DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O dereito a avaliación queda garantido nos plans de continxencia das guías docentes 

Informe médico ou xustificación documental para garantir o dereito a exames e probas presenciais do estudantado da UVigo infectado por covid

No 'pooling' realizado a semana pasada a PDI e PAS detectáronse 18 positivos 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 17/01/2022

Un informe médico ou unha comunicación oficial dos servizos sanitarios do resultado dunha proba diagnóstica de infección activa son as probas documentais que o alumnado da UVigo infectado por covid deberá presentar para xustificar que non pode realizar de xeito presencial un exame na data fixada. Nun comunicado asinado polo reitor, detállase, así mesmo, que caso de non dispor do informe ou da comunicación oficial dos servizos sanitarios, ao alumno ou alumna positivo por covid os seus centros docentes poderán esixirlles algunha das catro seguintes xustificacións documentais: unha autodeclaración xurada asinada polo estudante na que consten todos os datos precisos para acreditar o seu estado; unha fotografía na que se aprecie o resultado positivo da proba de antíxenos realizada pola persoa afectada, tomada co seu DNI ao carón do dispositivo de visualización do resultado; un certificado do resultado da proba diagnóstica realizada nunha farmacia ou unha declaración responsable mediante copia asinada da ‘Declaración responsable de autotest positivo’ (obtida a través dunha captura de pantalla ou dunha fotografía), pola que se lle comunica o caso ao Sergas.

“O dereito á avaliación do estudantado que non poida realizar presencialmente as probas nas datas previstas está garantido segundo as medidas para o desenvolvemento da organización docente para o presente curso aprobadas polo Consello de Goberno, xa que todas as guías docentes inclúen un plan de continxencias onde se recollen as adaptacións das probas previstas para este estudantado”, lembra Manuel Reigosa, que reitera que o reinicio da actividade docente, tras o Nadal, se está a levar a cabo con normalidade, dentro do escenario de presencialidade previsto para este curso.

Entrega de actas

En relación coa entrega de actas, e aínda que que calendario académico deste curso contempla un período amplo entre as últimas probas (28 de xaneiro) e o límite de entrega (18 de febreiro), equivalente a dous períodos de confinamento completos, se por mor da aplicación do plan de continxencias nalgunha materia non estivese dispoñible a cualificación dalgún estudante, procederíase, como é habitual, a cualificalo como ‘non presentado’ e a facer a correspondente dilixencia á acta no momento no que a súa cualificación estea dispoñible. 

“En todo caso, se algún centro, dentro das súas competencias para organizar e xestionar a docencia, considera oportuno adiar a data límite de entrega de actas dalgunha materia por circunstancias excepcionais, deberá facer a correspondente solicitude á Secretaría Xeral para a súa consideración por parte do Consello de Goberno”, aclara o reitor, que lembra a obrigatoriedade de comunicar calquera incidencia relacionada coa covid á persoa responsable de cada centro, así como cumprimento estrito dos protocolos e das normas ditadas polas autoridades sanitarias en todos os espazo universitarios. Así mesmo, o reitor traslada o seu agradecemento á comunidade universitaria polo seu esforzo e bo quefacer ao longo destes meses.

18 positivos no pooling realizado a PDI e PAS

Un total de 18 positivos, 12 no campus de Vigo, e 3 no de Pontevedra e outros tantos no de Ourense, detectáronse nos test PCR sobre saliva realizados a semana pasada ao PDI e PAS da UVigo. Segundo os datos facilitados pola Fundación Biomédica, unha vez analizadas a totalidade das 1401 mostras recollidas, detectáronse 18 positivos, (11 PDI e 7 PAS) que xa están notificados ás persoas afectadas e ás autoridades sanitarias.

Desta volta participaron nas probas un 45% das persoas convocadas (1401 de 3137 convocadas), das que 981 eran do campus de Vigo (48%); 253 de Pontevedra (41%) e 167 de Ourense (37%).