DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra ‘Desnudo, juego de bolos’, da alumna Mar Ramón, foi galardoada no Xuventude Crea

Da inocencia do xogo á fraxilidade humana

A peza escultórica obtivo o segundo premio na categoría de artes plásticas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/11/2020

Un xogo de bolos construídos con cerámica, que fan referencia á idea de xogo, “á etapa inocente das nosas vidas”, pero tamén á “fraxilidade” que transmite o material, constitúen a base da obra coa que a alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Mar Ramón acadou o segundo premio na modalidade de artes plásticas do certame Xuventude Crea, promovido pola Xunta de Galicia. “Os premios sempre son unha alegría e unha motivación”, salienta Ramón Soriano, investigadora do grupo Prace, da selección da súa peza como unha das premiadas nun certame ao que se presentaron 61 obras pictóricas e escultóricas. 

Desnudo. juego de bolos é o título desta peza que, como explica a artista e investigadora, forma parte dunha serie de esculturas conformadas por “xogos inservibles e inútiles, xogos aos que se lle arrebatou a súa función de entreter ao cambiar a natureza do material co que están construídos”. O acerto, o erro e tamén a fraxilidade son algunhas das cuestións que busca suscitar unha obra que, como lembra Ramón, “rompería en anacos” no caso de ser utilizada como xogo. De feito, a obra pola que foi seleccionada polo xurado dun certame dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos forma parte á súa vez dun “proxecto máis amplo”, ao que deu o título Esa mujer, de Monica Lewinsky al porno de venganza. Neste proxecto, a artista buscaba afondar na idea da “sexualidade como arma de humillación feminina”, a través dunha serie de obras, entre as que se atopa a premiada, na que os bolos preséntanse como unha representación dos corpos. “Paréceme que a dicotomía dureza-fraxilidade que achega o barro é extrapolable á psique humana. Podemos parecer resistentes e duros, pero se xogan con nós, acabamos quebrándonos”, conclúe Ramón.

O seu terceiro premio neste certame

A obra pola que resultou gañadora deste segundo premio, cunha dotación económica de 1500 euros, formou parte nas últimas semanas da exposición que, na Igrexa da Universidade da USC, reuniu as 32 obras finalistas do Xuventude Crea nas modalidades de artes plásticas e fotografía, nas que tamén foron premiadas as egresadas da Facultade de Belas Artes Sara Piñeiro e Eva Antelo. No mes de decembro terá lugar o acto de entrega de premios aos gañadores e gañadoras das 14 modalidades deste certame promovido pola Consellería de Política Social, no que Ramón Soriano resultou galardoada neste 2020 por terceira vez, despois de ser unha das gañadoras do terceiro premio o pasado ano e despois do segundo premio que acadou en 2016.