DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade terá lugar o venres 3 de febreiro

O foro Expouniversitas volve para valorizar os traballos académicos e de investigación da comunidade universitaria

Alumnado e profesorado pode presentar desde experiencias no marco de materias ata teses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 16/01/2023

O día 3 de febreiro, o Campus Remoto da Universidade de Vigo volverá a acoller a celebración dunha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. Esta actividade convida cada ano aos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado dos tres campus da Universidade de Vigo, a pór en valor os seus traballos académicos e investigadores.

O comité organizador da cita volve a estar formado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente por Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Ana Iglesias, Sara Vázquez, María Lorenzo, Ángel Vázquez e Katherine Acosta. Expouniversitas, lembran as e os seus promotores, preséntase como “un punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre todos os interesados de calquera área, en calquera tipo de innovación e/ou investigación”. Difundir innovacións e investigacións e intercambiar experiencias, subliñan, “axuda a mellorar o noso coñecemento e as nosas accións”.

Diversidade

Coa pandemia da covid-19, a actividade pasou de ter un formato presencial a celebrarse segundo o ano de xeito mixto ou totalmente virtual, optando nesta nova edición polo seu desenvolvemento a través do Campus Remoto da UVigo, tal e como aconteceu o pasado ano, cando se expuxeron 38 traballos que destacaron pola súa diversidade, abranguendo desde o mapa topográfico como recurso didáctico e as novas metodoloxías no estudo da prehistoria do noroeste ata a lectura dramatizada en lingua francesa en Educación Infantil e desde traballos de aula ata teses de doutoramento. Neste senso, desde a organización da actividade destacan a oportunidade que dá o formato electrónico de que poidan participar tanto como relatores como como oíntes de persoas que por cuestións de distancia xeográfica non o poderían facer ao non ter oportunidade de desprazarse a Ourense. Igualmente, optouse pola celebración da cita un venres pola tarde, de 16.00 a 18.00 h, co obxectivo de facilitar esa participación. 

Este ano, a actividade volve estar aberta á presentación de traballos realizados por alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da Universidade de Vigo no marco de materias de grao, posgrao e doutoramento e de traballos fin de grao ou mestrado. Nas sesións, as e os inscritos exporán, de xeito individual ou en grupo, ante o público e durante un tempo limitado os seus traballos. O prazo para a inscrición e o envío de traballos, que é de balde, está aberto ata cubrir o número de prazas dispoñibles. "A idea de Expouniversitas-Forum 2023 é a dun evento onde profesorado e/ou alumnado de maneira individual ou en grupo presenta os traballos máis interesantes feitos no ámbito universitario", comenta Pedro Membiela, indican que a vía máis sinxela de participación é a presentación de "traballos realizados neste curso ou no primeiro cuadrimestre do curso", podendo ser incluso parte da planificación dunha materia a participación neste foro.

Entre os beneficios de participar nesta actividade, as e os seus responsables salientan a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai na institución académica, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras. Neste senso, destacan o retorno positivo que ten para as e os asistentes tanto o feito de participar presentando traballos como coñecendo o traballo que fan outros membros da comunidade universitaria.