DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belén Rubio asumirá as dúas competencias

Investigación e Transferencia reunifícanse nunha única vicerreitoría

Na procura de maior operatividade e aforro económico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 13/05/2020

A estrutura do equipo de goberno da Universidade de Vigo remodélase coa reunificación das vicerreitorías de Investigación e Transferencia, que ata o de agora desenvolvían as súas funcións de xeito independente. Así, Belén Rubio sumará ás súas funcións como vicerreitora de Investigación as de Transferencia, que ata o de agora desempeñaba María Consuelo Pérez. “Con esta remodelación das vicerreitorías buscamos, se cabe, maior operatividade en dúas áreas de traballo que están fortemente interconectadas, como son a investigación e a transferencia”, explica Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, que agradece a dedicación e o traballo desenvolvido estes anos por María Consuelo Pérez á fronte da Vicerreitoría de Transferencia.

Así mesmo, o reitor explica que con esta fusión de dúas vicerreitorías nunha, a institución académica reduce gastos e promove unha política de austeridade económica “nun momento especialmente complicado para todos, incluídas as institucións académicas”. Coa integración de Investigación e Transferencia o número de vicerreitorías da Universidade de Vigo acada as nove: Planificación e Sostibilidade; Comunicación e Relacións Institucionais; Economía; Ordenación Académica e Profesorado; Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación; Vicerreitoría do Campus de Ourense; Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e Investigación e Transferencia.