DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do CIM-UVigo estudan as interaccións entre ambos grupos no Cretácico Inferior

Fósiles de Teruel constatan “a guerra” librada entre insectos e plantas hai 100 millóns de anos

Os resultados deste estudo internacional acaban de ser publicados pola revista Plants

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 15/02/2023

Os investigadores do Centro de Investigacións Mariñas da Universidad de Vigo Artai Santos e Jose Bienvenido Diez asinan, xunto con científicos da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis e do Hessisches Landesmuseum de Darmstadt de Bonn, un estudo que acaba de ser publicado pola revista Plants no que describen unha elevada diversidade de interaccións entre plantas e insectos de hai 100 millóns de anos, procedentes dun xacemento situado na localidade turolense de Estercuel.

O paleobotánico Artai Santos, autor principal desta investigación, explica que “as interaccións descritas afectan ás follas de dous tipos de anxiospermas terrestres e unha acuática. O estudo revelou 23 tipos de danos diferentes pertencentes a oito tipos de estratexias de alimentación (denominados ‘grupos funcionais de alimentación’) como son a alimentación en orificios, a alimentación en marxes, a esqueletización, a alimentación superficial, a perforación e succión, o minado, a oviposición e a formación de banquias”.

Os estudos sobre as interaccións entre as plantas e os insectos herbívoros na actualidade mostran que estes animais desenvolveron unha gran variedade de estratexias e comportamentos tendentes á consumición dos tecidos e fluídos das plantas e estas, á súa vez, reaccionan ante estes ataques intentando minimizar os danos que os insectos lles xeran. Deste modo, o estudo destes danos achega unha evidencia directa sobre as relacións ecolóxicas entre estes dous grupos dominantes de organismos nos ecosistemas do pasado. Por este motivo, o estudo das evidencias das interaccións entre plantas e insectos nos rexistros de follas fósiles constitúe unha importante información sobre os paleoecosistemas da Terra, xa que achegan datos sobre os grupos de insectos que se desenvolveron no pasado e sobre a evolución das súas estratexias de herbivoría, así como das defensas desenvolvidas polas plantas que reaccionaron ante estes ataques.

“Unha revolución nos ecosistemas terrestres do momento”

Segundo explica Luis Miguel Sender, investigador da fundación Dinópolis e coautor do estudo, “o alto grao e diversidade de danos, así como os tipos de estratexias de herbivoría implicados suxire que estas plantas anxiospermas xa eran unha fonte importante de alimento e aloxamento para os insectos nos ecosistemas ibéricos a finais do Cretácico Inferior, que foi o momento clave na diversificación das anxiospermas e supuxo unha revolución nos ecosistemas terrestres do momento.”

Todas estas achegas están recollidas no artigo, titulado Plant–Insect Interactions on Aquatic and Terrestrial Angiosperms from the Latest Albian (Early Cretaceous) of Estercuel (Northeastern Spain) and Their Paleoenvironmental Implications, que asina Artai Santos como autor principal, xunto ao tamén investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo Jose Bienvenido Diez Ferrer; Luis Miguel Sender, da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis/Museo Aragonés de Paleontología e Torsten Wappler, do Departamento de Historia Natural do Hessisches Landesmuseum Darmstadt e da Universidade de Bonn. 

A publicación forma parte das investigacións do Grupo de investigación Focontur, financiado a través do Departamento de Ciencia, Universidad y Sociedad del Conocimiento del Gobierno de Aragón. Ademais, insírese no proxecto PGC2018-094034-B-C22 e nas investigacións da Unidad de Paleontología de Dinosaurios de Teruel, que contan co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España. Por outra banda, os traballos de campo desta investigación contaron coa autorización do Departamento de Educación, Cultura e Deporte do Gobierno de Aragón e o material estudado atópase no Museo Aragonés de Paleontología en Teruel.