DUVI

Diario da Universidade de Vigo

14 proxeccións e tres relatorios integran o programa de ‘Ante o tempo’, que comeza este venres

Heroes e heroínas protagonizan o novo ciclo de cine da Vicerreitoría

Con entrada libre, as sesións terán lugar os venres ás 19.00 horas na Casa das Campás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/01/2019

“Todas as culturas edifican parte do seu imaxinario colectivo sobre figuras que acadan o estatuto de fundacionais e entre elas destaca primordialmente a figura do heroe”, sinala o programador cultural Suso Novás, coordinador do ciclo de cine Ante o tempo que, a partires deste venres, proporá na Casa das Campás unha reflexión sobre como a figura do heroe e da heroína “configura o imaxinario histórico e mítico de determinadas culturas”, á vez que analizará como esta figura “vai evolucionando ao longo da historia do cinema”. Integrado por 14 proxeccións, complementadas pola presentación do filme e o posterior coloquio, así como por tres relatorios, o ciclo de primavera da Vicerreitoría do campus desenvolverase nas tardes dos venres, ás 19.00 horas, ata o mes de maio, comezando este 18 de xaneiro coa proxección de Robin dos bosques

“A figura do heroe ou heroína forma parte da historia do cinema de formas moi diversas”, sinala Novás do eixo dun ciclo que busca reflexionar sobre como esas figuras “de reminiscencia grega e romana, fillos de deuses e humanos” están presentes na historia do cinema, mais tamén en como esta arte retrata a figura da persoa que realiza “unha acción abnegada en beneficio dunha causa nobre”. 

Evolucións e revisións

A proxección da película de Michael Curtiz Robin dos bosques, que presenta un arquetipo de heroe baseado, “na acrobacia, a elasticidade e a forza”, abre un ciclo que o día 25 centrarase nos “personaxes urbanos, cunha idiosincrasia e unhas características psicolóxicas determinadas” do cinema de Michael Mann, a través dunha conferencia do profesor e crítico José Manuel López, para, o 1 de febreiro, abordar a idea do heroe “como un personaxe fora do tempo, cun código de ideas moi forxado que entra en colisión cos demais”, a través de O longo adeus, de Robert Altman. Á semana seguinte, o venres 8, tocará afondar en como o cinema reflicte a idea “do suxeito que por unha serie de circunstancias revela unha serie de atributos que el mesmo descoñece que os demais nin lle supoñen” con O irmanciño, de Ted Wilde, J.A. Howe e Lewis Milestone. O 15 de febreiro o ciclo achegarase ás figuras dos superheroes, a través da “revisión e autoanálise dos propios modelos xenéricos”, que Matthew Vaughn propón en Kick-Ass, mentres que a seguinte sesión estará dedicada a unha das referencias clásicas do heroe enmascarado, O sinal do zorro de Robert Mamoulian.

O 1 de marzo, o ciclo continúa con Aliens: o regreso de James Cameron, filme que protagoniza “unha das grandes personaxes femininas do cinema de ciencia ficción”, mentres que o 8 a “perda da inocencia do cinema clásico e os espazos de tránsito entre o heroe clásico e o novo heroe” veranse reflectidos en Duelo na Alta Serra, de Sam Peckinpah. A ciencia ficción retornará o 15 de marzo con O incrible home minguante, para, o venres 22, achegarse a “unha das grandes heroínas do melodrama” a través de Stella Dallas, e pechar marzo coa posta en cuestión “do heroe branco do cinema de acción” que, apunta Novás, John Carpenter propón en Golpe na Pequena China.

Abril abrirase, o venres 5, con Os vikingos, de Richard Fleischer, “un dos clásicos do cinema de aventuras, no que xa se amosa unha crise no modelo heroico clásico”, mentres que á semana seguinte poderá verse Fargo, de Joel e Ethan Coen, filme co que abordar de novo a idea "da personaxe aparentemente anódina, que revela unha intuición moi elevada nun mundo falto de ética”. Tamén en abril, o ciclo complétase o mércores 17 cun relatorio de Novás sobre heroicidade no cinema clásico de Hollywood, e coa proxección, o día 26, de Mad Max: Furia na estrada, de George Miller.  Xa en maio, a Casa das Campás acollerá, o venres 3, a proxección de O tren, de John Frankenheimer, filme co que abordar a idea “do heroe colectivo”, para pecharse o ciclo o día 10 cun relatorio do profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego.

Nova cita co cinema documental

O inicio do ciclo verase precedido, este xoves 17, pola proxección de If (1968), de Lindsay Anderson, na última sesión do ciclo promovido pola Vicerreitoría para o primeiro cuadrimestre, que tivo que adiarse a xaneiro. Por outra banda, o Teatro Principal acolle o vindeiro luns 21 ás 20.30 horas a proxección do documental Silvana, nunha nova sesión do ciclo Docs del Mes, que a Vicerreitoría do campus promove en Pontevedra coa colaboración do Concello e que este mes estará dedicado ao filme que as cineastas Mika Gustafson, Olivia Kastebring e Christina Tsiobanelis centraron na figura da rapeira lituana residente en Suecia Silvana Imam, activista e icona da comunidade queer.