DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo céntrase nun dos episodios máis disruptivos para os ecosistemas do Cretáceo

Investigadores do CIM-UVigo confirma a presenza do evento climático extremo OAE 2 no rexistro sedimentario do monte submarino Vigo

Tamén reconstruíron a resposta das comunidades vexetais e dunha parte do fitoplancto a esta crise

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 26/07/2024

Os episodios anóxicos oceánicos (OAE polas súas siglas en inglés) foron importantes crisis oceanográficas relacionadas con perturbacións do ciclo global do carbono a longo prazo no Cretáceo. Un dos máis coñecidos é o OAE2, que se rexistrou en todo o mundo durante o límite Cenomaniano-Turoniano cunha duración estimada de entre 0,5 e 1 millón de anos. Os cambios climáticos e oceanográficos asociados ao OAE 2 perturbaron os ecosistemas terrestres e mariños en todo o mundo, nun período que se caracterizou por condicións climáticas extremas, niveis atmosféricos de CO2 e temperaturas anormalmente elevadas e co nivel do mar no seu punto máis alto de todo o Cretácico debido á falta dun importante volume de xeo continental.

Para coñecer o impacto real deste evento, un grupo de investigadores de varias institucións internacionais realizaron unha investigación focalizada na montaña submarina Vigo, cuxos resultados acaban de ser publicados na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology. O estudo foi desenvolvido por Iván Rodríguez-Barreiro e José Bienvenido Diez, investigadores do grupo BASAN (XM-3) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo xunto con outros científicos do Museo Sueco de Historia Natural; da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM); da Universidade de Ghent e da de Oxford. Como explica Rodríguez-Barreiro, autor principal da investigación, realizouse “unha análise palinolóxica e xeoquímica dos depósitos Cretáceos do Vigo Seamount” obtendo resultados “interesantes” como o rexistro sedimentario do evento extremo OAE2 e unha reconstrución dos ecosistemas terrestres no que agora se correspondería con Galicia e o norte de Portugal. Ademais, este traballo é especialmente relevante, xa que é a primeira vez que se fai unha análise deste tipo para esta época, e formará parte da tese de doutoramento de Rodríguez-Barreiro, que está a piques de presentar.

Confirmada a presenza do evento OAE 2 no rexistro sedimentario do Vigo Seamount

Como relatan os investigadores, o período Cretáceo medio experimentou importantes alteracións ambientais debido a condicións climáticas extremas, un vulcanismo pronunciado e a distribución dos continentes. No ámbito mariño, estes factores levaron a unha falta de osíxeno no fondo do antigo océano Atlántico, o que se coñece como Evento Anóxico 2 (OAE 2), un dos máis disruptivos para os ecosistemas desta época. Estes eventos recoñécense no rexistro sedimentario como unha anomalía de isótopos de carbono e, aínda que se sabe que as comunidades mariñas foron afectadas por estes eventos, a resposta das comunidades terrestres está pouco investigada. O estudo liderado pola UVigo céntrase no monte submarino Vigo, que se atopa máis aló da plataforma continental ibérica, xunto co Porto Seamount, Vasco de Gama Seamount e o máis coñecido, o Banco Galicia. Estes montes, detalla Iván Rodríguez, atópanse a uns 150 km da costa galega e, no caso do Vigo Seamount, trazaría unha liña recta dende a cidade portuguesa de Porto.

O equipo internacional estudou os depósitos recollidos no marco do Deep Sea Drilling Project, unha iniciativa de grande importancia no campo da xeoloxía e a oceanografía que fai sondaxes dos fondos mariños de todo o mundo con diferentes obxectivos dependendo da campaña. Neste caso, as mostras corresponden á campaña 47B, levada a cabo a finais da década de 1970, na que se estudou o flanco sur do Vigo Seamount. 

O obxectivo principal do estudo actual liderado pola UVigo era confirmar que o evento OAE 2 estaba presente no rexistro sedimentario do Vigo Seamount, “algo que se levaba sospeitando durante moitos anos pero ninguén aplicara unha análise isotópica de carbono-13”, o método principal para identificar eventos anóxicos, xa que durante estas crises se rexistran unha anomalía notoria debido ao seu efecto no ciclo xeoquímico global do carbono. O outro obxectivo, no caso de confirmar o primeiro, era estudar a resposta a este evento por parte das comunidades vexetais e dunha parte do fitoplancto, en concreto os dinoflaxelados. 

Os resultados obtidos corroboran as premisas de partida, xa que a análise isotópica, realizada no CACTI, confirma a presencia do evento. Para Rodríguez Barreiro, “o máis importante dos resultados é a resposta que se observa por parte de diferentes grupos biolóxicos”. Por unha parte, o fitoplancto veuse afectado negativamente cunha redución drástica da abundancia e diversidade de dinoflaxelados tan pronto como comeza o OAE2. No caso das comunidades vexetais, observouse un cambio florístico moi interesante, xa que durante o OAE 2 o grupo dos Normapolles (pioneiros dos Fagales, árbores con froito como as nogueiras) pasa a ser a parte dominante dos bosques. Esta resposta tamén se observara noutras partes do sur de Europa durante unha fase intermedia do OAE 2, pero no Vigo Seamount rexístrase un pouco antes, xusto ao comezo do evento, e de forma máis pronunciada. Na actualidade a dominancia de anxiospermas nos ecosistemas terrestres é o normal, pero a primeira vez que acontece isto na historia do noso planeta é no Cretáceo medio e todo parece apuntar a que un evento climático extremo como o que desencadeou o OAE 2, xogou un papel importante.

Primeira reconstrución dos ecosistemas terrestres para esta época 

No marco desta investigación, e para poder analizar a resposta das comunidades vexetais, o equipo tamén realizou unha reconstrución dos  ecosistemas que se corresponderían cos momentos previos e durante a crise do OAE 2.

Esta tarefa realizárona a partir do contido palinolóxico (esporas, pole e quistes de dinoflaxelados, entre outros) dos sedimentos do Vigo Seamount. Como explica Rodríguez, “no momento no que estes sedimentos se depositaron, o monte estaba a unha profundidade menor, pero aínda así seguía a ser un medio mariño profundo. Non obstante, algúns elementos terrestres coma esporas e pole foron transportados polo vento e as correntes de auga ata a localización do Vigo Seamount. A costa máis próxima era a da actual Galicia e norte de Portugal, polo que estamos seguros de que estes elementos representaban as comunidades vexetais desta rexión para aquel momento”, explica. Deste modo, os investigadores observan unha flora composta principalmente de “coníferas de mediano e alto porte (familias Pinaceae, Podocarpaceae e Cheirolepidiaceae) e fentos, tanto herbáceos como arborescentes (familias Anemiaceae e Cyatheaceae), que flutúan a súa dominancia dependendo de períodos climáticos húmidos e secos”. Esta é unha tendencia, engaden, “que se mantén máis ou menos estable entre o Xurásico Superior e o Cretáceo Inferior (durante uns 60 millóns de anos) pero no que se introduce un novo elemento (anxiospermas representadas polo grupo dos Normapolles) durante o OAE 2 e que será moi relevante nos 40 millóns de anos posteriores”.