DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu novo informe 'Cara novos sistemas de planificación urbana e territorial'

O grupo Galicia 2040 recomenda a creación dun consorcio que aglutine as competencias do transporte público

Apostan por un cambio de paradigma na creación de vivenda pública e fomento do alugamento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 18/01/2023

O grupo de traballo Galicia 2040 do Foro Económico de Galicia, foro coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu informe Cara novos sistemas de planificación urbana e territorial. Nel, apostan por un cambio de paradigma na creación de vivenda pública e fomento do alugamento e pola creación dun consorcio que aglutine as competencias do transporte público.

A presentación, que tivo lugar na sede da Fundación Abanca, en Santiago de Compostela, contou coa participación dos seus autores, os catedráticos da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias e Domingo Docampo; a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval, o economista José Francisco Armesto e o arquitecto Luciano Alfaya. O grupo Galicia 2040 está formado por analistas e investigadores e investigadoras co obxectivo de trasladar á sociedade posibles escenarios de futuro nos cinco eixos fundamentais de cambio: a dixitalización, os procesos de urbanización, a demografía, os retos medio ambientais e o xeoestratéxico.

Todas as cidades europeas, indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, están na procura dunha reformulación da urbanidade cara un modelo mais inclusivo, que se estenda á súa contorna. “Galicia posúe unha estrutura reticular apoiada en distintas áreas comarcais, en múltiples nodos que teñen un significativo peso para o desenvolvemento dunha determinada área. A dificultade espacial acrecéntase ao considerar tres niveis de estruturación que se superpoñen con relacións de colaboración, pero tamén xerárquicas, tensas e conflitivas: estes niveis atinxen aos eidos político-administrativo, socioeconómico e urbanístico”, sinalan.

Retos e propostas

No informe presentando, as e os especialistas do grupo de traballo Galicia 2040 consideran que de cara aos vindeiros anos o debate sobre a situación territorial seguirá a estruturarse en torno a tres lóxicas: estratexias globais fronte ás solucións de carácter local; argumentos económicos fronte aos valores de tipo identitario e planificación e propostas das administracións fronte á participación cidadá. Ademais, “consideran que probablemente en 2040 a distribución administrativa e/ou de competencias dos concellos galegos terá mudado para dar resposta ás tres lóxicas indicadas”. No que atinxe á mobilidade urbana, o grupo recomenda aos gobernos locais impulsar medidas “atrevidas, ambiciosas e innovadoras” para avanzar nos seus plans estratéxicos de mobilidade. Así, suxiren a creación dun consorcio de transporte que coordine (cando menos nas áreas metropolitanas) as competencias no transporte público, na actualidade repartidas entre Xunta e concellos. No escenario de 2040, as e os analistas consideran que debe potenciarse unha rede de transporte público eficiente e reforzarse a intermodalidade máis alá da conexión tren-autobús, relacionándoa tamén coas bicicletas e as sendas ou percorridos peonís dende as estacións cara o centro. En canto á movilidade interurbana, os grandes retos recollidos no informe “están vencellados aos problemas climáticos, ambientais e paisaxísticos, relacionados coa súa integración nas áreas rurais e urbanas, a intermodalidade, a adaptación das estradas e vías aos novos vehículos na procura de conectividade ou a seguridade viaria”.

Neste momento, indican desde o Foro Económico de Galicia, os fondos Next Generation de Rehabilitación e Rexeneración Urbana “constitúen unha grande oportunidade para avanzar en novas políticas nos devaditos eidos: estes fondos establecen programas de axudas de rehabilitación a nivel de barrio, programas de actuacións de mellora da eficiencia enerxética e pulo á rehabilitación de edificios públicos das entidades locais”. Porén, as e os expertos advirten de que a chegada destes recursos económicos “está favorecendo que as decisións das cidades para desenvolver as súas políticas dependan excesivamente do financiamento e das decisións exóxenas”. O traballo do grupo Galicia 2040 tamén afonda nos cambios necesarios en materia de vivienda. “Os vindeiros anos deberían comportar un cambio de paradigma na creación de vivenda pública e fomento do alugamento, en contraposición ao déficit histórico que padece o conxunto do país, en especial se se compara con Europa. Cabe sinalar tamén a necesidade de programas de recuperación de vivendas no rural, aproveitando a conectividade dixital do territorio e a recuperación do interese pola produción agrícola de autoconsumo”, comentan.

O informe tamén recolle que se prevé que ata 2040 “a velocidade na xeración de datos propicie unha obsolescencia inmediata dos mesmos o que implicará que a planificación urbana e territorial deba ter certa flexibilidade que facilite unha revisión continuada da estratexia urbana. Esta estratexia será dixital e en tempo real, utilizando as ferramentas tecnolóxicas da intelixencia artificial”. Por último, as e os autores do documento “adiantan a probabilidade de que no curto prazo as cidades estean ocupadas por máis persoas sen traballo”, sinalando que “a robotización suporá a minoración do mercado de traballo tal e como o coñecemos agora, polo que o patrón de planificación das cidades actuais de equilibrio en espazos para traballar, para gozar do tempo de lecer e durmir ou convivir, tecidos mediante infraestruturas pensadas para o vehículo privado, terá que mudar substancialmente”.