DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poonam Pandey incorporouse ao Post-Growth Innovation Lab cunha bolsa María Zambrano

Da India a Pontevedra para imaxinar unha nova sociedade a través da innovación responsable 

A súa investigación explora visións alternativas das políticas tecnolóxicas e de desenvolvemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/07/2022

A análise de como a investigación e innovación poden contribuír á “creación de novas visións do mundo”, incorporando ás súas prácticas “valores como o coidado, a anticipación ou a inclusión” centran o labor investigador de Poonam Pandey, segundo explica esta doutora en Ciencias Políticas pola Jawaharlal Nehru University de Nova Delhi que, como beneficiaria dunha axuda María Zambrano, incorporábase nas últimas semanas ao Post-Growth Innovation Lab do campus pontevedrés. Dirixidas á atracción de talento internacional, trátase dunha “das bolsas máis prestixiosas para candidatos posdoutorais en España”, como salienta Pandey, que viu nesta convocatoria a oportunidade de traballar co grupo impulsado polo investigador Mario Pansera en Pontevedra ao abeiro do proxecto Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation in a post-growth era), financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC).

“Xa colaborara con Mario Pansera nunha serie de artigos nos últimos anos e cando se presentou a posibilidade de solicitar a bolsa María Zambrano e unirme a este grupo, sentín que encaixaría perfectamente comigo, polos nosos intereses de investigación compartidos sobre a innovación responsable e a visión da economía e a sociedade pos-crecemento”, salienta Pandey. Tras ser seleccionada na convocatoria de axudas impulsada pola Universidade de Vigo ao abeiro das subvencións outorgadas ás universidades públicas para a recualificación do sistema universitario español no período 2021-2023, Pandey formará parte ata finais de 2024 dun grupo de investigadores e investigadoras que define como “excepcionalmente talentoso, diverso e internacional”. 

Un “crisol de culturas" e campos de estudo en torno ao poscrecemento

Cunha traxectoria investigadora centrada na innovación responsable e a gobernanza das tecnoloxías emerxentes, Pandey foi previamente bolseira posdoutoral nas universidades de Maastricht e Técnica de Berlín e traballou ata 2021 como investigadora do Indian Institute of Sciences (IISc) de Bangalore. Desde agosto do pasado ano ata este mes de abril, exerceu como profesora asistente de políticas públicas na Flame University de Pune, no estado indio de Maharashtra, e desde hai unhas semanas forma parte dun “grupo fantástico”, que reúne investigadores de diferentes países. “Somos un crisol, non só de campos de estudo interdisciplinares, senón tamén de culturas de todo o mundo”, salienta esta investigadora, que forma parte xa do equipo de traballo do proxecto Prospera, polo que Pansera resultou beneficiario dunha bolsa Starting Grant, financiada con preto de 1,5 millóns de euros polo ERC. Dirixido a analizar como sería posible unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, explorando novas formas de organizar a produción máis sustentables e xustas, trátase dun proxecto que pon foco nos “debates poscrecemento”, como sinala Pandey. Así mesmo, a investigadora colaborará tamén co proxecto europeo H2020 JUST2CE, dirixido por Pansera e coordinado polas universidades de Vigo e Autónoma de Barcelona e centrado en analizar como promover unha transición cara unha economía circular que, ademais de permitir a preservación dos ecosistemas, sexa á súa vez socialmente xusta.

Nese senso, Pandey pon de relevo como as diferentes liñas de traballo do Post-Growth Innovation Lab “comparten unha visión común de imaxinar unha ‘nova sociedade’ que valora e se preocupa pola xustiza social, a solidariedade, a humildade e a inclusión”, e salienta nese senso como que tanto “o meu traballo ata este momento como a dirección futura da miña investigación comparten estes valores”  

Alternativas fronte ás “ideas dominantes” sobre innovación

A análise do que implican a investigación e innovación responsables (RRI) desde a perspectiva do chamado “sur global” constitúen, como destacan desde o grupo de investigación, o eixo do traballo máis recente de Pandey, quen na India levou a cabo estudos sobre a gobernanza da biotecnoloxía e nanotecnoloxía agrícola, a participación pública nos proxectos de transición enerxética, as políticas de biocomustibles ou a vulnerabilidade dos sistemas agrarios. 

“As ideas dominantes sobre crecemento, innovación, tecnoloxía e desenvolvemento están tan popularizadas que a miúdo pintan un cadro moi estándar do mundo, con problemas estándar e solucións estándar”, alerta Pandey, quen lembra que con estas visións hexemónicas “marxínanse outros puntos de vista, desde outras posicións, creando deste modo vulnerabilidades sistémicas”. “No Post-Growth Innovation Lab continuarei o meu traballo de pensar sobre alternativas a estas visións dominantes”, engade Pandey que lembra nese senso que “a investigación e a innovación son esforzos de creación de mundos”, o que á súa vez implica que o seu estudo pode contribuír á “creación de novas visións do mundo”.