Esta semana iniciaba os ensaios para presentar ‘Tartufo’ das Miteu dos tres campus
O grupo de teatro do campus prepara a súa segunda montaxe
Integrado por 14 persoas e dirixido por Salvador del Río
Conformado por 14 persoas de diferentes idades, entre as que se atopan tanto integrantes da comunidade universitaria como persoas alleas á institución, o grupo de teatro do campus iniciaba esta semana os ensaios para preparar a que será a súa segunda montaxe, unha adaptación de Tartufo, de Molière. Seguindo o esquema adoptado noutras actividades culturais de carácter permanente, no que as aulas e obradoiros formativos combínanse con agrupacións orientadas á preparación de actuacións, a Vicerreitoría do campus impulsou o pasado curso a creación desta agrupación, que se sumaba así aos grupos de baile e música tradicional e ao coro do campus.
Esta iniciativa dá continuidade á súa vez á aula de teatro impulsada pola Vicerreitoría no primeiro cuadrimestre, que tiña como obxectivo achegar as e os participantes ás diferentes fases do proceso de creación teatral. Nese senso, como recolle a súa convocatoria, o obxectivo é que este grupo “culmine a fase inicial de formación” desenvolvida nese obradoiro e “posibilite a realización e posta en escena dunha obra teatral que poida representar o campus”. Aberto tamén ao conxunto da cidadanía, a posta en marcha deste grupo arrancou en xaneiro cunha proba de habilidades teatrais, dirixida a “garantir un nivel mínimo de calidade inicial”. Nesta definíronse as e os 14 integrantes deste grupo, entre os que se atopan tanto boa parte das e dos participantes na aula como outras tres persoas que “contaban con formación teatral”, como explica o seu director, o actor e director Jesús Salvador del Río
O grupo, sinala o tamén responsable de Teatro de Ningures, reúne nese senso tanto a participantes en varias edicións do obradoiro como a integrantes do grupo posto en marcha o pasado curso, contando tamén tanto con alumnado universitario como con persoas alleas á UVigo, xa que, lembra, “o espírito destas actividades de extensión universitaria é implicar á cidadanía”.
Preparación de ‘Tartufo’
Con Salvador del Río, Omar Ferrín e Sonia Rúa como responsables, o grupo de teatro iniciaba este luns os ensaios que levarano a estrear na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) a súa adaptación de Tartufo. “É unha versión adaptada ás características do grupo e ao seu número”, sinala o coordinador dunha actividade que permitirá tamén afondar en aspectos como a posta a punto corporal e vogal, a análise de personaxes e situacións, a encarnación do personaxe ou a improvisación sobre o escenario.
O grupo presentará a súa obra nas Miteu dos tres campus da UVigo, ao que se suma o obxectivo, lembra Salvador del Río, de tratar de levar a cabo “algunha función que non sexa en espazos universitarios, e tamén facer algún intercambio con universidades de fóra de Galicia”.
