DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘To dwell, to heal’ pode verse entre venres e domingo na Sala da Capela do Hospital

A investigadora Tatiana Lameiro cuestiona “a maneira na que habitamos” o planeta nunha exposición en Cangas

Con obras creadas a partir de materiais de refugallo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 19/06/2026

Baixo o título de To dwell, to heal, a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Tatiana Lameiro articula unha reflexión sobre “a maneira tan conflitiva na que habitamos este planeta” nunha exposición na Sala da Capela do Hospital de Cangas. Nela, a investigadora do grupo dx5 (digital & grahpic art research) presenta un conxunto de obras creadas a partir de materiais de refugallo, coas que propón un achegamento ás “poéticas do residuo”, sinala. Faino nunha mostra que comparte espazo cunha exposición do artista plástico José Antonio González Azpeitia, da que Lameiro é comisaria e que permite facer confluír nun mesmo espazo “dúas miradas que transforman a nosa relación coa contorna”. 

Promovidas coa colaboración do Concello e presentadas en espazos separados da sala, estas dúas mostras poden visitarse desde a mañá deste venres e ata este domingo 21, en horario de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, na Sala da Capela do Hospital, reunindo “dous universos conceptuais que se complementan e dialogan nun espazo arquitectónico único”. 

A intersección entre o artificial e o natural

Integrante do grupo dx5, a práctica artística e investigadora de Lameiro “sitúase nas marxes da gráfica contemporánea e a arte de campo expandido, explorando a disolución de fronteiras entre disciplinas visuais, o deseño e a creación contemporánea”, segundo recolle o texto de presentación desta exposición. Nela fai uso precisamente da gráfica expandida para promover unha reflexión “sobre a intersección entre o natural e o artificial”. Con esa idea, a artista fai uso do residuo como materia prima dun proxecto que busca outorgar unha “nova dimensión estética e política” a materiais de refugallo industriais ou cotiás. Deste xeito, buscas coas súas obras pór en cuestión “as pegadas da acción humana sobre a paisaxe contemporánea", situando as diferentes pezas "nun territorio de intersección onde o construtivo e o orgánico dialogan”.

Ao mesmo tempo, este proxecto artístico establece un diálogo con Multioptría, unha mostra na que Azpeitia “afonda nas fronteiras da percepción”, como sinala a súa comisaria. Nunha mostra cuxo título fai referencia a esa “mutiplicidade da mirada”, este artista plástico presenta unha serie de obras nas que “a superficie pictórica convértese nun campo de orientación inestable” e nas que a abstracción permite explorar “a relación entre orde e fractura, equilibrio e desorientación”, a través de obras pictóricas que conservan as pegadas do proceso de traballo e as súas correccións.