DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) está coordinada pola UVigo

A G-Night leva a ciencia a pé de rúa para toda a cidadanía

Cunha feira científica no Berbés, paseos divulgativos e conferencias nos tres campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/09/2022

A praza do Berbés foi o epicentro na tarde-noite deste venres da divulgación científica coa celebración da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo para achegar o coñecemento científico e a investigación a toda a cidadanía de Galicia. A UVigo, a través da Unidade de Cultura Científica, lidera un consorcio formado por unha decena de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos, que dan forman a unha proposta que se desenvolveu simultaneamente este venres nunha trintena de localizacións repartidas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. En total, foron máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico que espallaron a ciencia a pé de rúa e ao alcance de toda a cidadanía.

O reitor, Manuel Reigosa, xunto coas vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e de Investigación, Belén Rubio, xunto con Montse Pérez, do IEO, foron os encargados de dar a benvida aos asistentes ás actividades da Universidade de Vigo, que se desenvolveron principalmente na praza do Berbés, cunha expo-feira científica e charlas divulgativas, pero que tamén incluíron relatorios no edificio Redeiras e no edificio de Ferro, en Ourense, charlas en bares e cafeterías das cidades que acollen os tres campus, Vigo, Ourense e Pontevedra, e paseos científicos a bordo da embarcación de prospección Inndaga.

Tanto Valderrama como Rubio amosáronse moi satisfeitas pola acollida desta iniciativa entre a cidadanía, con centos de persoas, principalmente familias, que dende media tarde encheron a carpa nesta segunda da G-Night que organiza a UVigo baixo o selo Marie Sklodowska Curie Actions. O obxectivo, destacaba a vicerreitora de Comunicación é “espertar vocacións, achegar á cidadanía de forma experiencial e moi lúdica o que se fai en investigación na Universidade e nos seus centros de I+D+i e facelo para un público masivo, tanto para os máis cativos na feira, como para os adultos nas charlas nos bares”. Tras o éxito desta segunda edición a vista está agora posta en poder seguir con esta iniciativa e en acadar fondos da Unión Europea, xa que, como explicaba Belén Rubio "este ano as actividades organizáronse con recursos propios das 10 entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia, Muncyt, Museo Nacional de Ciencia y Tecnología e os museos científicos coruñeses”.  

Divulgar a ciencia con conciencia creativa

Na praza do Berbés instalouse un carpa que acolleu, ao longo da tarde, unha expo-feira científica, organizada pola UVigo e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), na que participaron unha ducia de grupos de investigación que amosaron as súas liñas de traballo a través de experimentos e obradoiros. Público de todas as idades puido ver, tocar e experimentar a ciencia en primeira persoa. Á súa disposición, estudantes e persoal investigador da UVigo e do IEO-CSIC encargáronse de amosarlles os diferentes eidos do coñecementos con obradoiros e talleres que ían dende a sintetización de nanopartículas ata a construción dunha dobre hélice de ADN con gominolas, da man de científicos do CIM e o Cinbio, respectivamente. Tamén puideron participar nun taller sobre os minerais como testemuñas da historia, impartido por persoal do Cintecx, unha actividade manipulativa para fabricar tres tipos de pintura con minerais e outras materias primas.

O centro de investigación interuniversitario Ecobas, pola súa banda, propuxo un xogo de preguntas sobre conceptos básicos da economía, mentres que o grupo Team Nano Tech, do Cinbio, apostou tamén por actividades relacionadas coa nanotecnoloxía. A carpa acolleu tamén un obradoiro sobre a vida do solo, da man de investigadores do CIM e talleres sobre xeotecnoloxías aplicadas, visión infravermella e realidade virtual da man do Cintecx. Ademais, os grupos de investigación de atlanTTic presentaron os diferentes proxectos que están desenvolvendo e o Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros, do Cintecx, organizou un taller centrado nas aplicacións da visión artificial e as redes Bayesianas na enxeñaría e na xestión de medio natural. O IEO-CSIC tamén presentou na carpa as diferentes liñas de investigación mariña que se desenvolven no centro a través dun obradoiro sobre microplásticos no medio mariño e doutro sobre a cores que se agochan no fondo mariño, dende as mareas vermellas ata a bioluminiscencia. Tamén espertou moito interese entre os asistentes o monopraza creado polos estudantes da escudaría UVigo Motorsport e os satélites do alumnado da agrupación UVigo SpaceLab.

Charlas divulgativas en Redeiras

Ademais, na sede institucional da UVigo, o edificio Redeiras, acolleu ao longo da tarde cinco charlas e un coloquio sobre diversos aspectos das matemáticas impartidas por persoal científico do CITMAga. Por exemplo, María José Ginzo e María Isabel Borrajo García, ambas investigadoras da USC, abordaron as diferentes aplicacións das matemáticas na loita contra os incendios forestais e o papel da estatística e o azar nas probas da covid-19, respectivamente. Tamén á USC pertence Tomás Otero, que ofreceu unha charla sobre matemáticas modernas, mentres que Juan Vidal, investigador da UVigo no mesmo centro de investigación abordou a aplicación desta disciplina na prevención de inundacións en concas fluviais. A sesión sobre matemáticas pechouna Sara Recondo, da UDC, que falou sobre as ferramentas que teñen os barcos atuneiros para localizar os bancos de peixes. 

Posteriormente, as matemáticas deixaron paso á linguaxe, da man de Inmaculada Anaya, do grupo de investigación en Gramática, Discurso e Sociedades (Grades) e Miguel Cuevas do grupo de investigación LVTC da Universidade de Vigo, que amosaron as achegas do coñecemento lingüístico nos ámbitos da tecnoloxía e a empresa.

Do bar ao mar

Pero máis aló do edificio Redeiras, a ciencia espallouse por outras localización da cidade, como o café Vitruvia, onde o público puido asistir ás charlas de Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía e investigadora do Cintecx, sobre o papel dos recursos minerais na descarbonización e dixitalización da economía, e de Victor Hernando, do CIM, que falou sobre a contaminación dos plásticos no medio mariño.

Ademais das actividades en terra, a programación da G-Night incluíu tamén obradoiros na ría, con tres paseos científicos da man do persoal científico do grupo Geoma a bordo da embarcación de prospección Inndaga, do Centro de Investigación Mariña da UVigo. Nestas saídas unha ducia de persoas puido coñecer as diferentes técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño.

G-Night en Ourense...

Ourense sumouse á celebración G-Night con dúas actividades. A primeira delas, que tivo lugar na Facultade de Historia, levou por título Ser escriba na Antigüidade: xeroglífico, micénico e latín e consistiu en tres obradoiros sobre tres escrituras da Antigüidade organizados por Susana Reboreda, Claudia Caleria Alonso e Carlos Barja, do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT). As e os participantes puideron reproducir un texto de escritura xeroglífica sobre papiro; elaborar unha tablilla en arxila e escribir nela o nome e copiar inscricións latinas funerarias ou dedicadas ás divindades. A segunda das actividades, Ciencia no bar, celebrouse no Café & Pop Torgal e consistiu en tres charlas distendidas sobre o traballo social en relación a temas como a intervención no contexto familiar, a discapacidade e dependencia e o ámbito dixital. As conferencias correron a cargo de Carmen Verde, Breogán Riobóo e Paula Frieiro, do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia da UVigo.

... e tamén en Pontevedra

 

Divulgación científica, cafés e refrescos combináronse tamén na programación da G-Night en Pontevedra, un coloquio con investigadores na cafetería La Gramola. Presentado pola directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, este encontro abriuse cun achegamento ao fenómeno da combustión por parte do investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética Juan Jesús Rico. A continuación, José Carlos López Ardao, do centro de investigación atlanTTic buscou achegar ao público dun xeito sinxelo á intelixencia artificial, a través de exemplos da súa presencia en diferentes aspectos da vida diaria.