DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida pola Delegación de Estudantes da EE Forestal, terá lugar o 23 ao 26 de marzo

Incendios, investigación e empregabilidade centrarán a Semana Forestal 2026

A programación insírese na conmemoración do Día Internacional dos Bosques

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/03/2026

A investigación sobre incendios forestais, os ámbitos de traballo dos egresados e egresadas da Escola de Enxeñaría Forestal e as diferentes liñas de investigación que se desenvolven neste centro serán os eixes da Semana Forestal 2026, un ciclo de conferencias e actividades promovido pola Delegación de Estudantes da escola. Aberta ao público, esta programación desenvolverase entre o 23 e o 26 de marzo, coincidindo coa celebración de San Leandro, ao tempo que se insire na conmemoración do Día Internacional dos Bosques. 

A directora da EE Forestal, Ángeles Cancela, e o presidente e vicepresidenta da delegación de alumnado, Miguel Picos e Beatriz Pazos, presentaban este venres unha programación promovida coa colaboración da escola e da Vicerreitoría do campus. Ao longo desta semana, explicou Cancela, a actividade académica habitual no centro veranse substituída polo conxunto de conferencias, mesas de debate ou talleres que integran unha programación inserida nas actividades conmemorativas do Día Internacional dos Bosques referenciadas pola FAO, a Organización para a Agricultura e a Alimentación das Nacións Unidas. Co gallo desta celebración, o luns 23 terá lugar tamén a plantación ás portas da escola dun acivro, doado polo Laboratorio Rural de Paredes de Coura, do que este centro da UVigo é unha das institucións socias.

Os incendios centran o arranque

A programación da Semana Forestal arrancará, o luns 23, cun conxunto de conferencias centradas nos incendios. Así, o papel da investigación na protección contra lumes forestais en Galicia será o eixe da primeira conferencia, impartida polo exdirector do Departamento de Incendios do CIF Lourizán e exprofesor da escola José Antonio Vega, da Sociedad Española de Ciencias Forestales. Baixo o título de Incendios desde o espazo, o segundo relatorio correrá a cargo da investigadora do grupo Hydrosoil da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) e exalumna da escola Ana Novo. Posteriormente, Emanuel Oliveira, da Asociación de Fogo Prescrito da Europa, impartirá unha conferencia sobre o uso do lume na xestión da paisaxe, mentres que o investigador da EE Forestal Juan Picos afondará na cooperación transfronteiriza na loita contra os incendios. Farao nun relatorio centrado nos proxectos Firepoctep+, centrado en identificar zonas clave na prevención dos grandes lumes, e Use4Forest, que vusca promover unha estratexia para a prevención dos incendios no suroeste europeo.

Pola tarde, a actividade continuará cunha “ruta divulgativa”, explicaron os responsables da delegación, centrada na biodiversidade do río dos Gafos, a cargo da Sociedade Galega de Historia Natural.

Protagonismo para os egresados e egresadas

Unha das novidades desta edición, sinalou Cancela, é a mesa que abrirá a programación do martes 24, dedicada a coñecer proxectos de investigación que se desenvolven na escola, da man de “antigos alumnos e alumnas”, que continúan a súa traxectoria no centro no eido da investigación. Nela, Gabriel Suárez encargarase de presentar o proxecto E-Hydro, que desenvolven os grupos en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTECH) e Xeomodelización Hidroforestal (Hydro-Forest) e centrado no desenvolvemento dunha plataforma intelixente de modelización e virtualización dos recursos hídricos. A investigadora do grupo EcoEvo Blanca Fraga dará a coñecer o estudo da poboacións de teixo que levan a cabo na serra do Xurés, mentres que Elena Seoane afondará no proxecto Resilient2Change do grupo Hydro-Forest, que tiña como obxectivo o deseño de ferramentas para unha xestión sostible do territorio fronte ao cambio climático. Integrante tamén do grupo Hydro-Forest, Darine Saad presentará o proxecto MultiGIS4Rivers, centrado no desenvolvemento dunha plataforma dixital para a xestión dos recursos hídricos. Así mesmo, Andrés Rodríguez afondará nos traballos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, no marco dos que investigadores e investigadoras deste centro desenvolveron sistemas capaces de identificar e caracterizar de forma automatizada diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite.

Co propósito, sinalou Picos, de “proxectar ante o alumnado actual diferentes saídas profesionais", esta mesa verase continuada por outra sobre empregabilidade, que reunirá tamén diferentes egresados e egresadas. Nela participarán José Antonio Sanmartín, da empresa Martínez Otero; Mari López, de Finsa; Stefano Arellano, da cooperativa Agresta; e Xaime Iglesias, decano do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia  

A programación do mércores 25 abrirase con dous talleres simultáneos, dirixidos ao alumnado e que requiren de inscrición previa. Trátase dun curso de primeiros auxilios e outro sobre “na intelixencia artificial na enxeñaría forestal”, impartido polo investigador de atlanTTic Pedro Orgeira. Xa pola tarde, representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia protagonizarán un coloquio sobre prevención de riscos nas actividades forestais e, grazas á colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), as e os asistentes poderán probar un simulador de realidade virtual que permite iniciarse no manexo de maquinaria forestal. 

Finalmente, a xornada do xoves 26 é a dedicada á celebración do San Leandro, con diferentes actuacións musicais a partir das 12.00 horas.