DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diferentes profesionais participan nunhas xornadas sobre a industria da madeira

A investigación e innovación, claves para facer medrar a Galicia como potencia forestal

Os primeiros coloquios centráronse nas explotacións arbóreas e no sector do taboleiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/11/2022

Practicamente a metade da superficie de Galicia son masas arboradas, que ocupan preto de 1,5 millóns de hectáreas do territorio dunha comunidade que se sitúa entre os once principais produtores de madeira de Europa. Estas foron algunhas das cifras que o director do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, puxo sobre a mesa na primeira conferencia das xornadas Innovación na cadea forestal-madeira de Galicia, dirixidas a afondar no papel da I+D+i nesta industria, desde no referido á explotación das masas forestais ata a xeración de novos produtos a partir da madeira. Coordinadas polos profesores Pedro Figueroa e Adela García-Pintos, trátase dunhas xornadas dirixidas a achegar o alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal as visións de diferentes profesionais, que poden seguirse tanto de xeito presencial como virtual.

O primeiro paso, conseguir uns “montes sostibles”

Director desde 2014 dun centro de investigación que en 2023 cumprirá 80 anos de historia, Martínez Chamorro foi presentado polo director da EE Forestal, Juan Picos, que lembrou tanto a traxectoria deste enxeñeiro de montes, que foi profesor asociado da escola durante máis dunha década, como o propio papel que xogou o CIF no impulso dos estudos universitarios de enxeñaría forestal en Pontevedra. Nese senso, Chamorro sinalou tamén na súa intervención o “polo de investigación importante” en torno a este sector que se agrupa neste municipio e no que se insiren tanto a EE Forestal e o CIF como a Misión Biolóxica de Galicia ou a Estación Fitopatoloxía do Areeiro. Un dos obxectivos da súa conferencia foi nese senso pór o foco “nas conexións entre a investigación e a industria” e na importancia que esta ten para os diferentes axentes do sector. Neste punto, Martínez Chamorro afondou no labor de “investigación aplicada”, dirixida a “solucionar os problemas que ten o sector”, que levan a cabo neste centro dependente da Xunta de Galicia. Concretamente, referiuse a un labor que centran no “primeiro elo desta cadea, que é o monte”, en ámbitos como a mellora xenética de especies, “para que teñan unha maior calidade e resistencia ás enfermidades”, ou na recuperación das zonas afectadas polos incendios forestais, que sinalou como a “principal ameaza” deste sector.

Nese senso, sinalou que o labor do CIF céntrase en contribuír á “sostibilidade do monte”, que constitúe, ao seu xuízo, o elemento clave para o futuro desta industria. “Se non hai un monte sostible, non hai un monte explotable de ningunha maneira”, concluíu Martínez Chamorro, que incidiu nas posibilidades de Galicia, “a primeira produtora de madeira de España”, para dar resposta a novas demandas do mercado no referido á aplicación dos produtos derivados da madeira en industrias como a da construción ou o téxtil.

Tras unha primeira conferencia centrada na investigación aplicada ás explotacións forestais, o segundo dos coloquios puxo o foco nun “sector que foi moi importante na industrialización da cadea”, como sinalou Figueroa, o do taboleiro. Fíxoo nun relatorio do experto en tecnoloxía de transformación da madeira Jaime Bermúdez, que tomaba como punto de partida o libro no que percorre a historia da industria do taboleiro en Galicia. O que fora director de Finsa e do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira), así como presidente do consello de Sogama, centrou a súa conferencia na “historia e evolución tecnolóxica desta industria”, para logo deterse tamén na súa situación actual e perspectivas de futuro.

Dúas conferencias máis o luns 28

Organizadas por Figueroa, coordinador do grupo G4Plus, e García-Pintos, do grupo Rede, xunto coa Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, coa colaboración da EE Forestal, a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica, estas xornadas continúan o luns 28 con dúas novas conferencias. Nesta segunda sesión, o ciclo contará coas intervencións do xerente do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, Ricardo González, que afondará na aposta pola innovación das industrias agrupadas nesta organización; e do técnico de I+D+i da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Gonzalo Piñeiro, que ofrecerá un relatorio titulado A innovación na industria da madeira: situación actual e tendencias.