DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus promove dous ciclos cinematográficos 

Unha homenaxe a Hitchcock e a revisión francesa do xénero negro enchen o outono do cine

Nas tardes de xoves e venres, terán lugar na Casa das Campás e no Teatro Principal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/10/2020

Coas limitacións de aforo ás que obriga a crise sanitaria, o cinema mantén un ano máis un papel protagonista na programación cultural promovida pola Vicerreitoría do campus. O seu tradicional ciclo de outono estará dedicado este ano ao director Aldred Hitchcock, coincidindo co 40 aniversario do seu pasamento, e a este súmase o ciclo que a Vicerreitoría dedica cada curso ao cinema francés, inicialmente previsto para a pasada primavera. En conxunto, 18 filmes que, a partires deste venres e ata finais de xaneiro se exhibirán tanto na sala de conferencias da Vicerreitoría, ás 19.00 horas e cun aforo limitado a 15 persoas, como no Teatro Principal, grazas á colaboración do Concello, neste caso ás 20.00 horas e cun aforo de 60 persoas. 

Con entrada gratuíta ata cubrir as prazas por orde de chegada, este venres 30 dará comezo o ciclo Alfredo o grande, o monográfico dedicado ao cineasta británico, conformado por dez proxeccións, programadas na súa maioría nas tardes dos venres. A partires do vindeiro xoves, a esta proposta sumarase A poética do cine: O cinema polar, un ciclo de cinema francés integrado por oito sesións, previstas na súa maioría para as tardes dos xoves. 

Hitchcock, “o gran manipulador”

A proxección, na sede da Vicerreitoría, de Sabotaxe (1942) abre este venres 30 o ciclo dedicado a “un dos realizadores que mellor afondou nos medos, as patoloxías e as incertezas do ser humano”, como salienta o seu coordinador, o programador cultural Suso Novás. Esta “humilde homenaxe” a Hitchcock está conformada por unha selección de dez filmes “bastante coñecidos, aínda que algúns deles menos exhibidos nos circuítos estandarizados”, que permitirán observar a evolución dun director que deu os seus primeiros pasos no cinema mudo e pechou a súa carreira na década de 1970. “O que tentamos é ver como vai evolucionado a súa forma de facer cinema, cada máis abstracta, cada vez máis capaz de narrar a través de imaxe e son dunha forma máis depurada”, salienta Novás.

O ciclo buscará tamén por de relevo a figura de Hitchcock como un dos “grandes manipuladores da psique do espectador” e o uso que fai “dos diferentes recursos cinematográficos para levar ao espectador ao estado emocional que quere que viva durante a película”. Así mesmo, salienta Novás, o ciclo permitirá abordar os eixos temáticos recorrentes do cineasta británico, como “os individuos de a pé, acosados e perseguidos en situacións descontroladas” ou as “manifestacións de fenómenos que convulsionan a unha comunidade e que son a proxección dos medos desa comunidade”, así como na constante que a mirada supón no seu cinema. 

Tras Sabotaxe, o ciclo trasládase o venres 6 ao Teatro Principal para exhibir Vertixe (1958). Tamén en novembro poderanse ver A sombra dunha dúbida (1943), Marnie, a ladroa (1964) e Estraños nun tren (1951), os días 13, 20 e 27, respectivamnente; retornando de novo o ciclo ao Teatro Principal o luns 30, para ver Pero... quen matou a Harry? (1955). Nese mesmo espazo exhibirase, o luns 7 de decembro, Os paxaros (1963) e, xa en xaneiro, o ciclo pecharase con O home que sabía demasiado (1950), Enviado especial (1940) e Frenesí (1972), os venres, 8, 15 e 22. 

Como Francia fixo seu xénero negro

Amosar como o cinema francés “reinterpreta e adapta os canons do cinema negro americano clásico”, dotando a este xénero dunha “singularidade inconfundible e unha identidade propia” constitúe un dos obxectivos centrais do ciclo A poética do crime. Cinema polar, segundo destaca a súa coordinadora, Bárbara Santos. Xurdido na segunda metade do século XX como un subxénero do cinema polar (apócope de policier), e vixente na actualidade “baixo as etiquetas de neo-noir e post-noir”, o cinema negro francés caracterizase por presentar “personaxes máis fatalistas e cunha maior profundidade psicolóxica”, salienta esta investigadora e experta en cinema galo.

Co propósito de amosar a evolución ao longo das décadas dun “xénero con grande éxito entre crítica e público”, o ciclo reúne tanto exemplos do “polar máis clásico” como filmes qu forman parte do neo-noir máis recente, como é o caso do título que o vindeiro xoves 5 abre o ciclo, Roubaix, une lumière (2019), de Arnaud Desplechin, unha película que se proxectará por primeira vez nunha sala en España, onde non puido verse nos cines por mor da pandemia. Do mesmo xeito, a selección proposta por Santos permitirá tanto contemplar filmes de “mestres do xénero, como Melville e Clouzot”, como as incursións no cinema noir de cineastas como Costa Gravas ou François Truffaut. 

Trala primeira proxección, a programación continúa o 12 de novembro con Le Doulos (1961), de Jean-Pierre Melville, e coa exhibición, o venres 19, de Les Salauds (2014), de Claire Denis, o único filme do ciclo que poderá verse no Teatro Principal. O 26 de novembro proxectarase Le Mariée était en noir (1967), de Truffaut, mentres que para o venres 4 de decembro programouse L´Horloger de Saint Paul (1974), de Bertrand Tavernier. Tamén en venres, o 11 de decembro poderá verse Les Diaboliques (1954) de François Clouzot, completándose o ciclo en xaneiro, os xoves 21 e 28, coa opera prima de Costa Gavras Compartiment Tueurs (1965) e co filme de Robert Bresson L´Argent (1983).