Nun proxecto desenvolvido no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo
Investigadoras da Facultade de Comunicación seguen o rastro das invisibilizadas pioneiras da publicidade na provincia de Pontevedra
A incorporación normalizada das mulleres ao sector prodúcese na década de 1990
Nas décadas de 1970 e 1980 apenas había mulleres nas axencias de publicidade da provincia de Pontevedra e as que traballaban neste sector ocupaban fundamentalmente postos administrativos. Non sería ata década de 1990 e comezos dos 2000 cando a muller se incorporou a esta industria “de xeito masivo”, mais cun “lento acceso a postos creativos e directivos”, moitas veces vinculado ao impulso de proxectos de emprendemento. Estas son algunhas das conclusións extraídas do estudo realizado por un equipo de investigadoras e investigadores da Facultade de Comunicación co obxectivo, explican, de “identificar e dar visibilidade ás mulleres que contribuíron ao desenvolvemento do sector publicitario e da comunicación na provincia e comprender as razóns polas que moitas delas quedaron fóra da memoria profesional do sector”.
Coordinado pola tamén decana da facultade, Emma Torres, trátase dun traballo desenvolvido no marco da Cátedra de Feminismos 4.0, promovida pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. O seu obxectivo era tratar de identificar as “pioneiras” da publicidade na provincia, así como profesionais de referencia, a través dun conxunto de entrevistas que levaron a constatar, recoñecen, a “invisibilidade das pioneiras anteriores” á década de 1990. “Sabiamos que existían mulleres traballando na publicidade dende hai décadas; pero non aparecen en textos, non formaban parte da historia oficial e, sobre todo, non eran recoñecidas como pioneiras ou referentes a ter en conta”, sinala Torres das motivacións dun proxecto que hai unha semanas celebraba na sede da Deputación en Vigo unha xornada de debate e presentación de resultados, que agora se recollem tamén nun vídeo divulgativo.
Baixo o título de Mulleres e publicidade en Pontevedra. Identificación das pioneiras da publicidade na busca de referentes para as profesionais do futuro, neste proxecto participaron, xunto con Torres, as investigadoras Silvia García Mirón, Julinda Molares e María Gómez e o investigador Vicente Badenes.
Un “mapa inicial” de referentes e pioneiras
A primeira fase do proxecto, explica Torres, foi unha “revisión bibliográfica e hemerográfica para coñecer a realidade da situación da muller na publicidade” ante a ausencia de datos sobre aquelas profesionais que poidan considerarse “pioneiras ou referentes do sector en Pontevedra”. Isto levou á súa vez á realización de preto dunha trintena de entrevistas “a xerentes, directoras creativas, responsables de contas e profesionais con traxectorias diversas”. Estas, explica a investigadora do grupo Sepcom, permitiron recoller “o nome de referentes que teñen desempeñado a súa actividade profesional a partir de comezos dos 2000”, así como identificar profesionais que traballaron na industria publicitaria nas décadas de 1980 e 1990, mais neste caso só a partir de “testemuñas orais”, dada a ausencia dunha “pegada dixital da súa traxectoria”. Alén disto, recoñece Torres, “as pioneiras do sector, que se atoparían en décadas anteriores, son moi dificilmente identificables e requirirán maiores recursos e traballos de campo e de documentación”.
Non obstante, este traballo permitiu poñer o foco en nomes como Paula Carrera, quen fundou en 2003 a axencia Torres & Carrera; Teresa Requena, que, entre 1995 e 2001, foi a primeira directora creativa de Canal Uno; Marta Alfageme, socia fundadora de RP3 en 1993; ou María Isabel Viana, fundadora en 1980 de Publicidad Galicia, hoxe Publigal. Esta serie de entrevistas permitiron nese senso trazar “un mapa inicial das mulleres mencionadas como referentes e pioneiras” e pór de relevo o labor destas profesionais, mais tamén na dificultade de “recuperar os nomes das décadas anteriores”. As e os profesionais de maior traxectoria sinalaron nese senso nomes como os de Victoria e Mari Covelo, de Ever Publicidad; Lola Vázquez en Alas Publicidad, logo Píntega; ou Chelo Alonso, en Variographik.
O proxecto abrangueu tamén unha serie de “entrevistas en profundidade” a diferentes profesionais do sector, cuxas experiencias, recoñece Torres, mostran unha serie de “patróns comúns”, como “unha carreira marcada pola autoesixencia, a necesidade de demostrar máis ca os compañeiros, os retos da conciliación e a importancia das redes de apoio”.
Incorporación ao sector e falta de referentes
As entrevistas permitiron afondar noutra serie de cuestións, como que a “incorporación normalizada” das mulleres ao sector en Galicia “prodúcese a partir” da década de 1990, alén das tarefas administrativas. De feito, “a existencia de mulleres en cargos directivos de axencias de publicidade da provincia non pode ser constatada ata finais da década de 1980 e comezos de 1990”, sinala o equipo investigador. Ademais, a súa incorporación a estes postos “ten relación directa coa posta en marcha, pola súa parte, de iniciativas de emprendemento”. O estudo permitiu tamén pór de relevo “o papel decisivo da formación universitaria”, posto que o “maior recoñecemento profesional” das mulleres nesta industria coincide coa implantación dos estudos de Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo.
Coa investigación confírmase tamén que “os referentes iniciais dos e das profesionais do sector axústanse á figura de home de raza branca do ámbito anglosaxón”, alén das referentes “de proximidade”. Non obstante, o traballo desenvolvido permitiu constatar tamén a existencia dunha xeración de publicistas “comprometidas coa igualdade e activas na loita contra o sexismo”.
De feito, o sector da publicidade “é considerado, no momento actual, igualitario e incluso feminizado”. Nese senso, “os comportamentos discriminatorios no sector identifícanse nas relacións con actores externos”, como provedores ou clientes, por parte das participantes neste estudo, “sendo practicamente inexistentes no seo das empresas de comunicación”. Non obstante, as estruturas das empresas “manteñen un modelo no que os postos directivos están ocupados por homes e a práctica totalidade ou a maioría das traballadoras dos seguintes niveis son mulleres”, coa excepción daquelas iniciativas resultado do “emprendemento feminino”.
Unha liña de traballo que continúa
Impulsada en 2024, esta investigación traducíase nas últimas semanas en resultados como un vídeo sobre a historia das mulleres na publicidade na provincia e verase continuada coa posta en funcionamento dunha “zona expositiva permanente de mulleres referentes no sector publicitario na Facultade de Comunicación”, coa que contribuír “a un maior apoderamento das futuras profesionais”, apunta Torres. Do mesmo xeito, esta iniciativa viuse continuada por un novo proxecto desenvolvido ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0, liderado por Silvia García Mirón e centrado en continuar identificando referentes “a través de egresadas da facultade”. Nese senso, Torres lembra que trátase dos primeiros pasos dunha investigación dirixida a “reconstruír a memoria publicitaria da provincia e devolverlle ás súas protagonistas o espazo que lles corresponde na historia do sector”.
