DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Artai Santos é o autor principal do artigo asinado por un grupo internacional de científicos

Investigadores do CIM describen catro novas especies e dous xéneros de insectos do Carbonífero Superior 

Teñen uns 300 millóns de anos e foron localizados na provincia de León 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 25/10/2022

Simplexpaolia prokopi, Hispanopteron romerali, Corydaloides leonensis e Mischoptera bergidensis, son os catro novos xéneros de insectos do Carbonífero Superior descritos por un grupo internacional de científicos, encabezado polo investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) Artai Santos López, que xunto ao tamén investigador do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio Bienvenido Diez Ferrer, conforman a representación da UVigo nun traballo, no que tamén se describen dous novos xéneros de insectos: Simplexpaolia e Hispanopteron. Todas as novas especies foron localizadas nos depósitos do Carbonífero Superior (Pensilvaniense tardío) no noroeste da península ibérica, na provincia de León, concretamente. “Teñen uns 300 millóns de anos, aproximadamente, e deste período son os insectos máis antigos da península coñecidos a día de hoxe, moito antes da aparición dos primeiros dinosauros”, explica Artai Santos, que sinala que, aínda que os primeiros bosques apareceron a finais do Devónico, o desenvolvemento e madurez destes ten lugar no Carbonífero, cando insectos e plantas eran os dous principais compoñentes dos ecosistemas terrestres.

Coa descrición destas novas especies e xéneros, realizada ao abeiro das investigacións que sobre interaccións planta-insecto desenvolven os investigadores do CIM, “agora coñecemos un pouco mellor a paleoecoloxía e biodiversidade do Carbonífero. O devónico/carbonífero é un período clave no desenvolvemento dos primeiros bosques e, os insectos, xunto coas plantas, foron unha peza clave neses ecosistemas hai máis de 300 millóns de anos”, detalla Santos, que lembra que os insectos son o grupo máis diverso a nivel de especies e no Carbonífero non era diferente. “Non obstante, só se coñecían oito especies diferentes desta idade en España, o que dá unha idea do pouco que sabíamos deste período ata agora”, explica.

De non ter claro se eran novas especies á confirmación das descricións

O traballo de investigación, que deu como resultado a publicación do artigo Late Carboniferous insects from the Iberian Peninsula: State of the art and new taxa, comezou cando o investigador da Universidad del País Vasco Antonio Hernández, Artai Santos e Bienvenido Diez estaban a preparar un traballo sobre as interaccións planta-insecto desta época. “Describimos varias interaccións de insectos nos fósiles de plantas, pero cando intentamos vencellar o tipo de interacción cos insectos que habitaban a zona atopámonos cun problema importante: case non había insectos descritos desta idade en España. Só se coñecían unhas oito especies e había moitos grupos que sospeitabamos que existían, pero nunca foran atopados”, explica Artai Santos, que destaca o labor desenvolvido para realizar a descrición de André Nel, paleontólogo do Museo de Historia Natural de París, de Enrique Peñalver do IGME e de Torsten Wappler, paleoentomólogo da Universidade de Bonn. “Eles son dos mellores especialistas a nivel mundial en insectos fósiles e grazas a eles foi posible a descrición dos exemplares e a revisión das entomofaunas carboníferas da península”, sinala o investigador.

O novo xénero Simplexpaolia fai referencia á simpleza da á dentro da orde Paoliida, insectos abundantes no Carbonífero de Europa e actualmente extintos e prokopi é unha homenaxe ao doutor Jakub Prokop, un recoñecido paleoentomólogo. Pola súa banda, o xénero Hispanopteron significa á ibérica e vén de Hispano, o nome co que os romanos se referían á península e pteron, á en latín, mentres que Romerali recoñece a Armando Díaz-Romeral, que foi quen atopou o fósil. Mentres, a nova especie leonensis está dedicada á provincia de León, onde foi atopada e bergidensis homenaxea á rexión de El Bierzo, onde se localizou.

Semellanzas e completas diferenzas cos insectos actuais

Simplexpaolia prokopi e Hispanopteron romerali non son só novas especies, senón que son novos xéneros taxonómicos, é dicir, son notablemente diferentes a calquera outro insecto vivo ou extinto coñecido ata o momento. Mentres, no caso de Mischoptera bergidensis e Corydaloides leonensis “coñecemos algún insectos similares do Carbonífero de Francia, por exemplo, aínda que non se coñecían na península ibérica ata o momento”, destaca Artai Santos, que explica que o único insecto que podería ser relativamente similar a algún actual é Hispanopteron romerali, cuxo aspecto podería lembrar ao dun saltón actual, aínda que con claras diferenzas. Pola súa banda, Simplexpaolia prokopi é da orde Paoliida, un grupo extinto hai millóns de anos e é o mellor exemplar deste grupo atopado na península ata agora e o seu aspecto sería bastante diferente a calquera insecto que coñecemos hoxe. Mishcoptera bergidensis e Corydaloides leonensis son Megasecopteros, un grupo tamén extinto e poderían lembrar a unha libélula, aínda que en xeral serían algo máis grandes que as actuais e con aparatos succionadores para alimentarse.

“Eu traballo sobre todo en interaccións planta-insecto, polo que o que máis me interesa de coñecer estes novos xéneros e especies é como se integrarían estes organismos nos ecosistemas carboníferos, de que se alimentarían, e como interactuarían coas plantas e coas súa contorna”, explica o investigador da UVigo, que destaca que estes insectos fósiles se atoparon xunto con numerosos restos de plantas fósiles, polo que se pode reconstruír as comunidades vexetais que habitaban. “En definitiva, o importante deste descubrimento non son os novos xéneros e especies en si, senón a peza de información que faltaba do quebracabezas e que agora axuda a entender mellor o funcionamento dos ecosistemas nesta época”, explica Artai Santos.