DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno non admitiu o recurso do decano de CC da Educación e do Deporte

O futuro Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia prosegue a súa tramitación

Por non tratarse do “momento procesual axeitado” para a súa presentación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 03/06/2021

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo acordou este xoves non admitir a trámite o recurso potestativo de reposición presentado polo decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García, contra a aprobación da declaración de interese, presentada pola Facultade de Fisioterapia, dun futuro Mestrado en Exercicio Terapéutico en Funcional en Fisioterapia. Nunha sesión extraordinaria que tiña como único punto a toma en consideración deste recurso dentro do prazo fixado legalmente, o secretario xeral da Universidade, Miguel Ángel Michinel, explicou que, segundo un informe da Asesoría Xurídica, a aprobación desta declaración de interese constitúe un “acto de trámite non cualificado” contra o que non cabería este recurso, que debería interporse contra o acto que poña fin ao procedemento, neste caso a aprobación da memoria da titulación por parte do Consello de Goberno.

Nese senso, por non tratarse do “momento procesual axeitado” para a súa presentación, o Consello de Goberno aprobou por asentimento non admitir a trámite o recurso presentado contra o acordo de aprobación das declaracións de interese, verificación e modificación dos títulos de grao, máster e doutoramento aprobado o 29 de abril, ao igual que denegar a petición da suspensión da execución deste acordo. Isto permitirá, como sinalou o secretario xeral, que “siga o seu traxecto o acto administrativo”, de tal forma que, unha vez se aprobe a memoria da titulación, si sexa posible a interposición deste recurso de reposición.

Dúas posturas diverxentes

Esta sesión extraordinaria, que combinou a asistencia presencial e virtual, completouse coas intervencións do decano de Ciencias da Educación e do Deporte e da decana de Fisioterapia, aos que o reitor, Manuel Reigosa, agradeceu o “ton construtivo” á hora de expor as súas posturas “nun conflito que esperamos que poidamos desactivar dalgún xeito”. Con ese obxectivo, lembrou Reigosa, impulsouse en primeiro termo un labor de mediación, “para o que se buscou un especialista” externo á Universidade e que “rematou sen éxito”. Así mesmo, o equipo de goberno solicitou tamén “a opinión xurídica dunha experta neste tipo de conflitos”, con cuxo informe agardan contar o vindeiro mes de xullo, momento no que se abordaría no Consello de Goberno a aprobación da memoria da titulación. “O que queremos é, se é posible chegar a algún tipo de acordo, facelo, pero sobre todo pisar con pé firme”, sinalou Reigosa, ante posibles recursos xudiciais posteriores á aprobación.

Na súa intervención, o decano de Ciencias da Educación e do Deporte afirmou que o recurso fundaméntase na “ausencia de competencias en exercicio físico, terapéutico e funcional” da profesión de fisioterapeuta, que poderían, ao seu xuízo, facer que este mestrado “se desenvolvese dentro dun marco de inseguridade xurídica”. Segundo Óscar García, a titulación proposta supón unha “invasión das competencias que ten outorgadas o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte”. A decana de Fisioterapia, pola súa banda, sostivo que “o exercicio terapéutico é unha competencia exclusiva dunha titulación sanitaria como é a do grao en Fisioterapia”. Eva Lantarón afirmou que “non existe ningún recoñecemento legal en favor dos licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte para participar en procesos asistenciais ou de atención en saúde”, como sería "o proceso de curación dun lesionado a través do exercicio terapéutico”.