DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha serie de medicións de factores de rendemento en CC da Educación e do Deporte

Investigadores do campus avalían co Flic Flac a evolución das ximnastas acrobáticas ao longo dunha tempada

A análise permite ao club vigués obter orientacións para a preparación física das deportistas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/02/2019

Obter unha serie de datos que permitan analizar os efectos dunha tempada de adestramento nas e nos deportistas que practican ximnasia acrobática e, ao mesmo tempo, proporcionar ao club Flic Flac unha serie de informes e recomendacións que lles axuden na preparación física das e os seus deportistas de maior nivel son os dous obxectivos que conflúen na colaboración que os investigadores e investigadoras do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolven nestes meses co club vigués. Ao longo da tempada, 14 das súas deportistas sométense neste centro do campus a unha serie de avaliacións de diferentes factores de rendemento que á vez que permiten coñecer a evolución de cada ximnasta, achegan aos investigadores e investigadoras un maior coñecemento dunha disciplina deportiva, consistente na realización dunha serie de exercicios acrobáticos a partires de pirámides corporais, da que son escasos os estudos científicos, como recoñece o profesor Óscar García.

 “Estamos comezando a coñecer un deporte do que tiñamos moi poucas referencias, aprendendo cales son as necesidades destes deportistas”, salienta García do estudo que desenvolve coa colaboración dos investigadores Mario Iglesias, Alba Cuba, Tania Álvarez e Javier Carballo. 14 mozas e mozos, con idades que van dos 9 as 20 anos e que forman parte dos grupos nacional 1 e nacional 2 do club vigués, aqueles que reúnen ás e aos deportistas de maior proxección, participan nesta serie de avaliacións que se realizan tras cada período de adestramento. Trátase, explica García, dunhas probas centradas “sobre todo no sistema neuromuscular” que abranguen a avaliación da capacidade de salto en cada perna, o que permite así mesmo detectar posibles asimetrías, e a avaliación da potencia do tren superior, centrándose “nun movemento moi típico do xesto técnico” das e os portores, os ximnastas que se sitúan na base das pirámides. Estas medicións compleméntase á súa vez cun “test de composición corporal para coñecer o seu índice de masa muscular e masa graxa, xa que son atletas nos que o peso é determinante no seu rendemento, pero tamén rapaces que están en pleno desenvolvemento”, salienta García.

Seguimento pormenorizado ao longo da tempada

A colaboración que os investigadores desenvolven por primeira vez co club que dirixe Jorge Méndez comezou o pasado verán coa realización en Vigo dunha “avaliación moi completa do seu modelo de adestramento” nunha “situación simulada de competición” e das que extraeron unha serie de datos “que nos permitiron ver que tipo de probas lles poderían vir ben para levar un control do seu rendemento”, apunta García. Cos datos obtidos, deseñouse un “protocolo de avaliación para cada período de adestramento” , a partires do cal as e os deportistas acoden periodicamente ao campus para a realización dunhas medicións que permiten aos investigadores e investigadoras coñecer o seu estado en cada fase da tempada. “Xa fixemos tres e faremos outra dentro dunhas semanas, cando rematen o primeiro bloque de competicións”, apunta García, quen explica tamén que continuarán coas medicións  ao longo de toda a tempada “porque necesitamos coñecer ben como evolucionan as súas deportistas”. Nese senso, recoñece que “agora o que estamos facendo é aprender, xunto con eles, pero creo con breve poderemos sacar de aquí algún proxecto de investigación”, tendo en conta que ao pouco estudada que está esta disciplina súmase que se trata dunha análise con rapaces e rapazas, deportistas en desenvolvemento, pero que xa participan en competicións internacionais.

Información e recomendacións para o adestramento

A análise da evolución destes parámetros, xunto a súa comparación cos marcos de referencia definidos polos investigadores e investigadoras, tradúcese tras cada avaliación nun informe que pode achegar algunha “pauta específica” de apoio aos técnicos do Flic Flac. “Trátase dun club que está traballando moi ben, que nos últimos anos xa foi capaz de levar a un dos seus tríos aos mundiais e que a nivel europeo están xa rozando as medallas, polo que nós dámoslle soamente algunhas suxestións”, salienta García. 

“Para nós supón ter a tranquilidade de que estamos na boa senda”, sinala Jorge Méndez, director xeral do Flic Flac, dunha serie de informes “que nos orientan na preparación física” á vez que se trasladan tamén ás familias e que, do mesmo xeito, permiten "que un club de base, pero que conta con ximnastas internacionais", poida empregar métodos de avaliación de alto rendemento. “É unha base científica que nos axuda a argumentar o adestramento que planificamos”, engade o adestrador e preparador físico do club, Roi Pereira.