DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira edición do obradoiro de escalada en rocha, que cubriu as súas doce prazas

Tras iniciarse no rocódromo, chega o momento de ascender pola montaña

Desenvólvese na serra do Galiñeiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 13/05/2021

No marco das actividades de Extensión Universitaria impulsadas pola Vicerreitoría do campus, os profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso dirixen desde 2017 un obradoiro de iniciación á escalada en rocódromo que cubre cada curso as prazas ofertadas. Dando resposta ás demandas dos seus participantes, esta actividade ten agora como continuación o obradoiro Escalada en rocha en vías equipadas dun longo, que se desenvolve nestes días na serra do Galiñeiro. “Cremos que é interesante que unha vez probaron a escalar en rocódromo e teñen os coñecementos de seguridade necesarios, coñezan a esencia deste deporte, que saír á montaña e escalar na rocha”, salienta Alonso desta actividade inserida na programación de obradoiros da Vicerreitoría para este cuadrimestre.

“É algo que nos viñan demandando nas cinco edicións do obradoiro de iniciación”, engade este docente, que lembra que este curso de escalada en rocha xa se programara para 2020, mais a pandemia obrigou a suspendelo. Cunha duración de 30 horas, o taller, que se leva a cabo seguindo os protocolos covid da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, ten como docente principal ao seleccionador do equipo de tecnificación galego de escalada, José Juan Domínguez. “A escalada é moito máis creativa en rocha, xa que precisa descubrir cales son os mellores agarres e apoios entre toda a diversidade de formas que conforman a rocha natural”, salienta este técnico de escalada e guía de montaña. Mais, ao mesmo tempo, a práctica desta modalidade deportiva na montaña fai tamén, lembra Domínguez, “maior o compromiso que hai que asumir” en materia de seguridade e que obriga a “extremar os protocolos”.

De feito, o curso arrancou o pasado venres cunha sesión no rocódromo de Ciencias da Educación e do Deporte, co propósito de afondar nas diferentes cuestións que é preciso ter en conta nesta materia, na que as e os asistentes dispoñen xa de coñecementos previos. De feito, só dous das doce persoas participantes, “que xa tiñan certo nivel e coñecemento deste deporte”, non foron alumnos previamente do obradoiro de iniciación, como lembra Alonso, que recoñece que as prazas cubríronse en poucos días, principalmente por estudantes e egresados da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “Tivemos unha longa lista de espera”, engade este docente do interese espertado por un taller que, pola contra, lamenta, é o primeiro no que “a presenza de mulleres é escasa”, tres dos doce participantes.

Aprender ascendendo

Partindo dos coñecementos que xa posuían as e os alumnos, Domínguez afondou en primeiro termo nas “pequenas adaptacións” que en materia de seguridade require a escalada en rocha, “como puideran ser a disposición do asegurador, a visualización do percorrido, o recoñecemento dos perigos obxectivos á hora de afrontar as vías de primeiro ou ben a posta en práctica de certas manobras de seguridade en determinados supostos, como por exemplo, a manobra de descolgue pechado”.

Nese senso, o obxectivo do obradoiro era que os participantes “afronten escaladas” desde o primeiro momento, de inicio a través da modalidade do top rop, na que a corda pola escalan atópase xa fixada ao final da vía pola que ascenden, o que permite, como sinala Domínguez, “depurar e asentar as manobras aseguramento, progresión e seguridade”. A partires de aí, comezaron a escalar “como primeiros de corda”, aquel que vai fixando as cintas nas ancoraxes, empezando, explica Domínguez, por “vías moi sinxelas, para despois progresivamente ir avanzando a outras con maior dificultade”.