Segundo anunciou o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Campus de Pontevedra
O Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte iniciará a súa actividade neste 2025
Na sesión abordouse tamén a planificación de futuras infraestruturas
Despois de que tanto o Claustro como o Consello de Goberno desen o o seu visto e prace á creación do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte, a aprobación final do que será o primeiro instituto do campus de Pontevedra atópase “a piques” de completarse. Así o anunciou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no Consello de Campus que tivo lugar este venres na sede da Vicerreitoría e no que destacou que a posta en marcha deste organismo nos próximos meses supón un “fito importante” para a institución académica.
Reigosa anunciou tamén que neste 2025 procederase ao nomeamento do catedrático Carlos Lago como director deste instituto, que terá a súa sede na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “e empezaremos a funcionar”. De feito, lembrou, nos orzamentos da UVigo para 2025 cóntase xa cunha “pequena contía” para que o instituto inicie a súa actividade, o que levouno a amosar a súa satisfacción “polo rápido que se fixeron as cousas”. Así mesmo, o reitor anunciou a próxima posta en marcha no campus de dúas cátedras, “relacionadas co deporte e coas lesións deportivas”, o que levouno a expresar o seu desexo de que estas contribúan a impulsar un “traballo conxunto” de investigadores e investigadoras de Fisioterapia e de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Planificación de espazos e infraestruturas
A primeira sesión do Consello de Campus no presente curso completouse cos informes da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, Félix Quintero, quen afondou na planificación da Universidade en materia de infraestruturas. Tamén neste eido, o reitor sinalou na súa intervención que os “atrasos” nas obras de ampliación do Hospital de Montecelo farán que a posibilidade de dotar de usos universitarios o actual Hospital Provincial vaian “máis lonxe” do seu mandato. Non obstante, Reigosa reiterou o interese da institución por este emprazamento, respecto do que a “ilusión” do equipo de goberno sería poder trasladar alí Fisioterapia, mantendo Enfermaría, como unha das tres sedes da futura facultade. Nese senso, aínda que a idea inicial era realizar “unha planificación conxunta” da futura reordenación do campus, esta situación levará a tratar de “acelerar” o proceso de cesión da parcela situada nas antigas instalacións de Tafisa, “que o Concello nos cede xenerosamente”. A este respecto, Reigosa apuntou que “estamos albiscando distintos usos” e que “está todo aberto para que este espazo poidamos deseñalo do mellor xeito posible”.
Tamén en materia de planificación de espazos, o reitor lembrou que o vindeiro curso completarase a implantación do Grao en Deseño, coa posta en marcha do cuarto curso, o que motivará a convocatoria “en breve” dunha xuntanza “cos decanatos máis relacionados” con esta titulación, co obxectivo de definir o emprazamento final destes estudos. As opcións, sinalou Reigosa, poderían pasar por seguir utilizando o edificio administrativo de Benito Corbal e que “xa o final da carreira puidese ser” nos edificios de Belas Artes ou da Facultade de Comunicación, “ou mesmo pensar” que o grao poida impartirse por completo nun destes edificios, o que á súa vez levaría a ter que abordar novos usos para os espazos do edificio de Benito Corbal “que poidan quedar baleiros”.
Proxección do Campus Crea
A sesión completouse co informe da vicerreitora de campus, Eva María Lantarón, quen, entre outras cuestións, afondou nas accións acometidas nos últimos meses no marco das liñas de traballo recollidas no plan estratéxico do Campus Crea. En materia de transferencia, destacou a próxima celebración, o 2 e 3 de outubro, do II Congreso Internacional de Creatividade e anunciou que estase a traballar coa Unidade de Igualdade da Uvigo no proxecto expositivo Elas crean. Lantarón abordou tamén as accións realizadas en materia de proxección do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, que foi presentado no XXX Congreso CIAED, no Brasil, no XVIII Congreso Internacional de Educación e Innovación, en Guatemala. A vicerreitora abordou os traballos para a realización dun catálogo de grupos de grupos de investigación do Campus Crea, á vez que salientou a “consolidación” do espazo Crea Lab e a concesión de dúas bolsas para realizar estadías de investigación.
En materia de infraestruturas, a vicerreitora abordou tanto os traballos de mantemento realizados en diferentes centros como a instalación de novas mesas nos espazos exteriores, co propósito de contribuír á “humanización do campus”, que se pretende completar no futuro coa creación dunha “horta didáctica, que sirva como aula para a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte”. Do mesmo xeito, Lantarón fixo balance da programación cultural desenvolvida nos últimos meses e das iniciativas que se terán lugar proximamente, como novas edicións dos ciclos Música para reCREAr e Contos de Inverno e das xornadas Pensamento e Creación.
