Inclúe o primeiro glosario accesible en Lingua de Signos Española cun cento de termos
O grupo Galma da UVigo e a Academia de Cine impulsan 'Crear con Acceso', unha web con recursos para unha industria audiovisual máis inclusiva
Co obxectivo de informar e formar para considerar a accesibilidade desde o principio
Promover a noción de accesibilidade integrada ou, no caso do cine, cine accesible, que considere a accesibilidade desde a orixe da produción é o obxectivo no que desde hai anos traballan o grupo de investigación Galma (Galician Observatory for Media Accessibility) da UVigo e a Academia del Cine. Nun país no que na industria do cine e na da TV a discapacidade está infrarepresentada tanto diante como detrás da pantalla, ambas as dúas institucións uníronse, desta volta, na posta en marcha de Crear con Acceso, unha web con vocación de “contedor, para ter un lugar onde recoller a amosar o mundo o que estamos facendo respecto do cine accesible, porque esa é a nosa idea, que as producións audiovisuais, sexan para televisión, ou mesmo teatro e demais, consideren o acceso ou a accesibilidade desde o principio”, explica Pablo Romero Fresco, catedrático da UVigo e responsable do grupo de investigación.
Crear con Acceso inclúe, entre outros recursos, o primeiro glosario accesible en Lingua de Signos Española (LSE) que se elabora no mundo, e que inclúe un cento de termos cinematográficos, co obxectivo de dar a coñecer, tanto en español, como en LSE, termos clave para o cine accesible, a coordinación de acceso e a representación e participación das persoas con discapacidade no audiovisual.
Cursos de formación en coordinación de acceso para cine e TV e unha guía de cine accesible, son outros recursos cos que as e os promotores da web, que foi presentada recentamente na Jornada de Coordinación de Acceso y Accesibilidad de Contenidos, organizada xunto con CESyA (Centro Español del Subtitulado y la Audiodescripción) do Real Patronato sobre Discapacidad, pretenden seguir realizando as súas achegas “para axudar a que a inclusión e a accesibilidade atravesen e transformen a creación audiovisual”.
Participación, representación e accesibilidade de contidos
Nas accións conxuntas que desenvolven Galma e a Academia del Cine, Pablo Romero incide en que son tres os eixos sobre as que se fundamentan: a participación, a representación e a accesibilidade de contidos. “Iso é o que nós entendemos por cine accesible, que é unha nova forma de facer cine e de pensalo, de concibilo”, detalla o responsable do Galician Observatory for Media Accessibility.
Dar cobertura ás necesidades de acceso das persoas profesionais con discapacidade que queren traballar na produción. Que se obra trata sobre a discapacidade, haxa unha representación non estereotipada ou daniña da mesma e que polo tanto sexan profesionais con discapacidade os que poidan supervisar como se presenta en pantalla a personaxes con discapacidade. E, por último, “que esa obra, cando se faga accesible, a accesibilidade dos contidos mediante subtitulado ou audiodescrición se supervise desde o principio”, detalla Romero en relación cus eixos presentes en Crear con Acceso, “para que todas aquelas persoas que queiran, cando vaian crear unha obra, sobre todo audiovisual, pensen nesas cousas dende a creación, dende o principio”, explica o responsable de Galma.
Formación única no mundo, guía de cine accesible, glosario …
Entre os contidos que inclúe a web destaca no apartado de formación a referida ao Curso de coordinación de acceso, unha microcredencial impartida pola UVigo, que recentemente chegaba ao seu fin e no que participaron 25 persoas, do total de 70 que presentaran solicitude. “Foron 12 persoas con discapacidade e 13 sen discapacidade as que realizaron o curso, que é o primeiro curso de cine accesible do mundo que conta con participantes e docentes con e sen discapacidade. Para que uns podamos aprender de outros, persoas cegas, xordas signantes, xordas non signantes, persoas con mobilidade reducida, con diversidade funcional, parálise cerebral, etc. E aprendemos unha barbaridade uns dos outros, tremendo”, explica Pablo Romero, que dirixiu a microcredencial, que volverá impartirse o vindeiro curso.
A web tamén inclúe unha versión longa e outra descargable en versión reducida dunha guía de cine accesible, que recolle os eixos de participación, representación e accesibilidade e que “é única no mundo polo seu funcionamento”, segundo Pablo Romero. A isto, engádese o glosario de cine accesible en inglés, español e Lingua de Signos Española, creada esta última por un grupo de persoas xordas que traballaron con docentes e crearon os signos necesarios e que non existían en lingua de signos española para facer o cine accesible.
Pola súa banda, no apartado de outros recursos inclúense documentos pioneiros na industria e que en gran medida está a elaborar o alumnado da microcredencial impartida na UVigo como traballo fin de curso. “Esta mesma semana están entregando documentos valiosísimos para a industria porque non existían. Unha persoa xorda que traballa en TVE nos dá un documento sobre accesibilidade en TVE. Outra persoa xorda, que é directora de teatro, entréganos o primeiro protocolo de participación de asesores xordos no cine e no teatro. Estase a facer a primeira guía de guións inclusivos en España... É un luxo ter estas contribucións, que nos permiten multiplicar e espallar o traballo que estamos a facer para que chegue máis lonxe e a industria sexa así cada vez máis inclusiva”, detalla o responsable de Galma.
