DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Luis Velasco analizou o papel destas marchas ao longo do século XX

O franquismo empregou as peregrinacións militares a Santiago para proxectar a “identidade nacional e católica” de España

Seleccionado nunha convocatoria da USC, o estudo continuará con entrevistas a antigos recrutas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/02/2026

A figura de Santiago como patrón de España e das unidades de Cabalería foi instrumentalizada polos mandos militares para reforzar a identidade católica dos recrutas, especialmente a partir da popularización dos anos santos composteláns desde mediados do século XX. Este é o punto de partida do estudo desenvolvido polo investigador da Universidade de Vigo Luis Velasco, ao abeiro dunha convocatoria de axudas da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) promove co apoio da Xunta de Galicia. A súa investigación dun “aspecto pouco explorado da historia das peregrinacións compostelás” permitiulle constatar, sinala, como a “mitoloxía xacobea” foi empregada pola ditadura como elemento de proxección “da identidade católica e da identidade nacional de España”.

Profesor nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Relacións Internacionais, Velasco analizou as peregrinacións militares a Santiago de Compostela ao longo do XX, pondo un enfoque especial no franquismo e na continuidade destas marchas durante a transición, “con reaxustes e resignificacións”. O seu obxectivo, explica, era identificar, clasificar e interpretar estas peregrinacións desde o seu punto de vista histórico, simbólico e político, afondando no seu uso como ferramenta de cohesión e como instrumento de proxección exterior do Exército español.

Baixo o título de Marchando a Santiago: as peregrinacións militares a Compostela no século XX. Relixión, identidade nacional e proxección exterior nos exércitos españois, o estudo aborda tamén a dimensión internacional dalgunhas destas peregrinacións, “buscando localizar as orixes da popularización fóra de España da idea da peregrinación a Compostela como unha forma de construír unha identidade europea compartida”. Pendente da publicación final de resultados, o proxecto abrangueu tamén o estudo dos antecedentes deste fenómeno e o papel xogado polo Apostolado Militar Castrense, un servizo de asistencia espiritual para membros das Forzas Armadas.

“Un dispositivo de pedagoxía política”

O proceso de construción do nacionalismo español ao longo do século XX e a historia dos conflitos centran o labor investigador de Velasco Martínez, quen xa abordara na súa tese de doutoramento como “o réxime franquista instrumentalizou estas peregrinacións como un mecanismo privilexiado para vincular ás Forzas Armadas cunha identidade nacional española explicitamente católica”. Deste xeito, como sinala na memoria do proxecto, as peregrinacións convertéronse “nun dispositivo de pedagoxía política”, que contribuía a reforzar “a disciplina, o sentido de pertenza e a lexitimidade moral da institución castrense, ao tempo que proxectaba unha imaxe de unidade nacional articulada arredor dun símbolo relixioso de gran arraigamento”.

Nese senso, o proxecto pon o foco en como nas peregrinacións militares confluían “distintas capas de identidade colectiva”, xa que ao factor relixioso e ao nacionalismo español engadíase “unha identidade rexional galega que se expresaba mediante repertorios propios” e tamén unha dimensión europea. “A participación de continxentes estranxeiros ou a articulación de redes militares e relixiosas transnacionais suxiren que Compostela puido converterse, en determinados contextos, nun espazo útil para promover imaxinarios de comunidade occidental e católica e, máis adiante, para resignificar a peregrinación como unha linguaxe compartida de Europa”, apunta o investigador. 

Unha liña de traballo que continúa

O proxecto apoiouse, en primeiro termo, nunha “revisión bibliográfica sistemática e especializada”, que permitise delimitar conceptos nun campo de estudo no que conflúen a historia relixiosa e militar, mais tamén “os estudos sobre nacionalismo, identidades colectivas e cultura política”. A partir de aí, a investigación levouno a traballar con documentación civil, militar e eclesiástica en espazos como o Arquivo Xeral Militar ou o Arquivo da Catedral de Santiago. O obxectivo, explica, era coñecer “como se preparaban” estas peregrinacións, “quen as impulsaba, como se formalizaban e que significados se lles atribuían”.

O proxecto levou tamén á iniciar unha “recolecta de historia oral”, a través de entrevistas a persoas que realizaron o servizo militar obrigatorio “e que dalgunha forma participaron neste tipo de marchas”. As fontes orais, recoñece o investigador, permiten coñecer “como se percibían e se recordaban estas peregrinacións desde dentro”, o que fai desta unha liña na que proxecta continuar traballando, recoñece, coa realización de entrevistas a antigos recrutas e suboficiais que participaron nas peregrinacións, así como a mandos militares ou capeláns que interviñeran na súa organización.