DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo participa no proxecto Justisigns2 con institucións irlandesas, británicas e belgas

Investigación ao servizo das necesidades comunicativas das vítimas de violencia de xénero xordas, inmigrantes e refuxiadas 

O proxecto europeo está financiado polo programa Erasmus+, con preto de 400.000 euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Igualdade
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/06/2021

Dunha banda, mulleres vítimas de violencia de xénero, tanto xordas e xordocegas, como inmigrantes e refuxiadas, que non falan a lingua ou linguas do país no que se atopan, e doutra, intérpretes, profesionais da xustiza e outros axentes sociais que desenvolven o seu labor coas primeiras, son os dous colectivos nos que centra o seu traballo o proxecto Justisigns2. O consorcio de persoas expertas de España, Irlanda, Bélxica e Reino Unido que integra o proxecto Eramus+, baixo a coordinación de Intersource Group, céntrase en mellorar as interaccións das vítimas con diferentes axentes que traballan con elas, e é que, segundo explican as docentes e investigadoras da UVigo Maribel del Pozo e Maruxa Cabeza, “son moitos os problemas detectados na comunicación entre esas vítimas e as persoas que as atenden e moitos deles son debidos á falta de formación en violencia de xénero dos e das intérpretes que interveñen, e tamén á falta de formación sobre como traballar con intérpretes por parte das e dos axentes”. Xunto a Del Pozo e Cabeza, os docentes e investigadores Silvia Pérez Freire e David Casado Neira e a estudante de doutoramento Iria Seijas Pérez, completan a representación da UVigo neste proxecto, no que tamén participan a Heriot Watt University de Escocia e o Trinity College de Dublin.

Financiado polo programa Erasmus+, con preto de 400.000 euros, Justisigns2 conta, tamén, como socios con HfH (University of Teacher Education in Special Needs) de Suiza, o Dublin Rape Crisis Center e a An Garda Síochána (Ireland’s National Police and Security Service). 

A UVigo, referencia na interpretación con vítimas de violencia de xénero e coa comunidade xorda

A experiencia acumulada por investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo na creación de materiais de formación e difusión no eido da interpretación con vítimas de violencia de xénero, nomeadamente desenvolvida no proxecto SOS-VICS, así como o coñecemento das barreiras comunicativas da comunidade xorda e, concretamente, como poden afectar ás mulleres vítimas de violencia de xénero, resultaron determinantes á hora de que a UVigo participase en Justisigns2. “A UVigo foi pioneira en poñer o foco nas necesidades comunicativas das vítimas de violencia de xénero co proxecto SOS-VICS”, lembra Maribel do Pozo, que destaca que, neste caso concreto, a experiencia de organizar proxectos que combinaran os problemas de interpretación con vítimas de violencia de xénero e mais as linguas de signos veu de Irlanda, da colaboración entre a empresa privada Intersource Group e o Trinity College de Dublin.

Acadar unha maior equidade para as vítimas de violencia de xénero en situación de vulnerabilidade, nomeadamente persoas xordas e xordocegas, así como inmigrantes e refuxiadas; coñecer as principais dificultades no contexto da comunicación detectadas por intérpretes, profesionais da xustiza e outros axentes sociais que traballan coas devanditas vítimas; e dotar a estes colectivos profesionais que traballan con vítimas de violencia de xénero de formación adecuada ás necesidades detectadas, son os obxectivos do proxecto, que se aplicará nos estados aos que pertencen as entidades participantes. No caso da UVigo, as súas investigadoras e investigadores “deseñamos dous cuestionarios, e neste intre estamos en período de recollida de datos, para coñecer as necesidades formativas e as dificultades que atopan, por unha banda, as e os intérpretes de linguas faladas e da lingua de signos, e por outra, os outros axentes provedores de servizos (policía, traballo social, xudicatura, fiscalía, psicoloxía, etc.) no desenvolvemento de intercambios comunicativos con vítimas de violencia de xénero xordas ou inmigrantes/refuxiadas”, detalla Del Pozo.

Así mesmo, a UVigo tamén está a desenvolver unha acción formativa, que consiste nun curso dirixido a axentes que traballan con vítimas xordas ou que non falan a lingua do país no que se atopan, e que pon o foco en como superar as barreiras comunicativas que se producen no desenvolvemento de encontros en diferentes ámbitos (policial, xurídico, asistencial, sanitario…). “Alén diso, a Universidade de Vigo participará en todas as accións de formación e sensibilización sobre a necesidade de mellorar a comunicación coas vítimas para garantir a súa atención e acceso aos servizos públicos”, detallan as e os investigadores da UVigo.

Un ámbito de traballo novo que carece de formación especializada

A pesar da súa experiencia nas necesidades comunicativas das vítimas de violencia de xénero, Justisigns2 supón unha novidade para as e os investigadores da UVigo, “posto que é a primeira vez que se xuntan dúas liñas de traballo: dunha banda, a interpretación con vítimas de violencia de xénero e, doutra, o colectivo xordo e as linguas de signos. Ademais de esixir a colaboración de persoas de diferentes áreas: a Socioloxía, a Interpretación e a Lingüística”, sinalan as e os investigadores, que confirman que nos últimos anos medrou moito a oferta formativa sobre violencia de xénero para todas as persoas que asisten a vítimas, estendéndose esta oferta tamén as mulleres xordas, desde o propio movemento asociativo xordo, pero “que saibamos non existe formación especializada para intérpretes que traballan coas vítimas, sexan xordas ou inmigrantes”, explican.

O proxecto que comezou a finais do ano 2019 e se prolongará ata mediados do ano 2022, aínda que podería ampliarse por mor da covid, atópase neste intre, segundo os representantes da UVigo nun momento crítico, “posto que estamos pasando  o cuestionario a dúas poboación meta, profesionais da interpretación e mais a axentes que traballan nunha diversidade de servizos, como son os policiais, xudiciais, traballo social, medicina, etc. Cos resultados destes cuestionarios estaremos nunha mellor posición para crear os materiais de formación”, explican. Así mesmo, estase a crear un comité de persoas expertas con representantes de xudicatura, fiscalía, avogacía, medicina, traballo social, psicoloxía, comunidade xorda e intérpretes.