DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Medirase a representantes doutras 49 universidades de todo o Estado

A investigación de Sara Albán sobre o poema medieval 'Prick of Conscience' representará á UVigo no concurso #HiloTesis

En 18 chíos resume a súa tese sobre este manuscrito “superventas” da Idade Media

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/05/2022

Prick of Conscience é un poema medieval que data da primeira metade do século XIV. Polo número de copias que existiron deste manuscrito sería o que hoxe consideramos un “superventas” nunha época na que aínda non se inventara a imprenta. Este texto relixioso centra a tese de doutoramento Sara Albán, estudante do programa de Estudos Ingleses Avanzados, que acaba de ser seleccionada para representar á Universidade de Vigo na fase nacional do concurso #HiloTesis. 

Albán competirá con representantes doutras 49 universidades españolas nun certame que propón o reto de dar a coñecer as teses de doutoramento nun fío de non máis de 20 chíos coas limitacións e posibilidades que ofrece a rede social Twitter. No caso da doutoranda da UVigo, foron en concreto 18 chíos e numerosas imaxes e gifs os que precisou para explicar, a un público non especializado, como se escribían os manuscritos na Idade Media ou como cambiaron as letras e a decoración.

A tese de Albán está xa na recta final e conta con poder depositala no último trimestre deste ano e defendela a comezos de 2023. “Agora mesmo estou no último período de escritura e revisión”, explica, polo que cando descubriu o concurso a través dunha lista de distribución para PDIs decidiu participar “porque é algo que me gusta e que me parecía divertido”. Destaca que a experiencia “estivo moi ben” porque lle permitiu “contar con máis detalle o que fago, tanto a amigos como a coñecidos, xa que como é algo tan específico, ao final, só dou pinceladas de todo o que fago”. Á hora de resumir anos de traballo nun fío de Twitter, a investigadora recoñece que o máis complexo non foi o proceso de síntese, -“tiña bastante claro que quería incluír e como o quería contar”-, senón “explicar o que fas cun vocabulario que non sexa específico, que é o que uso cada día”. 

O poema máis popular escrito en inglés antes da invención da imprenta

En 18 chíos, Sara Albán explica como Prick of Conscience se fixo moi popular na Idade Media e, como pola cantidade de reproducións que tivo, hoxe en día sería considerado “un superventas”. Trátase dun texto relixioso do que se conservan máis de 300 copias, “que son moitísimas tendo en conta que pasaron máis de 500 anos e tiveron que sobrevivir a moitas dificultades”.

Relata no fío que para elaborar a súa tese escolleu cinco copias “que representan os cinco dialectos do inglés medieval”, co obxectivo de “describir a súa composición, proceso de produción e as características máis destacadas da escritura, como as letras que usaban e xa non existen ou as abreviaturas que incluían”. 

A investigadora, chío a chío, vai relatando os pasos da súa tese, comezando por describir cada un dos textos, dende o material usado ata as tintas, o tipo de escritura, etc. Outro dos pasos do seu estudo é determinar cantos escribáns ou decoradores participaron na produción de cada texto. Para Albán, a parte máis interesante do seu traballo é a que se centra na escritura. Como explica no fío, “exploro o uso das letras para intentar establecer patróns en relación a tres variables: posición na palabra, forma das letras que a rodean e el tipo de palabra (gramatical o léxica)”. O mesmo proceso é aplicado tamén ás abreviaturas, de modo que como ela mesma explica, “analizo máis ou menos entre 27 e 30 letras e entre 1 e 11 abreviaturas”. 

A decoración é outro dos aspectos nos que se centra no seu estudo. A este respecto destaca que “hai moita variación porque depende de onde se preparou o manuscrito e dos recursos económicos dos que dispuxese a persoa que o encargou”. 

A análise de todos estes aspectos permítese determinar que, a grandes trazos, “a maioría dos manuscritos están escritos en pergamiño nun tipo de escritura concreto, por un escribán principal e coa axuda dun decorador, outro para o texto en vermello e o corrector”. No que se refire aos caracteres, explica no fío gañador, “normalmente a variable que establece o patrón de uso é a posición na palabra”, mentres que nas abreviaturas “as expansións son sempre máis comúns e a maioría atópanse en palabras de orixe romance e con pouca frecuencia”. Finalmente, sobre a decoración, a información obtida permite á investigadora determinar que tan só nun par de manuscritos é elaborada, “pero nunca en exceso nin con materiais caros”; no resto, pouca o ningunha decoración. 

317 fíos presentados

Ademais da fase nacional, as tres universidades galegas organizaron tamén unha modalidade autonómica, na que participaron os gañadores da UVigo, USC e UdC. Finalmente, o xurado composto polo equipo de Ciência e Tal, Andrea Muras, de Ciencia Miúda, Joana Magalhães, de Science for Change e Javier Pedreira Wicho, dos Museos Científicos Coruñeses e Microsiervos, deu por gañador o fío de Alejandro Gómez Pazo, da USC. 

En todo caso, esta non é unha fase eliminatoria, polo que os tres representantes das tres universidades participarán na final nacional xunto cos gañadores doutras 47 universidades. En total, na fase previa rexistráronse 317 fíos, e 45 das 50 universidades participantes presentaron máis dun fío. Na UVigo presentáronse sete, cinco dos cales pasaron o primeiro corte e, entre eles, foi o de Albán o gañador.