Nunha liña de investigación que desenvolven coa colaboración da asociación Apropark
O grupo Isaúde analiza dos efectos do exercicio con restrición do fluxo sanguíneo en persoas con párkinson
Nesta semanas levan a cabo un primeiro estudo piloto
Coñecer os posibles beneficios en pacientes de párkinson dun programa de exercicio de forza no que se emprega un torniquete pneumático que restrinxe parcialmente o fluxo sanguíneo dunha extremidade. Este é o obxectivo da investigación que o grupo de investigación Isaúde, da Facultade de Fisioterapia e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, desenvolve coa colaboración da Asociación de Párkinson da Provincia de Pontevedra (Apropark) e que botaba a andar nestas semanas cun primeiro estudo piloto. O seu obxectivo é coñecer a efectividade dun programa de exercicio de forza con restrición do fluxo sanguíneo en persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa, co obxectivo de “atopar alternativas para aumentar as súas capacidades físicas e a súa calidade de vida”.
Como explica Irimia Mollinedo, coordinadora do grupo Isaúde, un programa de actividade física dirixido a “mellorar a hipertrofia e a forza” implicaría un traballo con “altas cargas”, que non serían precisas se os mesmos exercicios se levasen a cabo con dispositivos que restrinxen parcialmente o fluxo sanguíneo. “Isto o que permite é xerar menos estrés mecánico e protexer máis as articulacións”, salienta a investigadora, que explica que se ben diferentes estudos teñen analizado os efectos de programas de exercicio con restrición do fluxo sanguíneo, ata o de agora foi algo escasamente estudado con pacientes de enfermidades neurodexenerativas como o párkinson.
“En poboacións sas está demostrado que este método permite traballar con baixas cargas, obtendo adaptacións fisiolóxicas como se estiveramos traballando con altas cargas”, apunta Mollinedo. Nese senso, o obxectivo desta liña de investigación é coñecer en que medida esta técnica podería ser “unha ferramenta potencialmente beneficiosa e segura para pacientes con enfermidade de párkinson”, dada a ausencia de “protocolos específicos para esta poboación”, sinala o equipo investigador, do que forman parte tamén as docentes Iris Machado e Esher Monge. O obxectivo é nese senso coñecer se facilitaría a realización de programas de exercicio terapéutico con persoas afectadas por unha enfermidade que ten entre os seus síntomas motores máis frecuentes a bradicinesia –lentitude á hora de iniciar movementos voluntarios-, a rixidez muscular, os tremores ou as alteracións posturais e da marcha. “Estas alteracións provocan unha discapacidade progresiva, aumentando a dificultade das e dos pacientes para realizar as actividades da vida diaria”, sinalan desde o grupo de investigación, o que lévaos a incidir no papel “fundamental” do exercicio terapéutico fronte aos “déficits motores e funcionais” xerados por esta enfermidade.
Primeira experiencia piloto
Coa participación dunha decena de membros da asociación Apropark, esta liña de investigación abriuse cunha primeira “experiencia piloto”, apunta Mollinedo, que se insire no traballo de fin de mestrado de Bruño Lemiña. Neste marco, o proxecto arrancou cun único grupo piloto, que permitirá en primeiro termo “coñecer as experiencias e sensacións” das e dos participantes respecto dunha liña “dentro da que imos facer varios estudos”. Ao mesmo tempo, o traballo de Lemiña permitirá tamén unha primeira avaliación tanto da viabilidade e adherencia deste programa, como do grao de esforzo percibido e dos seus efectos en sintomatoloxía do párkinson como a bradiciniesia, nas presións plantares estáticas e dinámicas ou en parámetros estabilométricos.
Partindo desta experiencia, o grupo Isaúde buscará ampliar a mostra para comparar a efectividade dun programa de exercicio no que se aplica un “grao de oclusión máxima” do fluxo sanguíneo do 80%, fronte a outro no que este se sitúa no 50%. Esta comparación parte, como sinala o equipo investigador, de que a primeira porcentaxe é a empregada en maior medida e a que amosou maior grao de eficacia, “pero á súa vez tamén é a que fai aumentar en maior medida a fatiga e o nivel de esforzo percibido”. O obxectivo neste punto, apunta Mollinedo, é coñecer o grao de efectividade nesta poboación dunha oclusión do 50%, “que é moito máis cómoda para os pacientes”. Con este propósito, levarase a cabo un programa de exercicio de doce semanas, que dous grupos realizarán con estes dous graos de oclusión, mentres que un terceiro grupo levará a cabo o mesmo programa sen restrición do fluxo sanguíneo.
Avaliación dos seus efectos en mulleres maiores
Esta liña de traballo vese complementada á súa vez por outro estudo clínico que se leva a cabo tamén neste meses, inserido neste caso no traballo final de Xurxo Villar no Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia. Neste caso, céntrase en analizar os efectos da terapia de restrición do fluxo sanguíneo en mulleres maiores de 65 anos e nel participan 15 estudantes do Programa Universitario para Maiores (PUM), que levan a cabo un programa de exercicio terapéutico de oito semanas, con dúas sesións semanais. O seu obxectivo é comparar os efectos sobre a forza muscular de mulleres maiores dun protocolo de exercicio con restrición do fluxo sanguíneo, cun grao de oclusión do 80%, fronte á súa realización sen restricións e de xeito domiciliario.
