Nun proxecto financiado polo Plan Social Ence, que inicia na Lama as súas medicións
Investigadoras de Fisioterapia avalían os beneficios do contacto coa natureza en persoas con afeccións cardíacas
Centrado en coñecer o efecto de camiñadas por bosques no sistema nervioso autónomo
Máis de 30 persoas con afeccións cardíacas e da árbore arteriovenosa participaban na mañá deste luns na carballeira das Ermidas, no municipio de A Lama, nunha camiñada inserida nun proxecto de investigación dirixido a coñecer os beneficios do contacto coa natureza sobre a saúde e o benestar das persoas afectadas por este tipo de patoloxías. Promovido polo grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1) e financiado polo VI Plan Social Ence Pontevedra, este estudo busca avaliar os efectos no organismo da actividade física en contornas forestais con diferentes características. Concretamente, o proxecto céntrase nos seus efectos na regulación do sistema nervioso autónomo, asociado a estados de estrés e relaxación.
A coordinadora do grupo FS1, Eva María Lantarón, e a tamén investigadora deste grupo inserido no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, a fisioterapeuta Ana Gil, integrante tamén do grupo AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal, son as responsables do proxecto EVA, que promoven coa colaboración do Concello da Lama e da asociación Pontecorazón. “O que queremos ver é como a exposición á natureza a través da actividade física provoca cambios en variables fisiolóxicas”, sinala Gil Iglesias. Con ese propósito, realizan unha monitorización da “variabilidade da frecuencia cardíaca” nas máis de 30 persoas que participaron nesta xornada nun percorrido pola carballeira das Ermidas, á que acudiron tanto veciños e veciñas deste concello como persoas procedentes de diferentes municipios da provincia, grazas á colaboración de Pontecorazón, representada tamén nesta xornada polo presidente e a secretaria da asociación, Pedro Báez e Eva Paula Tomé. As e os diferentes participantes nesta primeira ruta tomarán parte tamén noutros percorridos ao longo deste mes de xuño, que se levarán acabo en contornas naturais "con características claramente diferenciadas".
O obxectivo do estudo, explica Gil, é “observar que cambios hai nesa variabilidade” e que corresponderían á súa vez cunha “maior activación do sistema nervioso simpático ou do sistema nervioso parasimpático”, vinculados, respectivamente, coa activación e axitación e coa relaxación e o sosego.
Continuidade a un proxecto previo
Aínda que se trata, como lembra Gil, “dun estudo independente”, este estudo continúa a liña de investigación que o grupo FS1 iniciaba o pasado ano, nun proxecto que contou tamén co financiamento do Plan Social Ence. Neste caso, as investigadoras da Facultade de Fisioterapia buscaron avaliar a influencia das características das contornas forestais na regulación do sistema nervioso autónomo. Este primeiro estudo, no que empregaron unha escala da calidade ambiental desenvolvida polo grupo AF-4, levouse a cabo con poboación adulta, acadando resultados “positivos”, que se atopan pendentes de publicación.
Inserida á súa vez na tese que Gil desenvolve no programa de doutoramento do Campus Crea, nesta nova investigación, o grupo FS1 centra a súa análise “en poboacións clínicas”, como serían persoas afectadas por cardiopatías, arritmias ou hipertensión arterial. Deste xeito, o propósito desta investigación é constatar os beneficios para estes colectivos de “estratexias accesibles para todo tipo de poboación”, como sería a realización de actividade física lixeira en contornas naturais.
Contornas naturais con diferentes características
As medicións para este estudo lévanse a cabo tanto nesta xornada como noutros percorridos que se levarán a cabo neste municipio ao longo deste mes de xuño, en contornas naturais con "diferentes caracteríticas visuais". Como explica Gil, a idea é realizar percorridos por bosques con diferentes características, relativas tanto “a luminosidade e a que hai maior ou menor visibilidade”, como a densidade das árbores ou as propias características do terreo, aínda que en ambos casos se trata de percorrido cun baixo grao de dificultade e desnivel.
Presentación en A Lama
Os obxectivos deste estudo sobre os efectos do contacto na natureza co organismo foron presentados a pasada semana a varias e varios dos participantes no percorrido deste luns nun acto desenvolvido no Concello de A Lama. Esta presentación levouse a cabo coincidindo coa clausura dun programa de exercicio físico para maiores de 70 anos, desenvolvido en colaboración do Servizo Galego de Saúde e o grupo FS1 da UVigo. O investigador da Facultade de Fisioterapia Lorenzo Justo e o director deste programa, o fisioterapeuta do Sergas Guillermo Bilbao, foron os responsables dunha iniciativa na que participaron máis de 60 veciñas e veciños deste municipio.
