DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obtiveron os premios ao Mellor artigo xa publicado e ao Mellor artigo curto

Investigadores de atlanTTic gañan dous premios nun congreso nacional de ciberseguridade

Os traballos abordan o problema de atribución de cámara e os servizos detección de fraude

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • TIC
  • Investigación
DUVI 23/06/2021

As Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridade (JNIC) deixan para a Universidade de Vigo moi bos resultados. E é que nesta cita, que é unha referencia nacional no eido da ciberseguridade, organizada pola Universidad de Castilla-La Mancha en colaboración co Incibe (Instituto Nacional de Ciberseguridad), os investigadores de atlanTTic acadaron dous premios por dous artigos presentados.

Por unha banda, o xurado outorgou o galardón ao Mellor traballo xa publicado ao artigo A review of Camera Attribution Forensic Analyzer in the Encrypted Domain, asinado polos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións Alberto Pedrouzo-Ulloa, Miguel Masciopinto e Fernando Pérez-González en colaboración con Juan R. Troncoso Pastoriza, da Escola Politécnica Federal de Laussane (Suíza). A súa proposta foi seleccionada como a mellor entre 30 traballos presentados nesta categoría. No artigo, os enxeñeiros describen un sistema para resolver o problema de atribución de cámara, pero preservando a privacidade da información en todo momento. Este procesado seguro conséguese grazas a que os sinais involucrados están cifrados durante todo o proceso de computación. Polo tanto, a solución proposta permite coñecer dende que cámara determinada se sacou unha imaxe e, á súa vez, evita comprometer a privacidade da información involucrada. Os investigadores de atlanTTic explican que “aínda que o problema de atribución de cámara é xa coñecido, era a primeira vez que se resolvía traballando con sinais cifrados”. 

O segundo galardón do congreso que vén para a UVigo é o premio ao Mellor artigo curto, polo traballo Homomorphic SVM Inference for Fraud Detection, asinado por Adrián Vázquez-Saavedra, Gonzalo Jiménez-Balsa e Jaime Loureiro-Acuña de Gradiant, e Manuel Fernández-Veiga e Alberto Pedrouzo-Ulloa de atlanTTic. Este artigo está baseado no traballo fin de mestrado de Adrián Vázquez-Saavedra, titorizado polo profesor Manuel Fernández-Veiga e defendido no marco do Máster Interuniversitario en Ciberseguridade MUniCS. O traballo presenta un prototipo que permite externalizar de forma segura un servizo de detección de fraude empregando esquemas de criptografía homomórfica, que permiten traballar directamente coa información en cifrado.

Sexta edición das xornadas

A sexta edición das JNIC contou con mesas redondas e conferencias, ademais das sesións nas que se presentaron un total de 86 artigos de investigación relacionados con diferentes ámbitos da ciberseguridade como detección de Intrusos e xestión de anomalías; IA e ciberseguridade; detección de intrusos e xestión Anomalías; Goberno e xestión de riscos; ciberataques e intelixencia de ameazas; tecnoloxías emerxentes e adestramento. Os investigadores de atlanTTic presentaron as súas achegas nas sesións de investigación dedicadas a criptografía e a análise forense e cibercrime. 

O equipo do Grupo de Procesado do Sinal e Comunicacións céntrase na participación en proxectos colaborativos e iniciativas de investigación sobre seguridade da información e privacidade na nube, que lle permiten poñer en valor a súa experiencia a través de novos desenvolvementos e a exhibición e proba de tecnoloxías de procesamento de sinais encriptados en escenarios e usos relevantes. Durante os últimos veinte anos, obtiveron máis de 15 millóns de euros en investigación e os seus membros teñen publicado máis de 150 artigos en revistas científicas e 300 papers, incluíndo a participación en diversos proxectos europeos relacionados coa seguridade da información. No campo da transferencia tecnolóxica o grupo ten unha gran actividade con máis de dez patentes, entre elas seis europeas e americanas, e varios contratos con empresas para tarefas de I+D e varias licencias a compañías internacionais.