DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ariadna Hernaiz analizou na súa tese cal é a súa concepción dun alumno “fisicamente ben educado” 

O futuro profesorado vincula máis a Educación Física ao rendemento que á xeración de hábitos saudables

A través dun estudo lonxitudinal no que participaron preto de 400 universitarios e universitarias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/01/2022

“As tendencias actuais da Educación Física céntranse nas aprendizaxes significativas a través das que o alumnado vivencia o gusto polas actividades físico-deportivas e non pola competición, o rendemento ou o ser bo en deportes”, subliña a investigadora Ariadna Hernaiz, que centrou a súa tese de doutoramento en coñecer a concepción dos futuros e futuras docentes desta materia do que significa un “alumno fisicamente ben educado”. A través dun estudo lonxitudinal realizado con preto de 400 universitarios e universitarias, Hernaiz Sánchez identificou “tres correntes” de pensamento respecto do que implicaría este concepto, mais ningunha delas representa “con precisión”, recoñece, a idea de que o alumnado “fisicamente alfabetizado é aquel que ten un estilo de vida activo, competencia motriz xeral e gusto polas actividades físico-deportivas”. De feito, a súa investigación amosa como ao longo da súa formación, os futuros e futuras docentes distáncianse máis desta concepción e outorgan maior importancia “a ser competente en actividades físico-deportivas que ao propio goce das mesmas ou aos hábitos de vida saudables e activos”.

Dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino e o docente da Universidade da Coruña Miguel González Valeiro, a tese ¿Qué significa ser un alumno físicamente bien educado? enmárcase no proxecto REAFES, “que ten como obxecto de estudo a formación inicial do profesorado de Educación Física”. A través de diferentes liñas de investigación, explica Hernaiz, este proxecto busca profundar “en que tipo de profesorado se está formando, xa que actualmente un dos obxectivos da educación física é a promoción e a adherencia de estilos de vida saudables, pero estase demostrando que a materia ten moi pouca influencia no alumnado e que cada vez os hábitos de vida son menos activos e menos saudables”. 

Nese obxectivo de tratar de coñecer por que esta materia “non ten a influencia agardada”, a xa doutora en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable pola UVigo centrou a súa tese en coñecer que pensan os seus futuros e futuras docentes. A súa investigación abrangueu o deseño e validación dun cuestionario, para o que contou coa participación dun grupo de expertos e que fixo posible un estudo lonxitudinal con 397 estudantes do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e do Máster en Formación de Profesorado das universidades de Vigo e A Coruña. 

Tres perfís de pensamento

Centrado en coñecer as súas opinións respecto da pregunta que dá título á tese, Hernaiz realizou unha “análise clúster” dos resultados destes cuestionarios, que lle permitiu definir tres grupos de estudantes, en función das súas ideas sobre a educación e a alfabetización física. Un primeiro perfil, explica, reflicte “unha orientación do pensamento encamiñada cara o desenvolvemento persoal e a adherencia deportiva”, mentres que un segundo grupo pon o foco no “rendemento académico e deportivo” e un terceiro oriéntase “cara o estilo de vida activo e a competencia motriz”, o desenvolvemento dunha serie de habilidades que “son básicas para o movemento”.

Aínda que aquelas e aqueles que consideran a adherencia á práctica de actividade física “a principal característica do alumnado fisicamente ben educado” son os que máis se aproximan a este concepto, “ningún dos tres perfís ten unha concepción adecuada” da alfabetización física, sostén Hernaiz. Neste punto, a investigadora pon o foco en que todos “dan máis importancia ás capacidades físicas que ás cognitivas”, aos procesos centrados en coñecer por que facer exercicio e como facelo, xa que, por exemplo, que as persoas realicen actividades do seu agrado posibilita que adquiran “hábitos que poidan manter ao longo da vida”.  

Evolución cara un modelo máis centrado no rendemento

Co obxectivo de avaliar posibles cambios “no pensamento do alumnado ao longo da súa formación inicial”, as e os participantes neste estudo realizaron este cuestionario tanto no seu primeiro ano nesta titulación como ao remate do seu último curso, así como unha terceira vez no caso daqueles e aquelas que realizaron o mestrado de profesorado. Nese senso, o estudo permitiu a Hernaiz constatar como esta etapa formativa “parece que os distancia” do que se considera un alumno fisicamente ben educado, xa que a “evolución do pensamento” que presentan oriéntase cara o que define como un “modelo máis deportivista”. Este, explica, vincúlase “a modelos formativos asociados ao rendemento físico e deportivo”, que se achegan “ás visións máis tradicionais da Educación Física”.

A máis práctica deportiva, maior valor outorgado á adherencia

A investigación completouse cunha análise dos “factores contextuais que podían influír nas diferencias de pensamento da mostra”, co propósito de coñecer en que medida os hábitos das e os participantes “inflúen no tipo de profesor que van ser”. Neste punto, a tamén graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola UVigo sinala como un dos factores máis influentes a propia práctica de actividades físico-deportivas, xa que aqueles e aquelas que lles dedican máis horas son tamén os que consideran “que a adherencia e a práctica destas actividades son máis importantes”. Isto achégaos máis, como explica Hernaiz, ao perfil que pon o foco no desenvolvemento persoal, ao que se aproximan tamén en maior medida, segundo constatou esta investigación, aqueles estudantes cuxas nais teñen un maior nivel de estudos.