DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 5 ao 9 de abril traballarán nos restos da factoría de salga da praia Canexol

O GEAAT realiza unha intervención arqueolóxica no xacemento romano da Illa de Ons

Analizarán o estado dos restos visibles e farán varias sondaxes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 05/04/2021

Desde hoxe día 5 e ata o 9 abril, un equipo dirixido por Adolfo Fernández, arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, está a desenvolver unha intervención arqueolóxica de limpeza, rexistro e sondaxes na factoría romana de salga da praia Canexol, na illa de Ons. A actuación conta co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e inscríbese dentro do proxecto de investigación Galtfish, que ten como obxectivo o estudo da explotación dos recursos mariños na costa galega en época romana.

Dous eixes de actuación

“O obxectivo principal desta intervención é o de investigar estes restos arqueolóxicos e aumentar considerablemente o noso coñecemento sobre eles no marco dun estudo global sobre a produción de salgas de peixe en época romana”, comenta o responsable da iniciativa. Segundo indica Adolfo Fernández, o xacemento romano de Canexol, descuberto recentemente e nunca antes intervido, esténdese por todo o cantil da praia da illa de Ons, uns 100 metros, destacando a presenza de dous píos ou depósitos de salgadura parcialmente destruídos. “A entidade dos restos e a súa amplitude fannos pensar que ademais da fábrica de salgadura poderían existir outras edificacións anexas que puideron servir de zona habitacional, sen descartar que o castro ou Castelo dos Mouros, situado a poucos metros do xacemento, fose o lugar onde habitaron as persoas que traballaban nesta unidade fabril”, detalla o arqueólogo.
 
A intervención en Ons xira arredor de dous eixes principais. En primeiro lugar, o equipo vai rexistrar dixitalmente todos os restos arqueolóxicos visibles no cantil da praia e que están sendo moi afectados pola erosión mariña, segundo comenta o responsable do proxecto. “O obxectivo é monitorizalos para poder medir e avaliar a progresión da afectación dos restos ao longo do tempo para tomar medidas protectoras de ser necesario”, detalla Adolfo Fernández. En segundo lugar, no marco da intervención vanse realizar varias sondaxes arqueolóxicas co obxectivo de recuperar datos da fábrica e delimitar o xacemento para poder “protexelo, intervilo e musealizalo no futuro”.
 
Para desenvolver estas tarefas, o equipo da Universidade de Vigo contará co apoio en todo momento de persoal do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que facilita a infraestrutura necesaria para levar a cabo a intervención arqueolóxica. Posteriormente, a información e materiais arqueolóxicos serán procesados no laboratorio do GEAAT no edificio do Campus Auga, no campus de Ourense.

Un paso máis no proxecto Galtfish

Esta intervención forma parte do proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar. O seu foco de interese é o coñecemento da produción do sal e as salgaduras no Noroeste Peninsular durante a época romana. Dentro deste proxecto, explica Adolfo Fernández, xa se fixeron intervencións noutros xacementos costeiros como Sobreira (Vigo), Adro Vello (O Grove) e praia do Naso (iIla de Arousa), todas elas factorías de salga romanas que producían prebes e peixe salgado para a exportación. O proxecto, engade, tamén ten afondado no coñecemento das salinas romanas do Areal, da produción de produtos piscícolas e da súa comercialización. Dentro desta última liña enmárcase o estudo da olería de ánforas romanas localizada na Pescadoira (Bueu), cuxos produtos (ánforas que contiñan o peixe galego en salgadura) chegaron a mercados tan afastados como Lisboa ou Roma, onde se atoparon nas escavacións do Palatino.

Entre as descubertas feitas no marco deste proxecto, os seus responsables tamén destacan como na intervención en Adro Vello púidose recuperar unha importante mostra de peixe no interior dunha pía de salga. “O estudo dos restos de ictiofauna demostran que os peixe escollido para facer prebes en época romana era a sardiña e o xurelo de pequeno tamaño, que logo dun proceso de maduración era envasado en ánforas producidas en Bueu”, detallan. A estes enclaves, únese agora o estudo dos restos da illa de Ons.