A exposición pode visitarse no Pazo da Cultura ata o 11 de xaneiro
‘Do final e do comezo’ reúne as creacións de 25 novas tituladas e titulados en Belas Artes
Resultado do seu proceso de “construción” como artistas ao longo da súa etapa na facultade
Organizada polo Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes, a exposición Do final e do comezo reúne desde este venres as creacións que 25 novos tituladas e titulados deste centro desenvolveron como parte dos seus traballos de fin de grao (TFG). As obras de 21 egresadas e catro egresados foron seleccionadas para unha mostra que busca achegar á cidadanía o proceso de “construción e reconstrución” como artistas que implicaron os seus anos de formación na facultade, á vez que reúne un conxunto de pezas que representen as múltiples disciplinas coas que o alumnado traballa ao longo da carreira. Coa artista e docente Basilisa Fiestras como comisaria e coordinada por VacioCero Servicios Culturales, esta exposición poderá visitarse ata o 11 de xaneiro e verase complementada con visitas guiadas e talleres dirixidos a un público familiar.
Inaugurada na tarde deste venres, coa participación do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a secretaria académica da facultade, Carmen Hermo, Do final e do comezo “reúne unha selección de proxectos artísticos que presentan e condensan o traballo de catro anos de formación” e que simbolizan tamén a “construción dunha nova etapa”, como sinala a súa comisaria. Coordinada por Basilisa Fiestras, María Gar e Alexandra R. Rey, esta exposición pon o foco en como “ao longo dos seus anos de formación, ao alumnado achégase ao mundo da arte como un espazo de posibilidade, de acertos e erros, de construción e reconstrución”. Un proceso no que, salienta, tratan fundamentalmente de dar resposta, nuns TFG que supoñen a súa primeira investigación artística, “á cuestión máis complexa”, a de “definirse como creadoras e creadores”. De aí que ese proceso de construción e reconstrución se faga presente na imaxe empregada para o cartel desta edición, unha fotografía de Rafa Fariña “que documenta a reconstrución do antigo cuartel de San Fernando para se converter na actual da facultade”.
De feito, alén de que os proxectos plasmen as inquedanzas e intereses de cada artista, no conxunto da mostra fanse presente “dúas liñas” de exploración e traballo conectadas con esa idea, explica Fiestras. Por unha banda, poden verse creacións resultado “dunha investigación centrada no proceso e nos materiais” e, por outra, están tamén moi presentes as obras froito “dunha busca interior, dun proceso máis de análise persoal”, dunha investigación máis centrada “en mirar dentro de un”.
“Un reflexo do que se está xerando na facultade”
Do final e do comezo reúne unha selección dos TFG realizados o pasado curso, tanto por motivos de capacidade, coa idea de que “cada proxecto teña o seu espazo” e permita achegarse ao seu “proceso de creación”, apunta Fiestras, como polo propósito de que na mostra estean representadas múltiples disciplinas. “É unha maneira de conectar Belas Artes coa cidade de Pontevedra e que sexa tamén un reflexo de todo se está xerando na facultade”, salienta. Nese senso, a exposición presenta desde videocreacións, instalacións ou proxectos sonoros ata traballos de pintura, escultura, serigrafía, fotografía libros de artista ou “unha instalación participativa coa que os visitantes poden interactuar”.
Concretamente, poden contemplarse as creacións de Alba Pino, Aldara Rodríguez, Ana Allegue, Andrea Pin, Ángela Estévez, Cristina Insua, Fabiola Quintela, Francisco Miranda, Héctor Pousa, Iñigo Barreiro, Isis Huerga, Jimena Rodríguez, Julia Busto, Lucía Ladero, Lucía Leirós, Lucía Villar, María Rodríguez, Nerea Malvar, Noela Pazos, Paula Díaz, Sara García, Sara González, Saray Martín, Silvia Varela e Sofía Veiga.
Talleres e visitas guiadas
A exposición vese complementada por dous obradoiros para público familiar, abertos a persoas a maiores de 6 anos, ambos de carácter gratuíto, previa inscrición. O primeiro deles correrá a cargo de Iñigo Barreiro e terá lugar o 27 de decembro ás 18.30 horas. Baixo o título de Pintar/con desde a luz, trátase dunha actividade centrada no traballo “coa percepción lumínica e como esta afecta á nosa percepción do espazo”, na que, tomando como referencia a instalación deste artista, as e os participantes poderán “descubrir a pintura vencellada á luz nunha atmosfera experimental de xogo”.
O 10 de xaneiro, ás 12.30 horas, terá lugar o taller Escoitar a materia: experimentación con arxila reciclada. Impartido por Lucía Leirós, levará ás persoas participantes a “crear pequenas pezas empregando técnicas manuais sinxelas”, como modelado básico ou estampación con elementos naturais e atopados, co obxectivo de que poidan explorar “como a materia responde, cambia e se adapta” e que esta poida “incorporar fracturas, marcas ou irregularidades como parte do proceso creativo”.
Tamén con inscrición previa, desenvolveranse visitas guiadas para o público xeral, os días 21 e 28 de decembro, así como o 4 de xaneiro, ás 12.30 horas. A esa mesma hora terá lugar, o domingo 11 de xaneiro, o coloquio de clausura desta exposición.
