DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun documento presentado este martes no marco do proxecto Galicia 2040

O Foro Económico aposta por aproveitar as oportunidades que achega a dixitalización para o futuro de Galicia

Na súa elaboración participaron os catedráticos Fernando Pérez, Domingo Docampo e Xosé Carlos Arias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 21/12/2021

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este martes o documento Dixitalización. Galicia 2040, realizado pola súa unidade de investigación Galicia Grupo 2040. Nel destacan que a comunidade autónoma “pode e debe tirar partido das oportunidades que achega a dixitalización, xa que conta con vimbios abondo para reducir a fenda tecnolóxica”.

Os autores do estudo son os catedráticos da Universidade de Vigo Fernando Pérez, Domingo Docampo e Xosé Carlos Arias, o economista José Francisco Armesto e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval. Na presentación, que tivo lugar na sede de Abanca en Santiago de Compostela, destacaron que Galicia “ten industria do hardware ben desenvolvida e con capacidade exportadora, ben situada nas tecnoloxías de mobilidade; un sector agrotecnolóxico maduro e dispón dunha banda larga avanzada, en comparación con outras rexións españolas e da UE”. A comunidade, sinalaron, “dispón dunha industria TIC forte, que é un dos mellores activos cos que un país pode contar para garantir o seu futuro”, ademais de empresas tractoras, universidades e centros tecnolóxicos implicados no proceso de dixitalización. Por este motivo, recalcaron, Galicia “debe aspirar a figurar en posicións relevantes da cadea de valor TIC global e non conformarse con ser simplemente os que integran ou personalizan a tecnoloxía creada por outros”.

Os expertos do Foro Económico recalcaron ademais que Galicia, como as demais comunidades autónomas, vai dispor dun importante aporte de fondos Next Generation EU. A súa xestión, engadiron, adquire un papel crucial para a transformación do tecido produtivo polo que no informe presentado este martes definen os deberes dos actores implicados para obter a máxima eficacia nesa xestión. En primeiro lugar, apuntan que a administración debe mellorar os seus procedementos organizativos, ao tempo que ten que exercer un papel impulsor na transición á economía dixital. En segundo lugar, sitúan o tecido empresarial e nomeadamente o sector TIC, que, indican, debe adaptarse á nova contorna dixitalizado e aproveitar as oportunidades existentes. Por último, citan o sistema universitario galego e os centros tecnolóxicos, que, sinalaron, teñen a obriga de contribuír coa súa investigación e coa formación de persoal especializado en procesos de dixitalización.

Segundo documento

O Grupo Galicia 2040 está formado por analistas e investigadores co obxectivo de trasladar á sociedade posibles escenarios de futuro nos cinco eixos fundamentais de cambio: a dixitalización, os procesos de urbanización, a demografía, os retos medio ambientais e o xeoestratéxico. Neste segundo documento do grupo de traballo presentado este martes, o enfoque adoptado foi o de dar a coñecer a visión que as e os profesionais do ámbito tecnolóxico teñen e poden transmitir a aquelas persoas e empresas que van ser “dixitalizadas” e como os cambios van ser percibidos por estas.

No documento sinalan que “malia presentar Galicia unha posición relativa atrasada respecto dos seus competidores españois e europeos, especialmente no que se refire á xeración de innovación (non I+D), á ocupación en actividades intensivas en coñecemento e en empresas innovadoras, á evolución da solicitude de patentes ou á diverxencia entre o ámbito universitario e o da formación profesional, existen razóns para seren optimistas xa que Galicia conta con importantes elementos que permitirían aproveitar as oportunidades que achega a dixitalización”. Neste senso, indican que aínda que “se ben é certo que dende Galicia hai un longo camiño por percorrer, non menos certo é que presenta indicios abondo de poder reducir a fenda tecnolóxica”. Entre outros, enumeran os bos resultados no informe PISA, a existencia dunha industria hardware moi asentada e con capacidade exportadora, estar ben situada nas tecnoloxías asociadas aos vehículos aéreos non tripulados (drones) e aos vehículos autónomos, a madurez do sector agro-tecnolóxico ou o feito de contar cunha cobertura de banda larga superior en media á do conxunto da UE.

No seu informe, os especialistas do foro salientan que “sendo conscientes de que a dixitalización xa non é unha opción senón que se converteu nunha necesidade para o conxunto da cidadanía e, sobre todo, para o tecido produtivo, Galicia ten de facer fronte a importantes retos compartidos”. Entre eles apuntan o cambio cultural; a adecuación do capital humano e a formación á nova realidade e aos retos do tecido produtivo; o dilema ético no uso dos datos e das novas tecnoloxías; a redución da fenda europea en relación a China e EEUU e o desequilibrio territorial no despregue de infraestruturas no territorio galego; a I+D+i e o emprendemento.

A dixitalización, tamén para Galicia, recalcan os autores do estudo, “é un proceso no que interveñen moitos axentes” e “de cara ao futuro o reto está na elección dos pasos a dar e nos obxectivos intermedios que se queren acadar”. O éxito dese proceso, egaden, vai depender tanto do papel das administracións no impulso ao uso das tecnoloxías asociadas á dixitalización como do grao de liderado exercido polo sector TIC e a súa conexión co resto dos sectores produtivos. Coa máxima precaución dada a devandita celeridade dos cambios, desde o Foro Económico de Galicia salientan algunhas tendencias que se albiscan no tránsito dixital, como o uso masivo da intelixencia artificial, as expectativas de cambio radical na computación, o despregue 5G, a ciberseguridade ou a importancia crecente das tecnoloxías verdes.