DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi desenvolvida ao longo desta semana polo grupo GEAAT da UVigo

A intervención arqueolóxica en Ons deixa ao descuberto unha segunda factoría romana de salga

Tamén se localizaron restos de ocupación relacionados co castro desta illa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 09/04/2021

A intervención arqueolóxica que o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolveu esta semana no xacemento romano da illa de Ons chegou este venres ao seu remate facendo un balance moi positivo dela. Entre os resultados acadados, os seus responsables destacan como localizaron unha segunda factoría de salga, que se suma á xa coñecida, e restos de ocupación prerromana relacionados co castro desta illa.

A iniciativa, levada a cabo do 5 ao 9 abril, consistiu nunha intervención arqueolóxica de limpeza, rexistro e sondaxes a cargo dun equipo dirixido por Adolfo Fernández, arqueólogo do GEAAT. A actuación contou co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e inscribiuse no marco do proxecto de investigación Galtfish, que ten como obxectivo o estudo da explotación dos recursos mariños na costa galega en época romana. O intervención tivo como obxectivo intervir por primeira vez neste xacemento romano, que se estende por todo o cantil da praia da illa de Ons, desenvolvendo dous eixes de actuación: o rexistro dixital dos restos arqueolóxicos visibles no cantil da praia, afectados pola erosión mariña, e a realización de varias sondaxes arqueolóxicas para obter datos da fábrica e delimitar o xacemento.

Limpeza, rexistro e sondaxes

“A valoración final que facemos é positiva xa que saímos do xacemento con moita máis información, que agora podemos preservar para o futuro, sobre as fábricas de peixe romanas de Ons”, comenta Adolfo Fernández no peche da campaña. O equipo, salienta, puido levar a cabo con éxito os traballos previstos no proxecto. Así, detalla, limpouse o cantil da praia Canexol para rexistrar todos os restos arqueolóxicos, constatando que se estenden ao redor duns 150 metros desde o comezo da praia, no seu extremo norte, e que se perderon froito da erosión mariña aproximadamente uns dez metros da fronte do xacemento desde a época romana. “Isto fai que boa parte do xacemento estea hoxe perdido”, indica o arqueólogo da UVigo.

Durante os traballos realizados, o equipo do GEAAT puido definir e caracterizar boa parte dos restos da fábrica de salga de peixe con dous píos ou depósitos de salga cuxa existencia xa se coñecía e detectou unha segunda factoría de salga varios metros máis ao norte da primeira. “Nesta segunda fábrica documentouse un pequeno depósito feito con morteiro de cal e cuarzo que puido servir para fabricar tintura púrpura xa que se atopou un cuncheiro de múrices ao seu carón. Podería tratarse dunha fábrica que producise peixe salgado, prebes e tamén púrpura para a súa exportación”, indican desde o proxecto.

Á vista dos traballos realizados esta semana, Adolfo Fernández explica que “as dúas fábricas de salga contaban con patios abertos para preparar o peixe e elaborar os produtos finais”. Entre as dúas, detalla o arqueólogo, “existe unha gran estrutura construída con grandes pedras que serviu de rampla ou escaleiras para comunicar o espazo fabril coa praia e que serviría polo tanto para subir coa pesca cara as fábricas”. A estas descubertas engade como na limpeza dun dos píos do cantil púidose recuperar unha importante colección de fauna depositada alí unha vez que a fábrica xa non funcionaba como conserveira. “Grazas a isto, vamos poder reconstruír as especies animais para consumo que existían na illa de Ons durante a época romana”, comenta o responsable do proxecto.

Sobre as sondaxes efectuadas cara o interior da illa e afastadas do cantil por motivos de seguridade, nunha delas atopouse un terceiro pío, que se conserva completo, da fábrica xa coñecida antes desta campaña. Na outra sondaxe detectouse unha ocupación na costa previa á construción das fábricas conserveiras romanas, datada entre finais do século I antes de Cristo e os inicios do século I despois de Cristo. “Trátase dun achado importante xa que demostra que os poboadores do castro ou Castelo dos Mouros, situado a poucos metros do xacemento, tamén edificaron estruturas ao carón da praia posiblemente como apoio das tarefas de explotación dos recursos mariños. De feito, puidemos constatar a continuidade destas estruturas no propio cantil, por baixo dos patios da fábricas de salga”, indica Adolfo Fernández.

Ao remate da intervención arqueolóxica, o equipo da UVigo quixo salientar “a colaboración que tivemos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que puxo á nosa disposición todo o necesario para levar a cabo esta actuación”. Os bos resultados recollidos, indica Adolfo Fernández, “lévannos a pensar en facer novas intervencións na illa coa idea de pór en valor o seu patrimonio arqueolóxico”. A información e materiais arqueolóxicos desta campaña serán procesados no laboratorio do GEAAT no edificio do Campus Auga, no campus de Ourense.

No marco do proxecto Galtfish

Esta intervención forma parte do proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar. O seu foco de interese é o coñecemento da produción do sal e as salgaduras no Noroeste Peninsular durante a época romana. A campaña únese ás xa realizadas noutros xacementos costeiros como Sobreira (Vigo), Adro Vello (O Grove) e praia do Naso (iIla de Arousa), todas elas factorías de salga romanas que producían prebes e peixe salgado para a exportación. O proxecto tamén ten afondado no coñecemento das salinas romanas do Areal, da produción de produtos piscícolas e da súa comercialización.