DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de entrega tivo lugar este martes no campus de Vigo

O grupo de investigación SING, galardoado nos VI Premios Spin-Off PuntoGal

En recoñecemento á súa traxectoria no campo biomédico e de ciberseguridade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 15/11/2022

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo acolleu este martes o acto de entrega dos VI Premios Spin-Off PuntoGal, convocados polo dominio PuntoGal e GCiencia para distinguir a empresas e grupos de investigación innovadores. Entre as entidades galardoadas están o grupo de investigación SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeneración) do campus de Ourense. Ademais, foron distinguidas as empresas Casa Grande de Xanceda e Indestia.   

No acto de entrega dos premios, que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis, participaron Belén Rubio, vicerreitora Investigación da UVigo; Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal; Marta Fernández-Tapias, delegada Xunta de Galicia, e María Xosé Caride, concelleira de Urbanismo de Vigo. Entre os obxectivos destes galardóns están recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Tamén se tiveron en conta polo xurado factores como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas. As e os integrantes do xurado foron as investigadoras María José Malmierca, Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia Carme Pampín.  

Recoñecemento a “unha sólida traxectoria”

Na categoría de Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao grupo SING, Sistemas Informáticos de Nova Xeración, coordinado polo catedrático Florentino Fernández-Riverola e formado por nove investigadoras e investigadores principais da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, aos que se suman persoal investigador de predoutoramento e posdoutoramento. Desde os Premios Spin-Off PuntoGal destacan que este grupo “conta cunha sólida traxectoria no campo da investigación biomédica e a ciberseguridade e distínguese por ter unha ampla representación de mulleres entre o seu corpo de investigadores”. "Para nós, este premio supón un recoñecemento moi importante ao labor de investigación e transferencia que estamos a facer dende o grupo fai anos. As candidaturas que se presentaron a esta convocatoria na categoría de Grupos de Investigación eran todas moi potentes, polo que ter sido galardoados supón para nós unha valía máis”, sinala Florentino Fernández-Riverola. Porén, engade, “este recoñecemento non é só para o persoal do noso grupo, senón tamén para os nosos colaboradores habituais e os centros dos que formamos parte, que son o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), recentemente acreditado polo ISCIII". O galardón foi recollido en nome de SING polo seu investigador Hugo López.

Outros galardóns

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi Indestia S.L, spin-off da Universidade da Coruña, pola posta en marcha e desenvolvemento de PhotoIlike, unha ferramenta baseada na intelixencia artificial que permite seleccionar as fotos que van ter maior impacto entre o público. Neste apartado foi tamén distinguida como finalista a empresa Diversa Technologies. Por último, Casa Grande de Xanceda obtivo o premio no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras cunha traxectoria de prestixio. Neste caso, desde a organización dos galardóns destacan que “a marca conta cunha historia de case medio século no rural galego e apostou polo compromiso co medio ambiente, o coidado dos animais e a defensa de causas sociais como darlle visibilidade ao papel da muller no mundo rural”. Ademais, sinalan “a calidade dos seus produtos, que contan cun selo ecolóxico".