DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xavier Labandeira liderará o equipo vigués, que traballará con nove institucións de sete países

O Grupo Rede participa no proxecto 4I-Traction que analiza as políticas transformadoras da UE encamiñadas a acadar a neutralidade climática en 2050

Os investigadores da UVigo avaliarán os impostos ambientais aplicados a nivel autonómico en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 28/06/2021

A UE ten a vista posta en 2050 como data para que os países membros acaden a neutralidade climática, é dicir, que sexan capaces de absorber a mesma cantidade de emisións que as que xeran, converténdose así no primeiro continente climaticamente neutro. Para isto, a Comisión Europea presentou un complexo paquete de medidas lexislativas, directrices e reformas que conforman o chamado Pacto Verde Europeo, un marco para avanzar nos esforzos de adaptación aos impactos do cambio climático, polo cal, todos os estados membros deben poñer en marcha estratexias de mitigación (redución de emisións) e plans de adaptación. Pare este proceso require dun marco de gobernanza que facilite a integración de políticas intersectoriais e permita que a cidadanía e as partes interesadas públicas e privadas participen no proceso. O proxecto 4I-Traction xurde neste contexto, co obxectivo de analizar como podería ser a política climática transformadora para a UE para acadar a neutralidade climática. A finalidade é facer un balance das políticas climáticas existentes e o seu desenvolvemento e detallar unha serie de vías políticas e un marco de gobernanza xeral, para describir como a combinación actual de políticas climáticas e enerxéticas da UE debe evolucionar na década de 2020 para conseguir unha progresión axeitada cara 2050. 

O proxecto 4I-Traction (Innovation, Investment, Infrastructure and sector Integration: Transformative policies for a Climate-neutral European Union) conta coa participación de nove institucións de sete países: Alemaña (Ecologic Insitute, Climate Analytics), Bélxica (VUB), España (UVigo), Finlandia (UEF), Francia (I4CE), Países Baixos (CE Delft, Wageningen Univ.) e Polonia (WISE Europa). Todas elas conforman un consorcio “marcadamente multidisciplinar”, liderado polo Ecologic Institut gemeinnützige GmbH, que vai contar con expertos en cambio climático dende as disciplinas de ciencia política, economía, dereito e enxeñaría. Por parte da Universidade de Vigo participa o grupo REDE, liderado polo catedrático Xavier Labandeira. O proxecto ten unha duración de tres anos e conta cun orzamento total de catro millóns de euros no marco da convocatoria Scientific support to designing mitigation pathways and policies do programa H2020, dos que 150.000€ corresponden á UVigo. 

Este luns os socios do proxecto participaron nunha xuntanza de lanzamento en modalidade virtual. O evento, que se estenderá ata o xoves, serve para planificar e organizar os traballos do consorcio durante os próximos anos.

Catro eixos centrais

O obxectivo xeral do proxecto é contribuír a definir as políticas transformativas e o marco de gobernanza necesarios para acadar a neutralidade climática da UE en 2050. Para conseguilo, levaranse a cabo unha análise crítica das políticas climáticas existentes e definiranse propostas sobre os cambios necesarios a curto e medio prazo. Esta análise estruturarase arredor de catro retos transversais: promoción da innovación “rompedora”; cambios nas inversións e financiamento; desenvolvemento das infraestruturas necesarias e un esforzo de integración intersectorial. O grupo REDE, co catedrático Xavier Labandeira á fronte do equipo de traballo, liderará un estudo de caso sobre a efectividade de determinadas políticas climáticas en España vinculadas ás enerxías renovables, a fiscalidade e a política industrial.

O docente, director do centro de investigación Economics for Energy e participante nos últimos informes de avaliación do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC), explica que nos últimos meses outros países se uniron á UE na definición de obxectivos de descarbonización a 2050. “Son obxectivos totalmente necesarios para dar cumprimento ao Acordo de París e manternos por debaixo do aumento de 2ºC das temperaturas”, pero a súa viabilidade dependerá “de se comezamos a aplicar políticas e estratexias intensas na mitigación de emisións dende xa”. Recalca o catedrático que “xa temos moitas das tecnoloxías que farían posible esta descarbonización cun grao de desenvolvemento importante, así que agora trátase de concentrarse naquelas áreas que requiren solucións tecnolóxicas adicionais e introducir con decisión as medidas que nos leven ao cambio estrutural das nosas economías para ilas facendo cada vez menos dependentes do uso de combustibles fósiles. Por suposto, para iso será imprescindible que haxa programas para compensar aos máis afectados polo proceso de cambio ou transición. Non é de estrañar, por tanto, que moitos deses asuntos sexan de interese prioritario para o proxecto que comezamos estes días”.

Vigo lidera un estudo sobre a efectividade dos impostos ambientais en España

Os casos de estudo do proxecto enmárcanse na análise “ex post as políticas climáticas europeas no período 2005-2020”, como avanza Labandeira. Esta análise levarse a cabo a través dunha combinación de metodoloxías cuantitativas e cualitativas e terá un amplo alcance tanto a nivel de países analizados como de sectores estudados. “A metodoloxía para os casos de estudo nos distintos países será común para permitir facer análises comparativas. No que se refire aos casos de estudo que van abordar desde o grupo REDE, Labandeira explica que se determinarán con concreción durante a implementación do proxecto, “pero a idea de partida é que se centre na fiscalidade enerxética e ambiental”. Pretenden analizar como funcionaron as iniciativas de implementación de impostos ambientais que se desenvolveron, en gran medida, a nivel autonómico. Tamén se terán en conta os efectos negativos de carácter distributivo e equidade destes impostos.

A multidisciplinariedade, un aspecto clave

O proxecto está formado por un consorcio internacional e multidisciplinar con expertos de ámbitos moi diversos e, segundo explica o catedrático Xavier Labandeira, esta diversidade tanto eido do coñecemento como de representación xeográfica, supón “unha riqueza do proxecto e, de feito, son un requisito por parte da Comisión Europea”. Así, a integración das distintas perspectivas e achegas “é a clave para poder ofrecer resultados que permitan facer fronte de forma efectiva ao reto común ao que nos enfrontamos, neste caso, o cambio climático”. Dente o punto de vista práctico, remarca o investigador, “isto require que a metodoloxía para unir as distintas achegas estea ben deseñada para que non se trate só dun conxunto de pezas inconexa”, e que as recomendacións e políticas propostas “sexan factibles e coherentes a nivel tecnolóxico, financeiro, político e social”.