DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa comprende tres novidades: Arte 3D, desenvolvemento de software e literatura feminista

Ideas frescas e propostas renovadas para os cursos de verán

Abertos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
M. Del Río DUVI 12/05/2025

A programación dos cursos de verán de Extensión Universitaria chega este curso con ideas frescas e propostas renovadas. En total, o catálogo comprende sete  obradoiros, tres dos cales se imparten por primeira vez: Iniciación á arte 3D, Git e GitHub: Control de versións e colaboración en desenvolvemento de software e Lendo con mirada feminista.

O prazo de matrícula para todos eles arranca hoxe luns, 12 de maio, e están abertos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral, de modo que os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza (redución do 35% para alumnado, PDI, PTXAS e para familiares e comunidade Alumni a redución do 20% para outras persoas vencelladas á UVigo).

Tres novidades este verán

A primeira das novidades deste verán é o curso Lendo con mirada feminista: unha aproximación á crítica e teoría literaria feminista. O obxectivo é reflexionar sobre o papel que a crítica e a teoría literaria feministas xogan nos estudos literarios actuais e sobre o rol da mulleres como lectoras. Ademais permitirá realizar unha aproximación ás principais críticas e teóricas dos estudos literarios feministas, a través da exposición das súas principais ideas e traballos críticos. O taller desenvolverase no edificio Redeiras os días 1, 8, 15, 22 e 29 de xullo, 2, 9, 16 e 30 de setembro e 7 de outubro e o prezo é de 80€.

Despois das vacacións de verán arrancará o curso de Iniciación á arte 3D, que ten como obxectivo descubrir o potencial creativo desta disciplina, aproximándose ás ferramentas e técnicas estándar nas industrias dos videoxogos e a animación, sen deixar de lado outros eidos como a publicidade, as tecnoloxías biomédicas ou a arquitectura. O taller terá lugar na EE Industrial os días 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de setembro e 2, 7, 9, 14, 16, de outubro cun prezo de 40€. 

A terceira das novidades é o taller de GIT e GITHub. Control de versións e colaboración en desenvolvemento de software. Esta proposta ofrece un achegamento ao sistema de control GIT e á plataforma GITHub, así como ao uso de intelixencia artificial en desenvolvemento con GitHub Copilot e á organización e xestión de proxectos con GitHub Projects. As sesións desenvolveranse na EE de Telecomunicación os días 17, 18, 24 e 25 de setembro e 1, 2, 8, 9, 15 e 16 de outubro e terán un prezo de 30€.

Catro cursos que repiten

Un dos cursos que repite este verán é Enfrontarse ás urxencias cardiovasculares dende o ámbito clínico e tecnolóxico, unha proposta que terá moi presente a posibilidade de incorporar a intelixencia artificial e a tecnoloxía sanitaria na contorna cardiovascular. O curso terá lugar no mes de setembro, entre o 1 e o 10, e permitirá repasar a anatomía e fisioloxía do aparello cardiovascular, asistir a un obradoiro de electrocardiografía e recoñecemento de bradicardia e taquicardia ou de reanimación cardiopulmonar básica, entre outros contidos. As clases impartirase no Hospital Álvaro Cunqueiro e o prezo xeral é de 60€.

Outro dos cursos que non falta ningún verán é o que se centra no patrimonio natural e cultural do Bierzo e o seu importante papel na Reserva da Biosfera dos Ancares. Esta proposta permite afondar no coñecemento do patrimonio cultural e da historia desta comarca, estudar a súa biodiversidade de fauna e flora e coñecer e interpretar as súas paisaxes. As e os asistentes visitarán a zona e sesións centraranse principalmente no Museo de Ciencias Naturais e Etnográficas do PP. Paules de Villafranca del Bierzo. O curso desenvolverase os días 4, 5 e 6 de xullo e o prezo é de 55€.

O Laboratorio dos Sentidos celebra este verán a súa segunda edición e permitirá coñecer a historia dos sentidos, das ideas e teorías que foron conformando a súa xerarquización e concepción, aproximando as prácticas artísticas contemporáneas e doutros momentos históricos, dende unha perspectiva de xénero. As persoas participantes tamén explorarán a influencia e interacción entre as distintas artes e disciplinas: pintura, escultura, fotografía, poesía, danza e arte sonoro conectando coa dimensión que ten cada un dos sentidos e realizando propostas artísticas. O curso desenvolverase no edificio Redeiras entre o 24 de xuño e o 3 de xullo e o prezo é de 50€.

O taller para aprender a facer o teu propio satélite é outra das propostas que repite este verán. O obradoiro permitirá adquirir as competencias básicas de desenvolvemento de misións espaciais e plataformas satélite baseadas no estándar CubeSat e adquirir unha visión xeral de todos os elementos que compoñen un sistema espacial e os retos e beneficios que levan asociados estes sistemas. As sesións terán lugar na EE de Telecomunicación entre os días 1 e 5 de setembro e o prezo será de 35€.