DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto o prazo de presentación de traballos para a sétima edición deste congreso internacional

‘Fugas e Interferencias’ busca seguir ampliando a reflexión académica en torno á performance

Desenvolverase entre o 16 e o 18 de setembro en Pontevedra e Santiago

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/02/2022

Fomentar unha reflexión académica en torno á performance é o propósito central do Congreso Internacional de Arte de Acción Fugas e Interferencias, que o grupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos, da Facultade de Belas Artes, promove coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Co obxectivo de sumar as achegas dos investigadores e investigadoras á súa sétima edición, que se desenvolverá entre o 16 e o 18 de setembro en Pontevedra e Santiago, este congreso abriu o prazo de presentación de propostas de comunicacións, dirixido a seleccionar os traballos que formarán parte das diferentes mesas que integran o programa do único foro académico centrado na performance que se leva a cabo en España. 

Coa sede da Vicerretoría e o CGAC como sedes, a VII International Performance Arte Conference Fugas e Interferencias manterá en 2022 o seu formato habitual, no que as conferencias e as mesas de presentación de comunicacións se combinan cun programa de performances. Os estudos presentados polos diferentes investigadores e investigadoras reuniranse posteriormente no libro de actas dun congreso que, desde a súa primeira edición en 2016 recolleu nas súas publicacións preto de 70 comunicacións centradas nunha disciplina artística pouco abordada, como recoñecen os seus responsables, desde o ámbito académico. “Penso que a creación dun corpo teórico que achegue innovación ao campo é algo que vai custar tempo”, recoñece o profesor de Belas Artes Carlos Tejo, codirector do congreso xunto coa investigadora e comisaria Marta Pol. Nese senso, pese a que “no estudo da performance en Galicia hai un antes e un despois de Fugas e Interferencias” e de que este congreso “abriu unha oportunidade única no panorama académico en Galicia e en España para estudar e analizar” esta disciplina, Tejo recoñece que “aínda queda moito por facer”, ao que Pol engade que “temos que admitir que o camiño iniciouse, pero fáltanos moito por percorrer, investigar, mostrar e divulgar”. 

Catro eixos de análise

Ata o 27 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de resumos para este congreso, cuxo comité científico fará público en abril as propostas seleccionadas, dispondo os seus autores e autoras de prazo ata o 26 de xuño para remitir o artigo completo. Estes, segundo recolle a convocatoria, deberán pór o foco nun dos catro eixos temáticos que centran o congreso; a reflexión teórica sobre a arte de acción; o seu “carácter híbrido e como esta práctica evolucionou ata incorporar estratexias visuais ou escénicas”; as “posibles interaccións” co contexto político, dentro da que se presta unha “especial atención á natureza da arte de acción desde unha perspectiva de xénero, teoría e arte feminista, a nova masculinidade e o queer”; e comisariado de performance. 

Deste xeito, sinalan os seus responsables, “o obxectivo fundamental” deste congreso “céntrase na análise dos novos comportamentos da arte de acción”, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica. “Como todo tipo de arte, a performance tamén sofre un proceso de evolución que pode provocar cambios na disciplina”, sinala Tejo, ao que Pol engade que “a arte de acción como linguaxe artística vaise adaptando aos inputs e ás demandas da sociedade”. Deste xeito, poden producirse cambios “profundos e apenas perceptibles debido á súa contemporaneidade”, engade esta investigadora. “En cada época atopamos constantes que poden definir un estilo”, sinala Tejo, quen recoñece o “grao de madurez importante” que a performance alcanzou na actualidade no ámbito galego, onde as e os artistas que traballan con esta disciplina amosánse hoxe “máis libres no estilo, menos partícipes dunha ‘escola’ determinada e con moita máis autonomía creativa”.