DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito da colaboración da Universidade coas fundacións Juana de Vega e Isla Couto 

Galicia conta desde hoxe cun observatorio eólico de seu

Asesorará e informará a propietarios de terreos en prol dunha maior xustiza enerxética

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 10/01/2019

Tras 25 anos de desenvolvemento, nos que o marco regulador experimentou diversos cambios, “Galicia é unha potencia no que a enerxía eólica se refire”, asegura Xavier Simón, docente e investigador do Grupo en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo. Os máis de 3300 MW en funcionamento, aos que se suman outros 7000 MW admitidos a trámite e aínda non executados, e os 4000 aeroxeradores asociados aos máis de 120 parques eólicos, que se localizan en 107 concellos, avalan a afirmación de Simón en relación cunha actividade que xerou nos últimos anos facturacións duns 600 millóns de euros, o que supón ata un 50% da renda agraria. Non obstante, neste proceso de desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia “as e os propietarios dos terreos e os axentes locais tiveron escasa participación, tanto na planificación, como na obtención de rendas procedentes da actividade eólica”, asegura Simón, que incide na necesidade avanzar, tanto na organización, como na racionalidade na toma de decisións relacionadas coas centrais eólicas, “impulsando mecanismos que aseguren que o país, no seu conxunto, tire proveito da capacidade de xerar este tipo de enerxía limpa, mediante o incremento das rendas eólicas que perciben os propietarios dos terreos e as entidades locais”.

Deseñado como unha ferramenta de información, asesoramento e consulta para as persoas propietarias de terreos eólicos e para, en xeral, calquera persoa ou colectivo interesado na enerxía eólica, nace o Observatorio Eólico de Galicia (Oega), promovido pola Universidade de Vigo e a fundacións Juana de Vega e Isla Couto. O reitor, Manuel Reigosa e os presidentes das fundacións, Enrique Sáez e Manuel Meixide, respectivamente, foron os encargados de asinar este mediodía o convenio de colaboración para a creación e posta en funcionamento do observatorio, que ten como investigador principal e coordinador das súas actividades a Xavier Simón. Reigosa agradeceu o apoio das fundacións a un traballo de investigación nunha temática “que ten unha compoñente moi importante para o país e que no seu desenvolvemento ten unha importancia capital”. Pola súa banda, Enrique Sáez, director da Fundación Juana de Vega destacou que o observatorio “o que pretende é botar luz e asesorar. Nós non podemos cambiar a normativa, pero a información é o primeiro mecanismo de presión”, asegurou.

Obxectivos e actividades do observatorio

 O observatorio, que conta para os anos 2019 e 2020 cun financiamento de 50.000 euros para levar a cabo as súas actividades, desenvolverá accións encamiñadas a impulsar a transferencia de información cuantitativa e cualitativa entre os axentes participantes, así como a favorecer a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a parques. Ademais de servir como repositorio de información legal, económica e ambiental dos parques eólicos e de realizar estudos e análises socioeconómicas e institucionais da enerxía eólica, o observatorio prestará asesoramento gratuíto aos axentes rurais que se atopen en procesos de negociación con promotores eólicos, como mecanismo para fortalecer a súa posición e favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais. Precisamente esta preocupación conecta cunha das medidas recollida no ditame da comisión de incendios forestais aprobada polo Parlamento de Galicia, tendente a favorecer a capacidade de negociación das comunidades de montes fronte ás empresas de produción de enerxía eólica.

O director da Fundación Juana de Vega instou a ver o rural galego dun xeito máis global e neste sentido considera que “o eólico é unha oportunidade. A enerxía eólica é como se tivésemos petróleo. Estamos nun curruncho a península onde hai moito vento e iso vale diñeiro e se fose petróleo os propietarios terían moito diñeiro, pero como vai por riba, interpretan que é de calquera e entón hai que dar información, facer comparacións e axudar a que as cousas vaian cambiando de vagar”, sinalou Enrique Sáez. Pola súa banda, Xavier Simón tamén destacou como un dos obxectivos do observatorio é o de intentar reparar as deficiencias que se están a rexistrar no medio rural onde “se produce moita enerxía eólica, sen que os axentes rurais se beneficien suficientemente e o observatorio quere corrixir estas eivas”, asegurou o coordinador do observatorio.

Incrementar a xustiza enerxética aumentando a participación social

 Cun sector maduro e un grado de implantación elevado, Xavier Simón considera que neste intre, no que as peticións adxudicadas na primeira subasta eólica deben estar instaladas antes de finais de 2019, “cómpre apostar por incrementar a xustiza enerxética no sector eólico. Para iso é necesario aumentar a participación social nos procesos de planificación e decisión e deseñar ferramentas que incrementen as oportunidades de desenvolver parques eólicos comunitarios por parte dos axentes locais, tal e como acontece noutros lugares do planeta”, sinala. Tanto Simón, como Sáez, incidiron na importancia de que se produza un cambio na normativa actual que fomente que as e os gandeiros, consumidores, cooperativas ou concellos poidan desenvolver parques eólicos, que no caso de Galicia, en contra do que ocorre e outros países, sobre todo do norte de Europa, están en mans de grandes compañías.

Estudos realizados polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo en colaboración coa Fundación Juana de Vega concluíron que as e os propietarios de montes no rural galego percibían unhas rendas baixas en relación con outras comunidades autónomas pola instalación de parque eólicos, de xeito que a diferenza entre o 1,18% que se recibe en Galicia e o 3% que reciben os propietarios noutras comunidades autónomas, representa máis de 20 millóns de euros anuais que poderían reverter no rural galego.