Cun espazo na feira ArtsLibris, onde presentan tamén o proxecto gráfico ‘un_ende’
O grupo dx5 proxecta en Arco o seu labor artístico e investigador
Xunto a editoriais, librarías e axentes culturais de máis de 20 países
Presentada pola organización como “unha das grandes citas internacionais da arte contemporánea”, ata este domingo desenvólvese no Ifema madrileño a 45 edición da Feira Internacional de Arte Contemporánea Arco. Xunto á presenza de máis de 200 galerías de 30 países, na súa programación insírese a feira de libro de artista e libro de arte ArtsLibris, onde o grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes busca dar a coñecer a súa traxectoria e liñas de investigación. Fano a través do conxunto de publicacións que reúnen no stand co que contan nunha feira na que participan máis de 90 editoriais, librarías e axentes culturais dunha vintena de países. Nela, o equipo investigador presenta tamén o proxecto gráfico un_ende, un libro de artista desenvolvido especificamente para este evento e que afonda na idea de arte múltiple de campo expandido combinando as creacións artísticas de dez das e dos seus integrantes.
Desde o grupo dx5 (digital & grahpic art research) destacan esta participación en Arco como unha oportunidade para “presentar no panorama da arte contemporánea, tanto nacional como internacional, a posición do grupo dx5 (digital & graphic art research) e a investigación que desenvolvemos”. Ademais de contar por primeira vez cun espazo en ArtsLibris entre este mércores e domingo, o equipo investigador de Belas Artes forma parte tamén da programación do speakers corner desta feira. Esta iniciativa, inserida na programación do Foro de Arco, permitirá dar a coñecer, este sábado ás 14.30 horas, tanto o labor do grupo, como o libro El múltiple que ocupa el espacio. Trátase dunha publicación que fai balance do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira, que o grupo dirixido pola profesora Ana Soler desenvolveu en 2024 en Pontevedra, coa colaboración do Concello.
Esta presentación permitirá así mesmo dar a coñecer a futura publicación do libro Posthumanismos interdisciplinares entre el arte y la ciencia. Neste caso é o resultado da terceira edición de Art at the Edge of Nature, un ciclo de seminarios itinerante coordinado pola investigadora Antía Iglesias, que no mes de maio celebrará a súa cuarta edición na Universidad Complutense de Madrid.
Un libro sen final
Beneficiario das axudas da Xunta de Galicia aos grupos de referencia competitiva, o equipo investigador dá a coñecer neste evento as súas investigacións sobre arte múltiple, estudos transdisciplinares sobre cómic ou a súa nova liña de traballo sobre “novas materialidades e ecoloxía”, como explica Iglesias. Faino a través dun conxunto de publicacións, ás que se suma un libro de artista desenvolvido especificamente para Arco.
Trátase de un_ende, un proxecto que se insire na liña O múltiple que ocupa o espazo e que constitúe tamén “unha especie de retrato colectivo da identidade do grupo”, a través de obra gráfica de dez das e dos seus integrantes. A través do pregue, este libro “propón unha estrutura aberta, onde non existe última páxina nin forma definitiva”, destaca Ana Soler. Esta idea faise presente no propio título do libro, “non final” en alemán, co que o grupo fai referencia á idea do “espazo do libro expandido como sistema sen final”, sinala a súa directora. Soler incide en como a perspectiva da “gráfica de campo expandido” implica abordar o concepto de libro de artista como “un dispositivo espacial, procesual e relacional”. Conectado coa teorías da complexidade, “onde os sistemas abertos defínense polas súas interaccións dinámicas entre elementos”, este proxecto emprega o pregue para que o múltiple, “noción central na parte gráfica”, pase de implicar “repetición seriada, para converterse en ocupación expandida do espazo”.
Combinando xilografía, serigrafía ou impresión dixital, esta publicación reúne as creacións de Aldara Vázquez, Ana Soler, Anne Heyvaert, Antía Iglesias, José Andrés Santiago, Lucía Romaní, Miguel Cuba, Sara Piñeiro, Tatiana Lameiro e Carlos Fer, quen foi ademais un dos finalistas do décimo Premio Cervezas Alhambra Arte Emergente, fallado no marco desta feira de arte contemporánea.
Outras historias posibles
Investigadora tamén do grupo dx5, a profesora Susana Cendán é a comisaria de Outras historias posibles, unha exposición que explora o traballo “de seis artistas que comezaron a despuntar na década de1980 e comezos de 1990 en Galicia”, Ana García Pan, Tusi Sandoval, Blanca Silva, Laura Terré, Emilia Guimeráns e a propia Anne Heyvaert. Patrocinada polo Museo Centro Gaiás – Fundación Cidade da Cultura, onde se presentaba en maio de 2024, o seu propósito era contar outra historia da arte en Galicia, desde unha perspectiva feminista. Posteriormente, “o interese que espertou o proxecto noutras institucións culturais de Galicia”, recoñece Cendán, motivou que iniciase unha itinerancia que lévaa neste mes de marzo ata A Coruña. A sede Afundación nesta cidade acollerá entre o 10 de marzo e o 30 de maio unha exposición que estrea un novo cartel, realizado por Heyvaert, “que sintetiza o ambicioso obxectivo de visibilizar a pegada das artistas galegas dos 80”, destaca Cendán.
