Cidega é o primeiro instituto deste ámbito de Galicia e o quinto de España
O Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte ponse en marcha co obxectivo de converterse nun “proxecto de país”
Dirixido polo catedrático Carlos Lago, agarda reunir un cento de investigadores en tres anos
“Queremos converternos nunha plataforma de referencia para a promoción e o desenvolvemento do coñecemento científico no ámbito do exercicio físico, a saúde, o rendemento e a educación física”. Con este obxectivo inicia a súa actividade o Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega), segundo salientaba o seu director, Carlos Lago, na presentación do primeiro instituto de investigación do campus de Pontevedra, que é tamén o primeiro de Galicia e o quinto de España neste eido. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde ten a súa sede, acolleu este martes un acto institucional no que Cidega foi definido como un “proxecto de país”, tanto polo seu director, como polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e polo decano, Óscar García. Este instituto inicia a súa actividade da man dos seus doce investigadores e investigadoras promotores, mais nos próximos días porá en marcha o seu “primeiro proceso de incorporación de persoal investigador”, anunciou Lago. Esta convocatoria constituirá ademais o primeiro chanzo no obxectivo de convertese nun “centro de referencia en materia de investigación física e deporte”, coa idea de que, sinalou, “en dous ou tres anos o número de investigadores chegue ao centenar”.
Xunto a Reigosa, García e Lago, esta presentación contou coas intervencións do secterario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García, e da directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, así como coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e de diferentes representantes do tecido deportivo galego. Entre outros, o presidente e a xerenta do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Pedro Iglesias e Sofía Toro; o decano da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, Joaquín Fernando Gómez; o presidente do colexio oficial Colef-Galicia, Henrique Xoán Rodríguez; o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Jesús López, ou o xefe do Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló.
Liñas de investigación
Como “un proxecto colectivo” presentou o seu director un instituto impulsado por doce investigadores e investigadoras promotores, os docentes da facultade Carlos Ayán, Roberto Barcala, José María Cancela, Óscar García, Marián Fernández, Alfonso Gutiérrez, Carlos Lago, José María Pazos, Ezequiel Rey, Vicente Romo e Helena Vila, xunto co profesor da Facultade de Ciencias Empesariais e Turismo Patricio Sánchez. O director de Cidega anunciou así mesmo a convocatoria dun proceso de incorporación de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo cuxo traballo estea vinculado coas liñas do instituto. Estas, lembrou, abranguen a análise do efecto da carga de adestramento e competición en deportistas de elite, o exercicio físico en persoas maiores e en poboacións especiais, o rendemento deportivo a través da metodoloxía observacional, a avaliación da competencia motriz, a epidemioloxía da actividade física e saúde pública, o adestramento e a análise do rendemento en deportes colectivos, as emerxencias na actividade física e do deporte, a praxe docente nestas áreas e a economía do deporte.
Crecer e establecer sinerxías
Tras a aprobación do seu réxme de regulamento interno, Cidega conta cunha xunta directiva, un consello asesor externo e un comité científico, como explicou Lago, quen abordou tamén a “visión estratéxica” do instituto, articulada en eixes como o de “crear unha cultura de investigación de excelencia”, alcanzando unha “masa crítica” de investigadores e investigadoras que fagan crecer “o noso moi destacado” volume de publicacións científicas. Un eixe “absolutamente clave”, subliñou, é a transferencia do coñecemento ao sector produtivo, xa que “a idea deste instituto é dar soporte científico aos distintos organismos do deporte galego, mais tamén aos clubs, ao profesorado de educación física ou aos centros de saúde”. Buscarase ademais “crecer en financiamento externo”, así como “atraer talento”. Nese senso, Lago explicou que “a medio prazo” buscarase incorporar investigadores e investigadoras doutras universidades galegas e, a longo prazo, doutros puntos de España e doutros países.
Esa idea de facer do instituto un “proxecto de país”, foi tamén destacada polo reitor, quen puxo de relevo a aposta do equipo de goberno pola creación de institutos de investigación, como “unha ferramenta para facer máis e mellor e para ter máis visibilidade, pero tamén para colaborar dentro da institución”. Con ese obxectivo, sinalou Reigosa, avaliaron “en que campos agromaba xa tanto coñecemento que pagaba a pena facer un esforzo institucional”, impulsando a creación de organismos como o Cidega, o quinto instituto de investigación da UVigo e o “primeiro na historia do campus de Pontevedra”. Este, como lembrara previamente Lago, ten como eixe un ámbito, as ciencias do deporte, no que a UVigo figura entre as 300 mellores do mundo no ránking de Shanghai, ademais de contar co investigador máis citado de España neste eido.
O reitor expresou así mesmo a importancia de que esta iniciativa poida “sumar forzas” para "converterse nunha referencia nun período moi breve”. Nese senso, subliñou o papel como “excelente parceiro” da Universidade da Coruña e expresou o seu desexo de que instituto e facultade poidan involucrarse no proxecto Celta 360, que o club vigués prevé desenvolver arredor da “tecnoloxía do deporte”. Reigosa valorou así mesmo a implicación de Concello, Xunta e de Deputación de Pontevedra, coa que prevé ademais poder pór en marcha "ao longo deste ano” unha cátedra sobre deporte, vinculada ao Cidega. Na importancia de establecer sinerxías e de promover a colaboración público-privada incidiu tamén o decano, Óscar García, quen sinalou que “esta iniciativa vai fortalecer moito máis o tecido necesario para conseguir un dos obxectivos clave do instituto, a transferencia do coñecemento á sociedade". O secretario xeral para o Deporte, pola súa banda, puxo en valor o deporte como “un elemento vertebrador da nosa sociedade”, incidindo no papel que pode xogar o instituto no seu desenvolvemento, como tamén fixo Aranda, quen lembrou que a “repercusión e transformación social” que implica.
Da intelixencia artificial ao RC Celta
Esta xornada de presentación continuou cunha conferencia sobre intelixencia artificial do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Senén Barro e complétase pola tarde cun coloquio con seis integrantes do corpo técnico do primeiro equpo do RC Celta, todos eles formados na facultade. Trátase dos os preparadores físicos Pablo Pérez Urtaza, Álex Andújar e Cristian Fernández, o readaptador Pedro Docampo, a coach deportiva Laura Centoira, e o analista David Areal.
