DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle ata o 11 de novembro unha mostra fotográfica de Carlos Cambre

Identidade e territorio fusiónanse na nova exposición da sala O Abrigo

A facultade acolleu tamén unhas xornadas de empregabilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/10/2025

Como “unha exploración visual sobre a relación entre a paisaxe, a memoria e a identidade· preséntase Identidade e territorio, a exposición fotográfica que desde este martes pode visitarse na sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes. O fotógrafo Carlos Cambre presenta nesta mostra unha escolma de imaxes protagonizadas pola paisaxe, concibida non como un escenario, senón como “un reflexo da identidade e do tempo”, como un espazo que, “no seu aparente baleiro, alude tamén á memoria persoal do autor e ao seu especial vínculo co mar”, segundo recolle o seu texto de presentación.

Fotografías de Fisterra, cabo Udra, Lanzarote, Ons ou a illa de Cortegada reúnense nunha exposición que abre as súas portas na tarde deste martes e que poderá visitarse ata o 11 de novembro nesta sala coordinada polo colectivo de estudantes Luscofusco, xunto co Vicedecanato de Cultura. 

O individuo e o lugar que habita

Formado na EASD Mestre Mateo e premiado no certame Compostela Photo, Cambre presentou previamente Identidade e Territorio na sala de exposicións do Concello Vello de Moaña e no Pazo de Torrado, en Cambados, achegando agora á facultade un conxunto de imaxes nas que propón “un percorrido sensorial e emocional, utilizando a natureza como espazo catárquico”. Nese senso, as fotografías reunidas nesta exposición defínense por un “enfoque minimalista”, no que un “silencio nostálxico” eríxese como elemento central, co propósito de reflexionar “sobre a transformación do tempo e a memoria a través da paisaxe”. 

Conectando o emocional e o visible, a través de imaxes nas que faise presente o baleiro e nas que o concepto de lugar preséntase “na súa forma máis primaria e máis pura”, Identidade e territorio propón unha “ollada íntima ao patrimonio natural”, afastada “das urxencias e do ruído do cotiá”. A mostra busca nese senso “revelar a alma de paisaxe, representando á vez o espazo psicolóxico entre o individuo, o lugar que habita e o seu contexto”. 

Xornadas de empregabilidade

Alén desta mostra, Belas Artes acollía nas últimas horas unhas xornadas de empregabilidade, no marco das actividades do programa EmpregoinCampus. Promovida pola Vicerreitoría do campus, co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, esta actividade tiña como obxectivo achegar o alumnado á realidade profesional no eido artístico. Inseridas tamén no ciclo de conversas E despois, que?, co que a facultade busca achegar o estudantado ás traxectorias de egresados e egresadas, esta iniciativa permitiulles coñecer tres “exemplos moi prácticos e vivenciais de como traballa un artista no ámbito profesional”, como sinala o vicedecano Ignacio Pérez-Jofre. 

Desenvolvida na tarde deste luns, a xornada abriuse cun relatorio da galerista e xestora artística María Magán, que permitiu coñecer o traballo que leva a cabo na galería La Doce, en Boiro, tanto no eido expositivo e de comisariado “como na organización de residencias ou actividades de formación”. A perspectiva dun artista profesional foi o eixe da intervención de Jorge Perianes, que abordou cuestións como o traballo con galerías ou a presenza en feiras. Por último, da man de Lula Goce, a xornada permitiu abordar tamén o traballo no eido do muralismo, “un ámbito moi específico das artes no que houbo un desenvolvemento da parte profesional nos últimos anos". 

Curso de iniciación á cerámica

Dirixido ao estudantado da facultade, Belas Artes acollerá tamén, nas próximas semanas, un curso de iniciación a cerámica, que será impartido pola egresada deste centro e técnica en escultura Teresa Pece. Coordinado pola profesora Covadonga Barreiro, trátase dun obradoiro gratuíto, que contará cun total de 20 prazas, divididas en dúas quendas. A actividade levarase a cabo os días 5, 12, 19 e 26 de novembro, en horario de 11.00 a 13.30 horas, na quenda da mañá, e de 17.00 a 19.30 horas, na de tarde. As inscricións poden realizarse desde este mércores e ata o 4 de novembro no correo mbarreiro@uvigo.gal.