “da afirmación que, como mestra, agora xubilada, teño moi interiorizada dende hai moitos anos sobre a intelixencia dos escolares: son máis novos ca nós, non menos intelixentes”.

Ao público asistente por videoconferencia, máis dun centenar, a escritora propúxose falarlle “desa literatura que nos comezos das liberdades foi derrubando valos construídos con prexuízos que lle restaban interese e verosimilitude ao se tratar de textos “apoucados”, “politicamente correctos”, que máis ca responder á estética literaria e á curiosidade real da rapazada, respondía a unha intención de adoutrinamento”. Para facelo, Fina Casalderrey apoiouse en fragmentos de textos propios, dentro da literatura infantil, nos que abordou temas relacionados co sexo, a morte, a violencia de xénero, o racismo, a discapacidade, a soidade dos maiores e os estereotipos de xénero, entre outros. “Quizais a literatura, a lectura, non poida cambiar o mundo pero si pode remover conciencias que poidan cambiar o feo que nos rodea, o inxusto... sen esquecer que todos os temas poden ser tratados a distintos niveis de comprensión, que non de intelixencia”, afirmou a escritora.

Tendo en conta esta visión, Casalderrey expuxo un “unha sorte de decálogo de sedución lectora aplicable tamén na escola, que non é máis que froito da miña experiencia persoal como docente durante 40 anos e que se resumirían en que non hai nada máis efectivo con respecto da animación lectora que o contaxio”. Este decálogo, detallou, sería complementario ao de Danniel Pennac e arranca con que “a orde natural para descubrir a forza da palabra comeza pola oralidade (contémoslles historias...)”. O segundo punto que incluíu na súa proposta é que “debemos aprendermos (o profesorado) a escoitar (o que nenos e nenas nos contan, importa)”; o terceiro é que “a actividade principal cun libro é a súa lectura (gozar da literatura xa é un fin en si mesmo)” e o cuarto que “non importa o número de páxinas dun libro, nin o número de libros, senón o pouso que nos deixan (ninguén ten capacidade para o ler todo)”.

O decálogo tamén inclúe “non recomendarmos nunca un libro que non lemos (ou polo que non sintamos ningún interese, nada é máis efectivo que o entusiasmo por contaxio)”, “máis vale unha prohibición ca unha mala imposición (con todo, benditas lecturas de “obriga”, que eu non tiven no seu día e que todo o profesorado debería ter)" e “non debemos divinizar a lectura (as divindades “non se tocan”, non son tanxibles)”. O oitavo punto da listaxe sería “ter en conta que os nenos e as nenas son máis novos ca nós, non menos intelixentes (poden ler sobre calquera tema polo que senten curiosidade)”; o noveno que “nas claves das lecturas escollidas non está a solución para eliminar tabús, pero si a posibilidade de remover conciencias” e o décimo que “a literatura infantil é moi importante, pero aínda o son máis os nenos e as nenas que a len (cativalos para enriquecelos é o fin último da educación)”.