DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Observatorio Municipal Galego

Un habitante do rural debe percorrer unha media de 15 km para acceder a un servizo público

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 20/09/2024

A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres un novo documento de análise do seu Observatorio Municipal Galego, unha das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Nel destacan que un habitante do rural debe percorrer unha media de 15 km para acceder a un servizo público e que o 76,6% dos municipios galegos están clasificados como ZPP (zona de pouca poboación). A análise foi elaborada por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Segundo recolle o documento, os municipios situados en contornas rurais adoitan presentar problemas e limitacións para poder garantir os servizos ás persoas residentes. “Aínda que isto non é patrimonio exclusivo de Galicia, esta situación vese acentuada polo forte proceso de envellecemento poboacional, baixa densidade demográfica, despoboamento continuado, reducida dotación e/ou carencia de infraestruturas e a incapacidade para conseguir un desenvolvemento local endóxeno dos municipios rurais”, sinálase no informe. En Galicia, comenta o autor do traballo, a distancia que debe percorrer un residente no medio rural é de case 15 quilómetros para recibir un servizo público, mentres que non chega a tres quilómetros se reside nunha contorna urbana. “Con todo, a media nacional sitúase en 22,6 quilómetros no medio rural e 2,1 no medio urbano”, apunta.

240 municipios considerados zonas de pouca poboación

Respecto ás ZPP, o informe sinala que hai 240 municipios (76,7% do total) cualificados como tales, a maior parte situados no marco rural con fortes singularidades de diferente natureza: económica, financeira e demográfica. “Todos eles teñen algúns trazos comúns como as dificultades no seu funcionamento e para a prestación de servizos públicos”, comenta Alberto Vaquero. As diferenzas fiscais entre municipios catalogados como zonas con pouca poboación, zonas densamente poboadas e zonas de densidade intermedia en Galicia, engade o experto, “é evidente”.

Entre outras recomendacións, no documento a Rede Localis aposta por “introducir maiores doses de racionalidade nas prestacións de servizos públicos locais nos municipios rurais, en especial reflexionar se a Lei de Bases de Réxime Local introduce máis competencias aos municipios rurais que as que poden soportar polos seus propios medios”. Outra posibilidade, engádese no documento, sería, na medida do posible, incrementar as bases impoñibles dos tributos. “Isto pasaría por un aumento do número de contribuíntes”, afirman. Pór en valor o medio rural e dar oportunidades de traballo ás persoas novas para que residan nestes municipios, sinálase en nota de prensa desde a entidade, “pode ser unha vía moi interesante para explorar”. Por último, desde a Rede Localis subliñan que “somos plenamente conscientes de que a análise da casuística que hai nos municipios cualificados como ZPP en Galicia debe ir máis aló dun mero exercicio tributario. O axuste debería vir tamén desde a óptica do gasto, cun trato diferenciado que teña en conta a casuística deste tipo de municipios”.