Dirixidos a reducir os efectos da diástase de rectos abdominais
Investigadoras de Fisioterapia constatan os beneficios no posparto de dous programas de exercicio
Un centrado na realización de abdominais clásicos e outro de hipopresivos
A pesar de ser empregados con frecuencia na práctica clínica, son escasas as investigacións sobre os exercicios hipopresivos, realizados en apnea con aspiración diafragmática. Co obxectivo de coñecer os seus efectos sobre a diástase de rectos abdominais, que as mulleres poden padecer tras o parto, investigadoras da Facultade de Fisioterapia levaron a cabo o primeiro ensaio clínico dirixido a avaliar os efectos deste tipo de exercicios fronte a esta patoloxía, que pode dar lugar a problemas como dor de costas ou distensión abdominal. Un artigo publicado na revista científica Plos One recolle os resultados deste estudo do grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1), que buscaba comparar as melloras que xeradas por un programa de fortalecemento abdominal baseado nos hipopresivos fronte a outro realizado con “exercicios abdominais clásicos”, explican, constatando que ambos teñen un efecto positivo similar.
As integrantes do grupo FS1 Iria Da Cuña, Eva María Lantarón e Mercedes Soto levaron a cabo este traballo xunto co investigador da Universidade de Lisboa Augusto Gil. Desenvolvido con pacientes de diferentes centros de saúde da área de Vigo, na investigación participaron 28 mulleres de entre 25 e 40 anos, que deran a luz nas oito semanas previas ao inicio do estudo e que realizaron, divididas en grupos, dous programas de exercicio terapéutico de doce sesións dunha hora, que incluían unha serie de exercicios de mobilidade e estiramento comúns, para logo centrarse nun dos casos nos hipopresivos e noutro, en exercicios abdominais clásicos. O obxectivo do traballo era coñecer os seus efectos, tanto de xeito inmediato como unha vez completado o programa, na distancia interrectos, espazo que se corresponde “co tecido conxuntivo que coñecemos como liña alba”, explican desde o grupo FS1.
Os cambios hormonais e as tensións que produce o crecemento do feto sobre a parede abdominal fan que esta distancia se incremente durante o embarazo, dando lugar á diástase de rectos abdominais, a separación do ventre dos dous músculos rectos abdominais. Esta situación, explican, resólvese en moitos dos casos de forma espontánea tras o parto, mais cando isto non acontece pode derivar nunha serie de problemáticas. “O estudo confirma a importancia do exercicio terapéutico para a redución da distancia interrectos”, salienta Da Cuña.
Dous programas con efectos beneficiosos
“É o primeiro ensaio controlado aleatorizado que se fai para avaliar os efectos dos exercicios hipopresivos, polo que descoñecíamos os efectos que ían ter”, recoñece Da Cuña respecto dun traballo que buscaba coñecer se algúns dos dous programas resultaría máis efectivo. Os resultados das avaliacións realizadas amosan que ambos conseguían unha redución da distancia interrectos e que, nos dous casos, os beneficios eran maiores no caso daquelas mulleres que viviran cando menos un parto previamente.
Os resultados desta investigación amosan tamén que, nas medicións en repouso, “a realización dun programa de exercicios abdominais clásicos ten maiores efectos”, o que suxire beneficios “sobre o ton muscularabdominal basal”. Pola contra, o programa de hipopresivos “mostra maiores resultados” durante a realización dunha “contracción abdominal”, engade Da Cuña. “Isto é importante, porque non só necesitaremos que distancia interrectos diminúa en repouso, senón que se reduza durante as actividades que implican unha hipertensión abdominal e para iso parece que os hipopresivos achegan mellores resultados”, subliña a investigadora do grupo FS1. Neste punto, pon de relevo que “sería moi importante comprobar os efectos destes programas en mulleres con diástase abdominal patolóxica”, xa que non era o caso de todas as participantes neste estudo e con esa idea, o grupo FS1 continúa coas súas investigacións centradas nesta patoloxía.